Prezo e desprezo


Podería titular este pequeno artigo dun xeito máis rechamante e directo, por exemplo: “Político ou botado de xentes?”. Quen saiba o que acontece por estas terras non terá dificultade en identificar o personaxe ao que me gustaría citar con nome e apelidos, por iso non me arrisco a que me acuse de manchar a súa honra ou danar a súa imaxe. Claro que, para mancharlle a honra, tería primeiro que tela. E, polo que toca á imaxe, xa a danou el abondo coas súas arroutadas e a súa chulería paleta. Refírome exclusivamente ao seu xeito de entender o servizo público, ás súas actuacións de ‘kamikaze’, á deslealdade cos que lle deron unha segunda oportunidade, á súa democracia de opereta, aos seus principios cambiantes que se reducen a un, o ego desbordado e a paixón polo poder.

Na gaiola de grilos en que converteu a institución que tanto leva danado coa súa conduta, el é o galo que ameaza con papar a cantos non aren por onde el manda. Leva no pecado a penitencia quen non entenda, ou non queira entender, aquilo de que máis vale honra sen barcos que barcos sen honra.

O home en cuestión ponlle prezo –non necesariamente económico- a cada movemento que fai. E dáse a circunstancia de que a conxunción dos astros está ao seu favor. Dunha banda, ten o apoio do partido da oposición, sempre disposto a aproveitar os desacordos do ínclito ególatra cos seus compañeiros de partido. Doutra, a debilidade dos que lle terían que parar os pés e, de non ser posíbel, pagarlle con desprezo e non con acatamento.

Porque sucede que fronte a el, ou mellor dito ao lado, tal vez haxa un Virata. Virata, por se alguén non o sabe ou non o recorda, é o protagonista de Os ollos do irmán eterno, unha novela curta de Stefan Zweig. Un gran xuíz, home cun extremo sentido da xustiza que, por medo a tomar decisións equivocadas, renuncia ao seu cargo. Remata sendo o gardián dos cans do rei e, cando morre, ninguén lle vai ao enterro.

A ensinanza do relato é transparente: Non se pode deixar de actuar para evitar a culpa. A verdadeira liberdade é servir pese a todo. O prezo de non ser útil é o desprezo. En política, non servir, ser inútil, é xogar coa esperanza do pobo.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.