O fascismo que nos rodea

Sen entrar en grandes disquisicións, por outra parte afastadas das miñas posibilidades, quero comezar afirmando que o fascismo é intelixente, mais renega da intelixencia. É intelixente porque sabe moi ben o que quere e non dá puntada sen fío. Renega da intelixencia porque, en sendo entre outras moitas cousas autoritario, non deixa lugar ao pensamento alleo ou diverxente.
Sírvame, xa que logo, o parágrafo anterior para alicerzar a sospeita, e tamén o medo, de vivirmos nun caldo de cultivo ideal para que este ismo de infausta memoria prolifere e dea os seus amargos froitos.
E pensará quen isto ler que me estou a referir ao rexurdimento de formacións políticas de extrema dereita, como se puxo de manifesto nas eleccións europeas; porén, non vai por aí o meu pensamento hoxe. Falo de algo moito máis próximo, bastante menos alleo a nós que os partidos organizados dispostos a seren únicos.
Verbo destes, só unha anécdota do 25 de maio. Saía eu de votar nunha mesa na que había dous interventores do PP e un do PSOE. Entraba naquel momento unha parella nova, coas súas nenas da man. O mesmo que na praia as gaivotas (si, non é casual, as gaivotas) acoden e se sitúan en círculo arredor de quen se dispón a comer un bocadillo, entraron polo menos outros catro personaxes acreditados que, sumándose aos que xa estaban, tentaron, talvez con éxito, producir a impresión de velo todo. Dis que iso é democracia impecábel. Mais vou ao noso.
Seica os castizos madrileños seguidores do club colchonero adoitan dicir: ¡Viva el Atlético manque pierda! Ben está a fidelidade ao noso partido, maior canto máis inxustamente tratado nos pareza, mais isto non pode levarnos a nos comportar como seareiros que, deixadas as boas maneiras, se ensilvan en liortas das que non están ausentes os insultos, descualificacións e paus.
Nas leas ás que eu me refiro non hai paus porque acontecen, maiormente, nas redes sociais e nos comentarios da prensa dixital. Alí, con frecuencia, emprégase moi á lixeira o cualificativo ‘fascista’ facendo, asemade, un verdadeiro exercicio do mesmo que se pretende denunciar. Non achegando argumentos, debrócanse baldes de inmundicias, caldeiros de agresividade contra os supostos ou declarados rivais. Xa se sabe que, no furor da loita, ninguén ou poucos son reparados á hora de arrebolar obxectos.
E isto é fascismo? Se non o é, seméllaselle abondo. A miúdo suma a calumnia á maledicencia, instrumentos estes moi gratos aos totalitarismos, defensores dunha única verdade, a propia.
Arrepíame ver aos que considero meus compañeiros de viaxe, e aos que o eran até hai pouco, enguedellados en disputas sen máis argumentos que o insulto. Dáme mágoa que, nese escaparate que é a rede, deamos un espectáculo así. Estou certa de que non son máis de media ducia por cada banda, mais fan ruído e dano como se fosen centos.
Que pasaría se, no canto de responder aos insultos con insultos, se respondese con argumentos? Ben se sabe que iso dá máis traballo, pero devén en algo máis útil.
Cal sería a utilidade pedagóxica e propagandística da internet se, nese test proxectivo que son os comentarios, nos mostrásemos como xente pacífica e con ideas construtivas?
Eu, se mo permiten, deixo aquí este consello: Non publiques nunca o que non asinarías co teu verdadeiro nome.