Unha ollada ao españolismo do presente
Vivimos tempos convulsos, e xorde con forza no noso entorno europeo da civilización occidental, o retorno das ideoloxías conservadoras e reaccionarias, nas que o neofascismo e mesmo o fascismo sen caretas acadaron máis relevancia no mundo do sistema capitalista imperialista sumido nunha profunda crise estrutural que fai hoxe medrar a pobreza e a desigualdade, acumulando a riqueza nunhas poucas mans, dunha maneira acelerada. O racismo, a xenofobia, a violencia de toda índole incluída a do vello patriarcado contra as mulleres e as guerras imperialistas contra os pobos, xeran unha inestabilidade política e social, que neste contexto parece inevitábel.
Esta ideoloxía reaccionaria hoxe, no Estado español afúndase coa conservadora do españolismo, que na Galiza cada vez máis é contestada polo nacionalismo galego antiimperialista e solidario, converténdose así nun sólido obstáculo ante a penetración do nazi-fascismo no conxunto do Estado Español. Até agora na Galiza este non obtivo ningunha representación institucional, a diferencia do resto da Península Ibérica incluíndo Portugal.
As orixes da situación actual
Mirando no pasado histórico, a colonización da Galiza comezou co Reinado dos Reis Católicos, aproveitando as súas liortas internas. A intervención do Papado de Roma foi decisiva para a consolidación deste agresivo Reinado, tanto para o sometemento da Galiza, como para a ocupación do Al-Ándalus e o esmagamento brutal do Pobo Comuneiro de Castela, que rematou esnaquizado para construír cos seus anacos o seu Imperio Católico Apostólico e Romano para conquistar o Mundo. As intervencións papistas foron cualificadas coma unha Cruzada para a expansión do Catolicismo e a erradicación das outras crenzas relixiosas consideradas como herexías. Daquela o pobo galego non era católico, como si o eran os Reis Católicos e o pobo castelá, pero si había moitas e moitos cristiáns seguidores da Doutrina de Prisciliano, de signo panteísta, moi arraigada na Galiza, solidaria coa pobreza, e defensora da igualdade entre homes e mulleres. Finalmente foron axustizados e asasinados por impíos cos seus seguidores e seguidoras máis destacadas en Tréveris, baixo o Papado de Roma.
A Galiza herexe foi castigada e relegada baixo o clero católico de Castela aplicándoselle a “doma e castración do Reino de Galiza”, pese a ser un país cheo de cultura e riqueza, cunha lingua propia moito máis antiga e unha cultura superior a de Castela. Sen embargo, e a pesar do dano inflixido polos xenocidios dos Reis de Castela e os seus sucesores, estes non foron capaces de disolver o país, a Patria e a cultura galega, como si o conseguiron coa Católica Castela utilizando o seu catolicismo e idioma como armas de conquista, usándoas para a degradación e exterminio dos idiomas e culturas dos pobos sometidos pola súa conquista imperialista. Así estableceron as bases da identidade do Imperialismo Español para a colonización das Américas. Máis adiante Galiza foi amputada e dividida en dous anacos. A Galiza Lucense (Galiza actual) e a Galiza Bracarense (hoxe Portugal). Os idiomas castelán e portugués -orixinario da Galiza no seu conxunto, foron ferramentas usadas polo Imperialismo bicéfalo de Castela e Portugal para repartirse o mundo descuberto nun acordo coa bendición de Roma.
Máis adiante Galiza foi amputada e dividida en dous anacos. A Galiza Lucense (Galiza actual) e a Galiza Bracarense (hoxe Portugal)
Xa nos tempos modernos, co reinado dos Reis Borbónicos en España, chega a Galiza unha incipiente burguesía de orixe foráneo, en ausencia dunha auto-xerada no país. Acométese co poder Borbónico, especialmente con Carlos III desde Madrid, a organización burocrática do Estado Español. A nova burocracia española ciméntase sobre a que fora desenvolvida baixo a administración feudal dos Reinados da Casa de Austria, onde o clero castelán e a Administración de Xustiza da Santa Inquisición impuxo o seu poder opresivo e depredador sobre as Institucións galegas precapitalistas comunitarias, cun modelo propio de opresión colonial exercido polo Estado Español.
