O soño dunha nova Galiza que aínda se resiste a chegar

Foi o 13 de febreiro deste ano 2024, a cinco días das eleccións ao Parlamento galego, cando nos deixou o benquerido amigo Servando, profesor de lingua galega e  galegofalante exemplar ao longo e largo da súa vida, alén de persoa intelixente, xenerosa, solidaria e comprometida co seu país. Debeu de ser ao finalizar o século precedente, talvez após as eleccións xerais de 2000, cando el e quen isto escribe decidimos, conxuntamente, dar o paso de nos afiliarmos ao BNG.
undefined
Mobilización de SOS Sanidade Pública o 12 de febreiro de 2023 en Compostela. / Xan Muras
O soño dunha nova Galiza que aínda se resiste a chegar

Fixémolo porque se producira unha pequena decepción no nacionalismo ao non se ter conseguido, por pouco, grupo parlamentar nas Cortes, aínda así cuns resultados extraordinarios vistos coa perspectiva actual. Queriamos, modestamente, botar unha man para que ese obxectivo se puidese cumprir no futuro e tamén para que o noso país non tardase en ser gobernado por unha forza política propia e comprometida coa súa dignificación e coa revitalización do galego. Poucos días antes do pasamento do amigo, aínda partillamos a esperanza de que ese momento chegase agora e de que unha nova Galiza, dona dos seus destinos, agromase no horizonte inmediato. Con tal soño se foi, sen poder xa degustar ese sabor agridoce dun avanzo espectacular do nacionalismo, mesturado coa decepción de aínda a mudanza gobernamental non ser posíbel.

Causa preocupación, con certeza, sabermos que fican catro anos por diante de degradación socioeconómica do país, de entrega dos nosos recursos naturais a intereses foráneos, de manipulación indecente dos medios de comunicación públicos e de exterminio programado do noso idioma. Mais tamén sabemos que poden ficar só catro anos para que a Galiza sexa gobernada por si propia, en función dos seus exclusivos intereses e necesidades, e para que a lingua galega poida ter, por fin, un goberno amigo que acredite nela, que se comprometa firmemente na súa defensa e que promova todas aquelas medidas que a fagan avanzar decididamente pola vía da normalización.

Poden ficar só catro anos para que a Galiza sexa gobernada por si propia, en función dos seus exclusivos intereses e necesidades

Nestes próximos catro anos temos por diante unha inmensa tarefa, ardua mais tamén ilusionante: convencermos a sociedade de outra Galiza ser posíbel, de non nos resignarmos co papel subalterno que nos asignaron e de podermos valernos por nós, sen esperarmos a que de fóra veña a solución dos nosos problemas. Temos un grande potencial para sermos unha nación próspera, mais as políticas do actual Goberno galego están ao servizo de empresas foráneas que deturpan o territorio e espolian os nosos recursos. A eucaliptización xeneralizada do país altera a paisaxe, acaba coa diversidade florestal, alimenta industrias contaminantes como ENCE (que mata a riqueza natural da ría de Pontevedra para levar os beneficios a Madrid) e favorece os incendios. Se iso non for xa suficiente, agora véñennos coa ameaza dunha nova macrocelulosa –ALTRI– que porá en grave perigo o valor ambiental, hídrico, marisqueiro e patrimonial dunha ampla zana da Galiza.

Loitarmos contra a destrución do noso país e implicarmos a cidadanía nesa loita é unha importante tarefa

Que dicirmos aínda dunha industria eólica depredadora que afea a natural beleza paisaxística, expulsa populación do rural, fornece de electricidade outras comunidades que a non queren para si e apenas deixa beneficios na nosa? E, por se aínda isto tamén non abondar, xa vén aí a eólica mariña que pon en risco a pesca, un dos nosos medios tradicionais de vida e de riqueza. As empresas enerxéticas foráneas, coa inestimábel complicidade da Xunta, fregan as mans imaxinando os grandes beneficios que van tirar da colonia escollida como "terra de sacrificio". Eis unha nova "doma e castración" da Galiza.

Loitarmos contra a destrución do noso país e implicarmos a cidadanía nesa loita é unha importante tarefa para que dentro de catro anos a sociedade galega se decida, por fin, a lle dar unha oportunidade ao nacionalismo e, así, esa nova Galiza poida abrirse paso. Tornarase realidade entón o soño de Servando e de tantas outras persoas boas e xenerosas que xa nos deixaron.