Unha volta máis co "piñeirismo"
Na Galiza, no campo electoral parece que o xogo do binomio dereita–esquerda españolista, coma mecanismo político que perpetúa a administración da Galiza colonizada por España quedou esgotado, sendo substituído dunha maneira progresiva por unha relación contraditoria do galeguismo co españolismo, grazas ao ascenso do nacionalismo galego hoxe liderado polo BNG, cuxa representación institucional pon en valor o galeguismo político como o referente principal para o pobo galego, na procura de superar a súa mesturanza cultural que impide o seu progreso coma galegas e galegos, impulsando o salto cualitativo necesario na descolonización do noso País.
No Estado, o bipartidismo esquerda-dereita españolista, máis esvaecido co ascenso da ultradereita españolista, continúa mandando en Madrid e na Unión Europea (UE). Neste ámbito, ao BNG só lle queda ser a voz que denuncia a opresión e subordinación colonial do noso pais traballando pola Soberanía Nacional en alianza coas outras forzas políticas das Nacións sen Estado, que tamén están subordinadas á forza baixo o decadente Imperialismo español e o da UE.
Agrupar vontades galegas
Mais para que o BNG se manteña e medre coma referente do galeguismo político necesita axuntar a maioría social galeguista baixo o seu liderado, arestora dispersa ou agrupada so o españolismo en partidos políticos de obediencia madrileña. O caso do PSOE é significativo pola cantidade de galegas e galegos que sentíndose galeguistas militan ou militaron nel, dende o poeta Celso Emilio Ferreiro até o dirixente do PSOE na Galiza Ceferino Díaz. O destacado galeguista Ramón Piñeiro, foi o paradigma desta ambivalencia. Todos figuraron nalgunha ocasión nas listas electorais do PSOE e tamén nas de outros partidos españolistas da esquerda e mesmo da dereita política.
Ramón Piñeiro López, viviu unha etapa de intensa actividade no galeguismo político. Tras ser recoñecida Galiza coma Nación pola Sociedade de Nacións (predecesora da ONU), Piñeiro participou de forma directa na propaganda do Estatuto de Autonomía do 36, xunto con outros dirixentes galeguistas, aprobado o 28 de Xuño uns días antes do Golpe de Estado franquista que colle a Piñeiro en Madrid formando parte da Comisión que entregou o Estatuto para o seu recoñecemento oficial. Piñeiro defendía con paixón o Estatuto do 36, por suposto non contaminado pola herdanza do franquismo coma o actual raquítico e prohibitivo Estatuto de Autonomía do Réxime do 78.
O golpe de Estado franquista foi demoledor para o noso País e tamén para Piñeiro, pois a diferencia doutros territorios baixo o Estado español, a liña do fronte non pasaba por Galiza e así converteuse para os fascistas españolistas nun campo de leva e exterminio. A única opción restante era fuxir ou tirarse ao monte coa guerrilla. O terror, o medo e a impotencia tiveron que apoderarse de Ramón Piñeiro, unha persoa de paz, sentimentos do que nunca máis puido liberarse e sobrepoñerse marcando as súas vivencias e pensamento por sempre. É posible que salvaran a súa vida pero en troca da súa dignidade aos ollos das e dos nacionalistas galegos.
Así, participou na guerra civil española no bando franquista para ocultar a súa pasada militancia política galeguista, renunciando a toda loita clandestina contra o franquismo, mais non foi dabondo para poder librarse da cadea, e finalmente foi detido e encarcerado en 1944 durante catro anos por pertenza ao Partido Galeguista, co que a súa renuncia á loita política foi definitiva. Estimou que o único que tiña valor era o traballar para protexer a Galiza e as galegas e galegos do xenocidio que se pretendía polo españolismo asasino e fascista, abandonando toda loita política que puxera en perigo a identidade e permanencia do pobo galego, e, xa que logo, defender o traballo cultural coma única vía legal posíbel dentro do respecto e subordinación a España e ao españolismo civilizado.
Desta maneira promoveu e traballou arreo pola auto disolución do Partido Galeguista, en contra das e dos galeguistas nacionalistas, e polo encaixe da cultura galega na castelá españolista comezando pola subordinación da lingua galega, para convivir en paz baixo o amparo das leis españolas. Mais nunca abandonou a Piñeiro o sentimento galeguista e o amor a súa Terra, expresado no súa intervención constante sobre a lingua galega, porén sempre subordinada á castelán.
Unha influencia que pervive
A posición do piñeirismo aínda ten moita influenza no galeguismo especialmente cultural, enfrontado dende unha postura españolista ao galeguismo político que hoxe traballa pola autodeterminación e liberación nacional do pobo galego. Até agora dentro do galeguismo manda a tendencia política contra españolista, pero tamén contén en pugna a piñeirista que pregoa a máxima "se non podes co teo inimigo únete a el" pero desde unha posición subordinada, sinalando a incapacidade do pobo galego en todos os ámbitos, incluíndo ao nacionalismo galego, para Gobernar a Galiza e a construción de instrumentos propios de loita política ante o invencíbel poder colonial español. Hai unha maioría de galeguistas que renunciando a un poder político propio traballan pola mellora do País e séntense españois e galegos, como bos colonizados; algúns militan en partidos políticos de obediencia española de esquerda ou dereita. É unha boa proba deste latente conflito, que só se resolverá coa descolonización da Galiza ou a súa desaparición.
Última década
Nos últimos dez anos podemos falar de dous acontecementos que visualizan o enfrontamento entre o galeguismo contra españolista e o galeguismo piñeirista. O primeiro dentro do BNG que culminou na Asemblea de Amio. Neste evento imponse a corrente nacionalista sobre a piñeirista, mais por pouca marxe, corrente que abandonou o BNG co concurso dos seus aliados da esquerda españolista madrileña. Co tempo, o BNG foi marxinado, chegando a perder as súas siglas nalgún momento, o seguinte era perder o seu carácter asembleario. O segundo foi a decisión do BNG de ir só as eleccións de ámbito galego, sen andadeiras, que tivo a aprobación maioritaria do electorado proclive ao galeguismo acadando a posición da segunda forza política na representación electoral do país.
A día de hoxe, este conflito interno no galeguismo xa rematou. O histórico Xosé Manuel Beiras, a cabeza principal da corrente galeguista partidaria até agora, da colaboración indiscutíbel co españolismo de esquerda, diante do auxe do ultra españolismo fascista fai un chamamento a votar nas eleccións polo galeguismo político unido, para frear esta ameaza do españolismo radical, que pon en perigo a simple existencia da feble democracia do Réxime do 78, e a súa substitución por un Réxime de terror para a erradicación de todo o nacionalismo liberador, como o galego, para volver ao opresor da España do pasado.
Porén, a situación de dependencia da Galiza é persistente, e cabe a posibilidade de agudizarse de novo da man de forzas políticas extra galegas, que tentarán dalgunha maneira, cunha artimaña centralista, debilitar a influencia do nacionalismo galego. Mais hoxe o BNG atópase nunha boa posición diante das referencias políticas da esquerda españolista para poder consolidar como conflito principal a oposición galeguismo–españolismo, a través das súas reivindicacións nacionalistas, en substitución progresiva do falso dilema existente no País entre esquerda–dereita españolista, mentres Galiza continúe sendo unha colonia española e o pobo galego non se desprenda do seu auto desprezo para seren o valoroso clan, mais sempre sen andadeiras alleas nin recorrer a axudas velenosas do españolismo.