Neste modelo España substitúe a Castela na súa función colonial, e xa podemos falar de “españolismo”, e non de “castelanismo”. A pequena burguesía rural e urbana galega asóciase paulatinamente ao Estado Español opresor para fuxir da súa irrelevancia, incrustándose progresivamente as agachadas e coma quen quer e non quer, no seu crecente aparello burocrático estatal español, para se converter no seu intermediario co pobo galego e compartir con este as miserables prebendas recibidas dos amos españois. A nova clase media vaise incorporando ao Estado Español como funcionarios, xuíces, militares, curas, mestres, gardas civís, etc. convenientemente españolizados, inda que sempre xurde algunha ou algún rebelde que se cola no entrelazado do Estado Colonial español. Este conglomerado superponse en detrimento das redes de institucións galegas precapitalistas, co seu dereito consuetudinario, o lugar, a parroquia, a comarca fronte ao Código Civil españolista, e a división Provincial, introducida polos reis borbónicos afrancesados, e finalmente o idioma español imponse sobre o galego nos ámbitos dominantes españolistas que constitúen o “Cacicato gallego”, outorgado por España ao seu servizo entrelazado e centralizado en Madrid.
As novas redes de control do españolismo
A opresión e o saqueo exercido polo Estado Español co seu Poder centralista colonial non se pode cualificar como un conflito territorial, como afirman voces do españolismo, situadas a súa esquerda. Os distintos pobos e nacións do Estado Español maiormente manteñen unhas boas relacións entre eles. Son as nefastas inxerencias do Centralismo españolista as que ás veces enturban as súas conexións para reforzar a dependencia do Centro político de España.
O conflito principal do Estado Español está determinado pola existencia dun conglomerado estatal opresivo que se alimenta dos recursos económicos e financeiros que segue obtendo dos pobos sometidos, mantendo a Galiza nunha situación colonial, descoñecendo e rexeitando as características nacionais e populares do Estado Español, para saciar a unha burguesía ancorada no feudalismo das rendas e a especulación dos “Grandes de España”. Este entrelazado estatal servido por unha casta caciquil, na que abundan moitas e moitos “gallegos” desertores, que coidan de transferir de balde as riquezas do seu país de orixe, a cambio das prebendas políticas e económicas que reciben do españolismo e a formar parte del. As castas caciquís non poden existir sen amos. Na Galiza estas condicións están dadas para desgraza do país, pola falla de soberanía, ao non dispor dunha burguesía nacional, con intereses propios para defender a Galiza do saqueo da súa inmensa riqueza por parte de España.
Co desenvolvemento das redes asociativas dos partidos políticos, o caciquismo e o centralismo español, fortalécense en gran medida co aporte das clases medias galegas, xa homologadas no campo dos partidos políticos españolistas. Desta maneira deixan de seren galegos e pasan a seren “gallegos”. Mais tamén esta situación de abafante subordinación opresiva topa coa necesidade obxectiva dunha emancipación soberana do país, xa que as súas clases populares viven espoliadas, excluídas e condenadas á emigración interna e externa fora do Estado, aínda que conservando os sentimentos profundos da súa galeguidade, que crean as condicións para o xurdimento dun movemento galeguista emancipador e pluralista, para se enfrontar ao centralismo españolista nos variados ámbitos da sociedade galega nos que a conservación e defensa da lingua propia xoga unha función aglutinadora do galeguismo.
Co golpe de estado militar franquista e a chegada do fascismo da súa man a España, remata de súpeto o pluralismo político e as liberdades democráticas, pero o caciquismo na Galiza sae reforzado coa estatalización das poucas empresas nas mans dunha burguesía galega rebelde, expropiada e sendo entregada a fieis seguidores franquistas, pois agora xa é posible caciquear ca vida das e dos paisanos, e non só coas súas necesidades e miserias, como antes do Golpe franquista. Todo un verdadeiro éxito para o ultra españolismo. No campo político e cultural interrómpese de raíz o rexurdimento da lingua e cultura galegas. No ensino e nas escolas prohíbese falar galego e obrígase a nenas e nenos galegos a recitar de seguido aos 33 reis godos de memoria.
Así as e os galegos son sometidos a un gran xenocidio físico e cultural coa inserción forzada nas súas mentes do odio e auto odio, coa bendición clerical do nacional catolicismo introducido dende a nova España Imperial, coa mediación do caciquismo do país, encargado da recruta de carne de canón para o Exército de Franco. O Golpe militar fascista cometeu un brutal exterminio na Galiza, onde non pasaba a fronte da Guerra Civil. A represión foi criminal para a maioría do pobo galego enchendo as cunetas de cadáveres, pois aínda hoxe mantéñense as secuelas do medo e terror nas mentes das e dos galegos, condicionando os seus comportamentos incluso nos ámbitos políticos e electorais. O ultra españolismo de Vox o herdeiro máis vinculado ao pasado franquista, aínda non obtivo representación electoral, o que resulta sintomático deste escuro pasado, a diferencia da totalidade do resto dos pobos do Estado. Nun curto período de tempo, previo ao Golpe Militar, os representantes galeguistas conseguiron validar na legalidade republicana a votación popular maioritaria favorable ao Estatuto de Galiza de 1936, que recoñece a Galiza como Nacionalidade Histórica, cando menos.
