Preparándonos para o turbillón
Talvez conveña acudir ao humor e citar a Don Juan de la Cova, aquel inefábel poeta –con perdón dos poetas- e inventor ourensán, para nos referir aos tempos que corren: “El mundo está claudicante / prevaricada la gente, / las virtudes en menguante / y los vicios en creciente”. Non vou falar de vicios nin de virtudes, senón de organizacións políticas que, en efecto, están en crecente e nacen moitas delas no caldo de cultivo da xente claudicante. Permítanme, xa que logo, o recurso ao dicionario.
‘Claudicante’: Que claudica ou implica claudicación. ‘Claudicación’: Acción ou efecto de claudicar. ‘Claudicar’: [alguén] darse por vencido nunha empresa ou proxecto que non se sente capaz de realizar.
Claudicante, si, da ideoloxía. Escoitei na radio alguén, coido que de UPyD, dicir: “Nosotros no tenemos ideología, tenemos ideas”.
Volvamos ao dicionario. ‘Ideoloxía’: Conxunto de ideas que ten unha persoa ou un grupo, ou que caracterizan unha época”- ‘Idea’: Maneira de pensar sobre unha cousa concreta (collo a cuarta acepción do dicionario da RAG porque é a que máis se axusta ao contexto). Se a ideoloxía é o conxunto de ideas dun grupo, dicir que non a teñen, quererá expresar que as ideas non son comúns aos membros do partido e son intercambiábeis polas que conveñan en cada momento. Semellaría flexibilidade, e sería algo ben necesario neste mundo cambiante, se houbese unhas ideas ou principios básicos sobre as que alicerzar a acción política; mais, non sendo así, ese partido pode ser unha cousa ou a contraria segundo desde onde sopre o vento.
A ese xogo da ambigüidade se apunta Podemos que, por non perder posíbeis votos e en aras dunha democracia exasperada e exasperante, dificilmente operativa, vive nunha permanente provisionalidade á espera de que se pronuncie cada círculo, creándolle a ilusión á xente de que, se gañan, un día si e outro tamén decidirán a marcha do país desde a ágora da Praza Maior. E, seguíndoos por mor do éxito que semella acompañalos, proliferan como cogomelos nun outono chuvioso, ademais das variantes da marca, os imitadores.
Veñen todos coa andrómena da unidade a desunir, se é posíbel, aínda máis. No país do minifundio cadaquén quere a súa leira dentro da leira porque, outra cousa non teremos, mais líderes dispostos a sacrificarse no altar dunha nova política, porque aquí todo o mundo anda despistado e precisa un guía carismático, hai moitos.
Non predico o inmobilismo nin me aferro a ningún dogma; porén, moito me parece que así, confundindo e confundíndonos, máis atomizados a cadora, seremos a materia ideal para o gran turbillón. Cando este amaine e pouse o po, Galiza será máis invisíbel que nunca e os outros, os que sempre se poñerán de acordo, seguirán aí.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.