Impresións miñas


Hanme perdoar os asisados lectores e lectoras deste dixital se lles roubo o seu tempo, caso de me leren, con certos pensamentos que me adveñen sen que os procure, como gripes ou catarros intempestivos. Se os comunico é pola sospeita de que poden coincidir cos doutras moitas persoas. Hanme perdoar, así mesmo, o ton alporizado que en realidade responde ao propósito de berrar por non chorar.

Verán, loito con uñas e dentes para non pasar de todo porque esa é a tentación que con máis frecuencia me asalta nos últimos tempos. Acontéceme o mesmo que ao personaxe aquel que, cando foi visitado por membros dunha seita, despachounos dicindo “aínda non creo na miña relixión, que é a verdadeira, e vou crer na de vostedes que é falsa”.

A min visítanme, quer en corpo mortal, quer nesa especie de ectoplasma que son os medios de comunicación, mensaxeiros e mensaxeiras a dicirme que estou equivocada por militar nunha organización caduca e sen futuro. Caduca, disque. Debe ser por non ter unha ideoloxía volátil, vagabunda, adaptábel a conveniencia, esa á que moitos adoitan confundir coa flexibilidade e a apertura. Porén, tamén me pregunto ás veces se son coma o condutor que circulaba en sentido equivocado e pensaba que os equivocados eran os centos que se cruzaban con el.

Tal vendedores, os que me interpelan, ofrecen produtos máxicos e novos que non son nin unha nin a outra cousa. Imbuídos do pensamento de que a política é algo ruín que hai que desbotar, a confundila co partidismo que só o é o dos outros, non o deles, postúlansenos como salvadores adánicos, caídos de non se sabe que estrela.

A ver se me explico. Trátase dunha marea (e non estou aludindo ao nome de ningunha plataforma electoral existente porque o fenómeno, ese movemento alternativo das augas do mar, foi primeiro e non renuncio a usalo como metáfora). Trátase dunha marea que, como tal, deixa sobre a praia os máis heteroxéneos personaxes: rebotados doutras organizacións, xentes que acaban de descubrir que lles gusta intervir no ámbito público, xuventude queimada pola falta de saídas (algunhas si, por vía aérea), xuventude ilusionada, activistas varios, convencidos reformistas, convencidos fundadores, tocapelotas inveterados, persoas normais, persoas marabillosas, persoas impresentábeis. Magma. Potencia. Río revolto e pescadores de todo tipo.

Custa caro reter os nomes dos conxuntos principais e máis aínda os de todos os subconxuntos que os integran. Apréndelos hoxe, pero mañá xa se chaman doutro xeito ou xa son outra cousa porque, en realidade, o que importa é o movemento, o cambio continuo, o fluír sen descanso para non envellecer nunca. Non envellecer, mais tampouco pousar, facer sólidos un pensamento e unha acción. E tamén, nese continuo movemento, non dar lugar a que se identifiquen os rostros, a que se vexan as cicatrices.

Paradoxalmente, os que coidan que son eles quen deciden porque emiten un voto telemático, teñen menos peso que nunca porque a cociña, como di a canción referíndose ás ciencias, “adelanta que es una barbaridad”. E, paradoxalmente tamén, moitos dos que defenden que os movementos deben xurdir desde abaixo, ser envolventes e comprensivos (falo de abranguer ao maior número de persoas posíbeis, non de comprender=entender), son os que, segundo parece, poñen valos para que non entren outros. E máis aínda, facendo credo de que o pobo é quen máis ordena, aférranse a líderes, caudillos ou salvadores, que nin a bardos chegan, porque abxuran da historia que nos trouxo até aquí.

Por que digo todo isto? Porque, con todas as eivas que sen dúbida teñen, con todas as limitacións propias das obras humanas, aínda non se inventou ningunha canle mellor para a vontade popular que a dos partidos ou as súas coalicións. Certos movementos poden ser moi útiles en situacións puntuais, como treboadas que lavan e enchoupan o terreo, mais teñen unha personalidade cambiante. O que permanece son os ríos. Estes, os ríos, levarán máis ou menos auga, rebordarán ou mesmo modificarán o seu percorrido, pero sempre, salvo en situacións anómalas, coñeceremos cal é o seu temperamento e o seu réxime e, daquela, saberemos a que nos ater se botamos a nosa barca nas súas augas. O normal é que as treboadas enchan os ríos e non á viceversa.

Hai poucos días estiven nun encontro en Compostela e puiden comprobar como ao lado de intervencións magníficas, de representantes de distintos colectivos que expresaban os seus problemas coa forza que dá ter razón porque falaban do que sabían e sufrían, había outras disparatadas, mesmo ofensivas para quen estabamos a escoitalas. E é que, se ben é certo que na democracia os diversos votos valen igual, cada opinión vale o que vale por si mesma, por moito que defendamos o dereito de cadaquén a se manifestar. Hai iluminados que coidan saber de todo e pensan que a medida de todas as cousas son as súas arroutadas ocorrencias. Eles non son o perigo, perigoso é quen lles fai caso, quen non consegue separar o trigo da palla, quen pon ao mesmo nivel un comentario anónimo dun foro de internet que un debate serio e documentado.

Fago votos pola unión, mais non a calquera prezo. Chamo pola imaxinación para dar solucións reais, mais non pola patafísica, a ciencia que fai descubrimentos inútiles porque as súas solucións son sempre imaxinarias. Desexo de todo corazón que, dunha vez por todas, a casa común teña teito.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.