O franquismo como sistema de dominación
Co franquismo xa instalado no Poder español, desenvólvese axiña na Galiza unha reedición corrixida e agrandada dunha política colonialista radical, comezando co desleixamento da lingua e cultura galega, prohibida nos centros urbanos habitados polas clases medias e as fuxidas do campo. Nas aldeas do rural é ridiculizada, coa imposición estrita do idioma español e desprezo absoluto do galego. Procédese de inmediato a liquidación e deformación da economía propia galega, para facela funcional e favorecedora, co concurso do caciquismo do pais e as empresas do Estado expropiadas agora xestionadas polo franquismo para a economía do Estado español, na que fica inserida coma dependente. Confórmase unha división do traballo, no que o traballo de xestión, dirección e deseño é asignado para España e os traballos primarios, a manufactura, pesca e recolección son para as e os galegos. Todas as vantaxes comparativas son a favor do españolismo, nas que as empresas estatais en Galiza franquistas exercen un papel decisivo, xa que Galiza a parte das feiras locais, carece dun mercado propio, sendo obrigada coas medidas pertinentes, políticas e socioeconómicas, a exercer de subministrador cun prezo inferior ao seu valor de alimentos, forza de traballo, materias primas e enerxía de balde coa construción de grandes obras de infraestrutura hidráulicas agresivas coa poboación e co medio ambiente galego, para a industrialización de España e cubrir os gastos do seu conglomerado político-represivo financiados co propio aforro galego grazas á emigración galega promovida polo franquismo.
Non resulta absurdo que, co tempo, e por causa da sobre explotación colonialista, Galiza deixa de ser a despensa de España debido a expulsión da súa poboación rural e algunhas das clases medias aínda non integradas no caciquismo autóctono, cara a emigración, tanto interior coma exterior, e se constituír no fundamental nunha forza de traballo urbana, ao desvincularse progresivamente do apego a terra pola súa urbanización forzada ao tempo que se degrada o campo galego e os sectores agrogandeiros, pesqueiros e forestais inzados de eucaliptos, para a produción de celulosa como materia prima para as multinacionais españolas e globais. Galiza perde a súa condición de despensa de España, pero o peor é que tamén perde a súa Soberanía alimentaria. Hoxe a poboación galega para subsistir ten que recorrer a comida lixo importada, entre outros países, dos EEUU e os seus países sometidos. Todo isto nos leva a privación das bases económicas e produtivas, na que o rural galego e as institucións galegas de base comunitaria, lugares, parroquias van esmorecendo e desaparecen no medio dos eucaliptais e o lume asociado ao seu hábitat.
O discurso caciquil, aproveitando este panorama galego de desolación, inculca con éxito na nosa mentalidade de derrotadas e derrotados a idea forza de que Galiza sobrevive grazas a España
O discurso caciquil, aproveitando este panorama galego de desolación, inculca con éxito na nosa mentalidade de derrotadas e derrotados a idea forza de que Galiza sobrevive grazas a España e o españolismo, e sobre todo co bo manexo da Administración caciquil, que rega Galiza de cartos, subsidios e favores, para cubrir as nosas necesidades elementais inmediatas. Coa “axuda” de España, e co milagre dunha Economía Financeira Circular, pechada no país, onde se recadan os cartos dos tributos e impostos e fanos circular por Madrid, e distribuídos con opacidade, cos que se pagan aos galegos e ás galegas as prestacións sociais e subsidios. Todo este proceso desenvólvese dunha maneira enredada, confusa e incomprensíbel para o común da maioría das e dos galegos. O certo é que máis da metade do recadado na Galiza desvíase para Madrid fora do noso control. No Estado, a excepción é Euskadi con Navarra, que no tema de impostos réxense por un concerto histórico bilateral, que continuou vixente co franquismo, seguramente polo medo que lles tiña Franco aos vascos.
Co desenvolvemento franquista, o caciquismo “gallego” xa se confunde co español. O crecemento do emprego para funcionarios incrustados en todas as ramas e recunchos do entrelazado españolista nutre o Estado Español cunha chea de caciques cos restos da fidalguía galega e arribistas enchufados na administración e corporacións, militares, xurídicas e represivas, relixiosas, económicas nunha relación mediadora conectada con Madrid, onde se conforma un poderoso colectivo influínte decisivo. Así o emprego público caciquil “gallego” constitúese no miolo da forza mediadora con máis influencia política, reforzada coas empresas estatais españolas e multinacionais euro-atlánticas, a crema do capitalismo imperialista. As ordes relixiosas españolas, do nacional catolicismo español, coma o Opus Dei e os Xesuítas vascos rescatados do seu desterro, cumpren unha función necesaria para a formación das e dos futuros xestores das empresas españolas ante a incompetencia innata dos Grandes de España e o seu gracioso cortello de aduladores. O “Cacicato gallego” co seu poderoso colectivo franquista madrileño, convértese nunha peza fundamental para o Poder españolista, ben asentado sobre o espolio sen límite da Galiza e do seu pobo.
