Unha de indios


O gran xefe indio (con perdón doutros de mente clara, como aquel chamado Noat Sealth que escribiu en 1854 o máis fermoso dos manifestos ecoloxistas, en forma de carta dirixida ao presidente dos USA Franklin Pierce), o gran xefe indio, repito, osmou o ar e pronunciou as súas proféticas palabras: “Vai chover e así xa se arranxa todo”.

O home, pouco dado a perder o sono por calquera nimiedade, sabía por experiencia que, agardando, as cousas se lle solucionaban soas. Ese era o seu método, un método moi bo para a saúde do susodito e moi malo para a saúde da tribo porque, mentres el se entretiña seguindo o voo dunha mosca (unha bolboreta sería demasiado para o personaxe), a maior parte da poboación de Celtiberewa pasábao francamente mal.

Celtiberewa quere ser un híbrido de Celtiberia e Chippewa. Aínda que tamén podería chamarse Ophiuscheroqui ou algo así. O caso é que suxira o territorio español devido tribo.

E é que, malia a súa aparencia tranquila, o xefe, Ninsí Ninnón Senontodoocontrario, era un home moi temeroso. Temía, sobre todo, aos amos do capital, nomeadamente a bancos e empresas eléctricas. En nome destas últimas, máis que nada por non lles tocar a moral, púxolle freo ás eólicas e un imposto ao sol. A chuvia xa lles pertencía enteira e os terreos onde se almacenaba, tamén. E, por riba, exentos de impostos, non como os pendellos dos indios de a pé, as pequenas piscinas dos burguesiños e os pardiñeiros das aldeas, cadora máis pardiñeiros por menos habitados.

Porén, deu en non caer pinga e, daquela, o home viulle os dentes ao lobo. Pedíanlle medidas para frear o ascenso meteórico das tarifas da luz e, xa se sabe o que pasou, encomendouse ao deus da chuvia, por ver se choraba sobre Celtiberewa, e deu por feito que si: “Vai chover”.

E chove, amodo, mais chove. Por veces sería máis exacto dicir que orballa, pero así como nunca choveu que non escampara, nunca escampou que non chovera. Ha caer máis e con máis forza porque o xefe indio sabe o que di. E se así non fose, se non pode transformar a realidade, coñece como facer para que a percibamos doutra maneira.

E non deixa de ser curioso que o agora habitante de Celtiberewa proceda da tribo dos Galinavajos, os que, paradoxalmente, aínda exportando electricidade, ven que lles custa máis que a aqueles a quen lla envían. Do mesmo xeito, o petróleo é máis caro para os Galinavajos que para as outras tribos, malia ter unha refinería na Coruña.

O maior problema é que o outro dos grandes medos de Ninsí Ninnón é a Unión Europea e os ditados de Bruxelas. De aló chegaron avisos e non lle queda outra que acceder a que Competencia controle as peaxes da factura, un 40% en conceptos contrarios ás normativas da Unión. Agora si que a mosca emprendeu voo e non lle quedou outro entretemento ao mandatario que se dedicar ao to be or not to be, sen caveira na man, que iso sería demasiado literario. E, mentres e non, moita xente a velas vir porque, a gran xefe indio, boa barriga lle doe. Aínda que seica xa non fuma puros, en ocasións moi especiais acende a cachimba e ceiba aneis no ar, ese mesmo que osmou antes de dicir: “Vai chover”.

(Pido desculpas por escribir cousas así nunha publicación tan seria, mais ás veces só o esperpento e a parodia expresan a carraxe que provoca tanta inxustiza consentida).


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.