Se Dostoievski volvese

Ás veces unha ten a sensación de estar a vivir un soño, máis exactamente un pesadelo, ao coñecer as decisións deste goberno digno doutro nome. Cando semella que non é posíbel inventar unha medida máis disparatada, aparecen eles unindo contrarios, facendo da regra excepción e da excepción regra, como auténticos oficiantes da máis groseira patafísica. Conseguen así converternos en protagonistas dunha distopía, é dicir, dunha sociedade perversa onde todo acontece en contra da maioría das persoas que a integramos.
A última, que non derradeira, ocorrencia destes señores obrigaría a Dostoievski a modificar o argumento da súa novela O xogador. O coitado de Alexei Ivanóvich non sería un home catapultado ao xogo polo amor a unha muller, senón que simplemente tería mudado o seu oficio de titor polo de xogador de casino. Contabilizaría as súas ganancias para contribuír ao fisco, mais tamén podería desgravar as perdas. A propia afección do autor ao xogo non tería as graves consecuencias negativas que tivo para a súa vida, obrigado a fuxir do país polas débedas.Estas, as súas débedas, serían as perdas dunha empresa honorábel.
Porque resulta que agora a da ruleta é iso, unha profesión. Imaxinan? “Sr. Pérez. Ludópata, S.A.” Si, ben sei que non todos os que acoden aos casinos son ludópatas, mais os que poden facer un balance de perdas e ganancias, se non o son, ándanlle cerca.
A cousa é tan grave como que se produce precisamente no momento en que se lle retira a desgravación á compra de vivenda. Trátase de lle explanar o terreo ao capo de Eurovegas que, como se sabe, é o novo Mister Marshall e vén resolver a crise coa súa máquina de fabricar billetes.
Non intenten comprender por que as demais empresas ou profesións non poden desgravar perdas. Se vostede é albanel, médica, mecánico ou ten unha tenda de paraugas e lle saen os números vermellos, amólese por non ver onde está o futuro. Se aínda lle queda algunha capacidade de crédito, empéñese e faga xogo. Empéñese e confíe na fortuna que, aínda que ás veces lle dea as costas, Facenda estará aí para compensarllo.
E, xa postos, e tendo en conta que os premios da lotaría tamén van cotizar, deberían permitir que desgravásemos polos décimos que nin sequera teñan reintegro. Non todo o mundo pode acudir aos casinos, mais rara é a familia que non posúe un número no Nadal. Si, xa sei que para descontar perdas haberá que ter ganancias e imaxino que estas nunca poderán superar aquelas, mais non me negarán que o disparatado da medida se presta a estas brincadeiras.