A fase final do franquismo como xerme de mudanzas
Nos últimos tempos do Réxime franquista, e ante a perspectiva dunha posible caída da Ditadura asistimos a unha progresiva proliferación de correntes políticas e sociais. Madrid destaca pola explosión dun activo Movemento Obreiro da man da emigración principalmente procedente da periferia Castelá, que busca na Capital mellores condicións de vida e traballo. Axiña este movemento reivindicativo é captado polo reformismo españolista vinculado ao Partido Comunista de España (PCE). A ideoloxía reformista orixinada dentro e fóra do aparello do Estado franquista, vaise configurando e impoñendo sobre os crecentes grupiños revolucionarios xurdidos nun longo proceso competitivo de loitas internas, que van conformando as bases da parte máis activa da vangarda do que sería a futura transición a Democracia.
Por outra banda, e xa nos postremeiros anos da Ditadura, o euro imperialismo atlántico comeza a mover ficha, e así a potente ONG, Fundación Friedrich Ebert para o desenvolvemento das democracias anticomunistas, rexida pola socialdemocracia alemá, un poderoso instrumento da CIA, da OTAN e dos EEUU, intervén regando con millóns de marcos ao Partido Socialista Obreiro Español (PSOE), utilizando as súas siglas históricas para reconstruílo como unha forza electoral predominante na futura Democracia Parlamentar, debuxándose un escenario bipartito que posibilita a integración do franquismo sen Franco, que xunto co PSOE, PCE, conforman os dous actores decisivos. Unha dereita conservadora liderada por un partido político, con forte raizame na Galiza, grazas ao seu forte caciquismo vinculado con Madrid, e por outra banda unha esquerda progresista liderada polo PSOE co PCE, vencellada e apoiada pola socialdemocracia da OTAN europea. O españolismo maiormente domina estes dous bloques políticos no campo electoral, coa excepción das Nacións sen Estado como Euskadi e Cataluña debido a presencia de grandes correntes políticas apoiadas por influentes burguesías nacionais moi competentes, que condicionan no seu favor o proceso político emancipador cara a súa Soberanía e Independencia de España. Na Galiza as correntes políticas converxen na súa esencia españolista, dende o galeguismo “piñeirista” ata os comunistas españolistas, pero todas pivotando sobre a forza decisiva que ostenta o poder na Galiza, o caciquismo “gallego” como o principal sostén do españolismo conservador.
O Réxime de Franco foi o restaurador da Monarquía Borbónica, arroxada no seu dia a esterqueira da Historia polos pobos e Nacións do Estado Español, coa proclamación de Juan Carlos I, como novo Rei de España
O Réxime de Franco foi o restaurador da Monarquía Borbónica, arroxada no seu dia a esterqueira da Historia polos pobos e Nacións do Estado Español, coa proclamación de Juan Carlos I, como novo Rei de España, amparándose na Lei de Sucesión de 1943, e Franco o designou o seu sucesor a título de Rei en 1969. Coa converxencia dos dous bloques socio políticos españolistas a dereita e a esquerda xurdidos na transición, sentáronse as bases da Reforma Política do 78 e a Constitución do Réxime Monárquico Parlamentar de España dotado coa Constitución de 1978, un calco do testamento político de Franco, que soamente propugna unha maquillaxe do franquismo, na que xoga un papel preponderante o Partido Comunista español e españolista, apoiado por unha gran parte do movemento obreiro, ao controlar a súa maioría do conxunto do Estado e contrapoñer a Ruptura democrática co franquismo defendida polos sectores radicais minoritarios escindidos, e en Galiza máis adiante, polo xerme do nacionalismo galego, a UPG, e -posteriormente- o PSG, que traballan pola auto–organización do país contra esta manipulación españolista. A postura reformista e moderada do PC, que chega a estremos esperpénticos, permítelle exercer de interlocutor válido principal diante das fraccións franquistas evolucionistas, con forte presencia na Galiza oficial grazas ao caciquismo instalado no país con sólidos vínculos en Madrid. De aí, a estrema aversión, en especial do PC e por parte das e dos partidarios do branqueo do franquismo, a todo brote de nacionalismo galego, cualificando a UPG como o peor inimigo da vindeira democracia española e españolista. Para os franquistas e o seu Caudillo sempre foi preferible unha España Roxa españolista, a unha España cos seus pobos e Nacións liberadas do seu conglomerado estatal opresivo imperialista.
