Un máster por facer


Se cadra por mor da historia de Lot, que á fin e ao cabo aquí, mesmo que fose de esguello, todos e todas fomos formados na cultura bíblica, temos medo de convertérmonos en estatuas de sal se miramos cara atrás, ou iso semella. Así, estamos condenados a desbaldir un capital que nos pertence e que nos sería de gran proveito. Refírome ao traballo dos políticos nacionalistas no bipartito e ao labor dos nosos parlamentarios e parlamentarias nas sucesivas lexislaturas. Con perdón dos aludidos, que non todos o son por igual, dá a sensación de que, na práctica, descoñecen a herdanza que recibiron. Así se explica que, nalgún caso, o partido gobernante lles presente como iniciativas propias refritos de leis elaboradas polos nosos. Eliminados os puntos de desacordo, desposuídas as normas do que sería xenio nacionalista, aforran traballo e imaxinación, esa cousa que non lles abunda. Daquela bótase en falta unha réplica que poña de manifesto que foron cazados en plaxio flagrante. Seguramente bastarían unhas palabras irónicas de agradecemento acompañadas de algunhas das concomitancias para poñer en evidencia o feito.

Mais o que se pon en evidencia é o descoñecemento, non quero imaxinar que o desprezo, das iniciativas dos que os precederon en tan nobre cometido. Isto lévame a pensar na necesidade de que os nosos parlamentarios e parlamentarias fagan un particular máster e se documenten na traxectoria que os levou ao posto que ocupan. Doutro xeito dá a sensación de que nin sequera nós acreditamos en nós mesmos. A por de repetírnolo, fixéronnos crer que os escasos catro anos de cogoberno co Psoe son un mal recordo que convén esquecer canto antes. Nada máis falso. Claro que houbo erros de vulto, pero a proa estaba enfilada cara a un proxecto de país que agora non se ve por ningures. Ou si que se ve, a de sermos un vagón enganchado á máquina de Madrid, capital de España.

,Nada máis lonxe da miña intención que a de lle tirar das orellas a ninguén, eu, o último gato. Eu só quixen dicir que a miúdo somos como Sísifo, a empuxar sempre a mesma pedra desde o principio, esquecendo que xa outros fixeron o esforzo de situala máis alta. Só quero reivindicar o caudal dun río cuxas augas veñen de máis arriba, poñer en valor o moito traballo feito. Moitos e moitas, por idade, lembramos os principios tan dificultados e dificultosos do nacionalismo contemporáneo, aló polos primeiros setenta; hai, loxicamente, quen non pode ter esta memoria biográfica-política directa, por exemplo porque estaba a nacer por aquelas datas. Mais, en calquera caso, é un feito obxectivo que o nacionalismo de hoxe ten varias décadas de historia e, dentro dela, producíronse iniciativas, alternativas ao "dogma" oficial, leis, plans de actuación..., en fin, moreas de documentos e intervencións sociais que non deben ser queimados na fogueira do presentismo actual. E aínda máis: eu teño por norma aplaudir, homenaxear dalgunha maneira aos homes e mulleres que me precederon e fixeron un traballo do que eu derivo e do que tiro ensinanzas. Este valor de recoñecemento -non para fomentar a vaidade e autocompracencia- , acaso non é vital nos tempos que corren, onde non temos, nos medios convencionais, a mínima cota de representación? Aínda así eu ben sei que tamén eu teño boa parte do máster por facer.

E tamén teño un soño. Soño con que un día, posuídos por unha febre integradora, saibamos extraer da loita diversa o que nos é común, o que nos une. Só dese xeito nos deixaremos de mexericadas e remaremos na mesma dirección. Doutra maneira seguiremos a gastar enerxías zoupando nos remeiros no canto de avanzar.

Isto non se contradí coa renovación do discurso nin coa autonomía e liberdade de ninguén. É, simplemente, optimizar recursos.