Na Galiza da derradeira etapa do Réxime franquista, ao abeiro da explosión do movemento obreiro galego en Marzo de 1972, na que as e os traballadores asalariados galegos rompen cos límites impostos polo reformismo españolista, comezando polas loitas obreiras de Ferrol, que fan medrar con virulencia a conciencia social e a convicción de que só coa loita pola liberación nacional galega pódese alcanzar como clase a súa propia emancipación, nunha Galiza soberana. As loitas limitadas a defensa dos prezos dos salarios, é unha espiral que perpetúa a explotación laboral do capital españolista, que é a maioría do existente no país mentres Galiza non acade a súa liberación, e isto non estaba no proxecto da dirección das CCOO e do PC, por moito que lle engadiran a G, PCG. Esta súbita toma de conciencia de clase obreira galega continuou coa Folga Xeral total en Vigo no Setembro do mesmo ano que fai rebentar as CCOO e o PCG en moitos cachos, creando as condicións para o xurdimento do sindicalismo nacionalista galego auto-organizado, que despois dun longo proceso de unificación remata con éxito coa creación da Confederación Intersindical Sindical Galega (CIG), hoxe o sindicato nacionalista que é maioritario con diferencia na Galiza.
A Transición: Do franquismo con Franco ao franquismo sen Franco
Despexado o camiño para o Réxime do 78, pola morte física, que non política de Franco, cun Rei Borbónico xa proclamado aos dous dias do seu falecemento, após do atentado mortal ao seu sucesor político indiscutíbel, Carrero Blanco da súa mesma ideoloxía e ámbolos dous incompatíbeis daquela, ca dos que foron Aliados Occidentais na Guerra contra o Eixo nazi-fascista. Con certeza, a súa continuidade política resultaba naquel intre un tanto problemática para o novo Réxime do 78. É a partir destes eventos cando xa entramos na política de consenso, a pesar dalgún estoupido de golpe de Estado. Coa aceptación da Constitución do 78 foi posible a asimilación dos sectores franquistas e mesmo das e dos condenados contra-franquistas que non cometeran delitos de sangue, e dítase a Lei de Amnistía 46/1977 que exime e blinda as e os autores e cómplices dos crimes, masacres e xenocidios en defensa da Ditadura e tamén as e os seus inimigos polos delitos de asociación e propaganda ilegal, sempre que non estiveran asociados coa violencia. Dun dia para outro pasan de seren delincuentes a exemplares cidadáns que loitaron polas liberdades de todas e todos os españois, e as e os do campo franquista convértense en probos funcionarios e eficaces defensores da Lei e o Orde establecido. Cantos máis asasinatos e torturas cometeran máis valorados serán e con máis méritos retribuídos.
Co novo PSOE refundado no Congreso de Suresnes, apoiado e financiado con abundancia por unha ONG alemá, a Fundación Ebert, vinculada a CIA estadounidense, emerxe un rapaz, letrado daquela en paro, Felipe González, que se ocupa de recrutar aos novos “militantes” no flamante PSOE, moitos procedentes da Falanxe Española que aínda saudaban no seu ingreso co brazo en alto, e algúns socialistas, encargados para controlar e representar a “casa común da esquerda españolista”. Para iso se engule aos restos do PCE, aínda que sufrindo moitas indixestións, e despois patrocinan o ingreso na OTAN do “Xardín Europeo” da UE con España baixo os EEUU, sobre a base dunha inexistente coherencia ”OTAN de entrada non”. Esta promesa, é o paradigma da actuación do PSOE en todo tempo e ámbitos, e enténdese porque están ás ordes directas da Casa Branca, que por lóxica son cambiantes, e dependen das circunstancias e os seus intereses inmediatos. Isto constitúe un exemplo da modélica transición española.
Coa Constitución do 78 baseada no deseño testamentario político de Francisco Franco, na que a súa maior preocupación é a de avogar por españolizar dun xeito uniforme no esencial, ao Estado Español, coa subordinación efectiva das Nacións sen Estado equiparadas aos demais pobos a través do Estado das Autonomías baixo o Estado Centralista Español, co establecemento da Soberanía absoluta do Estado Español e de seu Parlamento como único representante da Soberanía da cidadanía española na súa uniformidade. Que non recoñece o Dereito a Autodeterminación dos Pobos e Nacións que a conforman. Así o Parlamento Español, constitúese nun “cárcere de pobos”. Non no seu representante. Só lles falta aos parlamentarios de España un uniforme distintivo. Nese parlamento, Galiza e os demais pobos dun xeito individual, están por si mesmos eternamente en minoría, e xa que logo, sempre perderán as votacións, e polo tanto o seu dereito a decidir como tales.
Co Bipartidismo en marcha, establécese un modelo de participación electoral, a alternancia no poder gobernamental rotativo de dous partidos ou coalicións de esencia españolista, cos seus apoios xerarquizados con todas as diferencias entre eles, mantendo o consenso constitucional, ao alternarse no Goberno de España dunha maneira permanente. Para iso cóntase cos mecanismos legais precisos, para a distorsión dos resultados electorais en favor dos dous compoñentes principais do Bipartito, PP e PSOE, PSOE e PP, coa escusa da gobernabilidade de España, en detrimento das forzas nacionalistas e independentistas. Mecanismos coma a proporcionalidade progresiva á carta, as circunscricións provinciais para os amaños pertinentes, e outros que cadren sempre en favor do españolismo, onde lles sexa posible, impedir o autogoberno das nacións e pobos do Estado Español multinacional por parte das forzas democráticas e soberanas. Co Estado das Autonomías négase o dereito á Autodeterminación sen distincións, co “café para todas”, e así a uniformidade, baixo un só centro de poder absoluto, de acordo co deseño testamentario franquista.
O PP e o PSOE como correas de transmisión do centralismo
Hai que ter en conta que o PP, defensor e protector dos intereses da oligarquía tradicional española, foi o único partido político condenado e sentenciado en España como unha organización criminal e mafiosa para delinquir. Este perfil é a garantía do seu servilismo á casta depredadora de orixe feudal, dos Grandes da nobreza da España capitalista que viven das rendas, principalmente asentados en Madrid e Andalucía. Terratenentes, con unha elevada participación financeira no IBEX 35, e na construción e especulación fusionada co aparello burocrático militar e xudicial españolista, profundamente corrupto, que mantén a Galiza a través do seu caciquismo na súa dependencia e espolio sen límites dende as súas orixes.
Pola súa banda o PSOE traballou arreo desde os seus Gobernos, pola súa introdución nos entrelazados do conglomerado do Estado Español, apoiado coa axuda política e financeira da socialdemocracia euro atlántica e unha grande influenza en sectores obreiros e marxinais españolistas en competencia co PP. O PSOE comparte co PP unha relación internacional entre Estados europeos co Poder Global liderado polos EEUU, participando conxuntamente en alianzas electorais con Partidos afíns ao PP europeo e á socialdemocracia. A pesar das súas diferencias, non se pode esquecer que o PSOE foi o introdutor da OTAN en España, o que non pode dicir o PP vinculado ao franquismo, e precedido polo euro comunista Santiago Carrillo, que se ofreceu aos EEUU como garante da transición española cara a o occidente capitalista, e xa que logo, da súa órbita no imperialismo dos EEUU. Mais Roma non paga traidores, pois habitamos no seu occidente sucesor.
A resistencia ao centralismo permanece
Algunhas correntes políticas galegas nacionalistas (AN-PG e BN-PG) optaron por participar no proceso autonómico electoral, pese a seren conscientes que é un instrumento do españolismo, co obxectivo de evitar caer nunha situación marxinal inoperante. Outras non entraron no xogo, e permaneceron como un rexeitamento ao Poder españolista, ata extinguirse. En ambas vías sempre se traballou para pór en valor as reivindicacións nacionalistas, independentistas e soberanas.
Ao longo das décadas dos 80 e 90 do século pasado, coincidindo co proceso de auto organización e unidade no ámbito sindical galego que confluirá na CIG, desenvólvense na Galiza varias revoltas obreiras -até trece Folgas Xerais como mínimo- mentres no Estado Español, coa excepción de Euskadi, a Paz Social mantense baixo control dos sindicatos españolistas herdeiros do sindicato vertical franquista, vendido a prezo de saldo á Patronal e ao sindicalismo estadounidense organizado pola CIA e a patronal do españolismo. No campo político institucional o nacionalismo galego e o galeguismo político vanse agrupando nunha fronte patriótica e pluralista, o BNG, cara o liderado do país, nun proceso complexo e contraditorio, ás veces con crises. Mais pouco a pouco, consegue superalas internamente e hoxe avanza imparábel ata chegar a constituír a indiscutíbel alternativa ao Goberno da Galiza. Este feito, é a causa probable do declive do “piñeirismo” e do “auto odio” inserido no pobo galego polo españolismo, a través dos seus ben pagados medios propagandistas de comunicación e desinformación conforme medra o nacionalismo e a soberanía popular.
No Estado, coas súas diferencias, as organizacións soberanistas e independentistas seguen un camiño semellante. Cataluña, Euskadi e Galiza (Galeusca) representan as nacionalidades históricas lexitimadas na Constitución polas súas innegables traxectorias históricas e os logros de identidade plasmados nos seus Estatutos de Autonomía anteriores ao Golpe de Estado militar, ilegal e fascista do 36, as que agora se achegan as autonomías coas ansias soberanistas presentes en todo o Estado Español.
Un punto de inflexión na evolución centralista?
Na evolución do Bipartidismo como modelo de goberno centralista rotatorio español, xa no presente, nótase unha crecente debilidade que parece irreversíbel e sen volta atrás, entrando xa nunha crise de subsistencia. Hoxe o mecanismo de Alternancia está quebrado sendo a súa vixencia unha condición necesaria para o mantemento e lexitimidade dun Goberno rotatorio permanente, no que o españolismo vaise tornando, cun alarde de conflitivo pluralismo para o consumo populista, constituíndo ata agora, o instrumento idóneo para o asoballamento e espolio dos pobos e nacións do Estado Español. Na Galiza o caciquismo propio que exerce de mediador con Madrid foi creado pola dominación consecutiva de Castela, e despois de España, como colonia que subministra de balde os recursos naturais e humanos que fagan falta en tanto o caciquismo corrupto e servil que hoxe manda no PP, dende Franco, controle o pobo galego para que teña “sentidiño” e non os desmonte do Poder, para seguir gozando dos seus miserables favores caciquís.
Para iso, ao “Cacicato gallego” que goberna co PP, resúltalle vital, que a rebeldía do Movemento Obreiro Galego ante a Patronal non rompa o marco laboral español na negociación colectiva dos salarios, e a súa loita sindical non se traslade e se mesture coa loita pola liberdade Nacional e Popular, que supoña a quebra do entrelazado españolista na Galiza, xa que a Galiza como colonia, hoxe constitúe o soporte principal do aparello estatal españolista. Euskadi e Cataluña, coas súas potentes burguesías nacionais, quedan fóra do Bipartidismo electoral, e xa se manexan cunha representación institucional propia e máis plural, na que a alternancia españolista xa non conta no seu espazo nacional, dando paso a un progreso máis ou menos lineal, pero irreversíbel, cara a súa soberanía e independencia.
Neste contexto, Galiza sitúase na posición central do mal chamado pola esquerda españolista “problema territorial de España”. Ao fin Galiza existe, pero aínda como colonia, pois non conta cunha burguesía nacional no presente e no futuro tampouco, xa que o seu tempo está esgotado. Mais si podemos conseguir teren un Goberno e un Estado propio máis cedo que tarde. Galiza padece unha doenza crónica que se define como Castelao definía o caciquismo “un instrumento que o Estado Español precisa para manter e garantir o seu dominio electoral, económico e social”. Sen amo non hai caciquismo, mais esta realidade é cuestionada cada vez que Galiza emerxe en cada mobilización maioritaria obreira e popular; sexa electoral ou socio-económica, na que o Poder Popular Galego érguese en Constituínte da República Galega.
Facer fronte á nova narrativa ideolóxica españolizadora
Seguindo a pauta mundial, no Estado Español o neofascismo neofranquista constitucional e españolista radical está adaptado á realidade presente, na que os sionistas globais son os novos nazis co seu propio holocausto en Gaza, e as novas vítimas seguen a seren semitas, pero da Palestina arábica nunha “perfecta” re edición do pasado histórico. Vox, o representante en España desta renovación ideolóxica do fascismo, ten hoxe presencia institucional en todas as Autonomías do Estado a excepción de Galiza. A narrativa de Vox réxese pola máxima de Goebbels, ”se unha mentira se repite o suficiente acaba por se converter en verdade” ou, expresada doutro modo, “a verdade non é mais que a mentira suficientemente repetida”. O discurso de Vox reúne estas características na súa análise da realidade. Está cheo de demagoxia, falsidades e medias verdades. A súa política encádrase na defensa dunha Orde Mundial Imperialista Occidental, Internacional e Xerárquica, rexida pola Economía Capitalista onde reivindica a pasada Orde Imperialista feudal hispano-americana actualizada, ocupando un posto relevante para España. A recuperación do patriotismo nacional-católico contra a nova invasión mahometana, coa entrada masiva da súa emigración a España e Europa, é unha mostra.
O seu programa avoga pola uniformidade da lingua e cultura no territorio español, cunha lingua castelá coas características propias de Castela e Andalucía, para negar e erradicar os outros idiomas e culturas en España. Está radicalmente en contra do recoñecemento das reivindicacións soberanistas e independentistas presentes no Estado plurinacional español, proclamando a abolición das Autonomías que supostamente atentan contra a unidade de España. Tamén estenden o odio, medo e o conflito coas distintas emigracións, entre elas mesmas, mediante a denuncia amplificada da delincuencia marxinal sempre atribuída aos emigrantes estranxeiros, especialmente do Magreb musulmán, que visualizan como unha invasión dos inimigos ancestrais da España dos Reis Católicos que baixo o seu reinado construíu o seu anhelado Imperio Español. Na economía propugnan a exención de impostos aos ricos, comezando polo seu recorte, porque son os creadores dos postos de traballo. Queren un aparello estatal ultra centralista autoritario para a protección dos seus dereitos e propiedades contra as demandas da maioría social, que atentan contra a seguridade e a paz social das e dos españois.
Ata agora, a penetración de Vox na Galiza non foi posible por varias causas. Non primeiro caso pola memoria histórica profunda do terror fascista, na versión franquista, que aínda perdura nas mentes galegas, transmitida de netas e netos, fillas e fillos, das e dos asasinados nas represalias e masacres do franquismo na retagarda galega da guerra do 36, pois a fronte non pasaba pola Galiza, nun exercicio brutal de vinganzas e cacicadas. Así os caciques galegos instalados hoxe no PP, xa sexan da boina ou do birrete, agora son remisos a que o seu poder caia nas mans de Vox, queren o poder corrupto en exclusividade, e non as ideas que lles tentan de meter nas súas mentes, prefiren os cartos. Ultimamente, polas dúbidas na solidez do Poder madrileño, comezan a coquetear con algúns e algunhas potentadas globais e lobis presentes no país para se poñer ao seu servizo e ofrecerlles a Galiza de balde, sen deixar os capos da fariña.
Non podemos desbotar a posibilidade da restauración dun novo Réxime ultra españolista empaquetado na Constitución do 78, debidamente adaptada. Hoxe non se necesita máis que un golpe brando, se continúa a crecente pasividade da sociedade española. Nin sequera un novo consenso constitucional cheo de concesións faría falla. No presente, descartando esta hipótese, debúxanse, cando menos, no marco político do Estado Español dúas contradicións. Unha, en ascenso, determinada polos avance dos anhelos soberanistas e independentistas, presentes en maior ou menor grado nas nacións periféricas do Estado, que poñen en cuestión a mesma existencia real da Nación Española como tal, unha ficción que emana das e dos seus habitantes desarraigados e manipulados pola oligarquía españolista máis agresiva. A segunda contradición, en retroceso, sendo optimista, porque continúa viva na Europa do Capital Imperialista dos lobis, como unha reserva operativa decisiva e atinxe ao Bipartidismo PSOE-PP, PP-PSOE, que se mantén coa representación e xestión da burocracia de Bruselas, como unha alianza globalista Bipartidista, sostida pola OTAN e os EEUU.
Hai que ter moi en conta, que a representatividade galega no Parlamento Español, sen sumar as e os “gallegos” das formacións españolistas, sempre en todo caso será minoritaria e sempre diminuída pola división provincial das circunscricións electorais, a diferencia das elección europeas cunha circunscrición única de ámbito estatal, o que pon en valor a vía da participación do BNG, como líder do nacionalismo galego nunha candidatura única nas eleccións europeas, aberta aos demais países e territorios do Estado, que se sumen pola defensa dos Pobos do Estado e de Europa, dos dereitos humanos das persoas nos Pobos de Europa da UE, capitalista e imperialista da OTAN. A aposta desta candidatura colectiva Agora Repúblicas, pasa con clareza por levar adiante a Autodeterminación e o dereito a decidir dos pobos sen Estado en todo o ámbito europeo e os dereitos da súa poboación máis vulnerable, fronte o Imperialismo capitalista euro-atlántico que agrupa aos Estados opresores europeos coas súas diversas vestimentas fascistas.
Na presente Orde Mundial a loita de clases global esténdese por todo o ámbito social e territorial, abarcando todos os niveis, e pasando polas Nacións e todos os países. Nestes espazos nacionais delimítanse con máis claridade que nunca os intereses dos ricos cada vez máis ricos, e menos numerosos, en pugna cos dos pobres cada vez máis pobres e máis abundantes, nun proceso capitalista de concentración e centralización da propiedade privada nun mercado, non regulado nin proporcional da súa produción e distribución rexida polo lucro e o espolio dos pobos. A narrativa da socialdemocracia xa non confunde con facilidade á xente do común, a pesar da súa confusa teimosía demagóxica, nun entorno inzado de cuantiosas guerras e conflitos, pero tamén con moitas oportunidades para acometer a liberación nacional e popular de todos os países, e a conquista dos dereitos humanos coa Paz Universal e permanente. Mais, parece que aínda non remataron os tempos da escolla entre Socialismo e Barbarie, pois a súa vixencia semella estar en pleno apoxeo.