Enrique Casanova ou a lealdade ao país

Enrique Casanova ou a lealdade ao país

Escribo isto a véspera da homenaxe que o concello do Corgo lle vai render ao compañeiro do Bloque Enrique Casanova, axente forestal falecido inesperadamente hai pouco máis dun ano, mentres traballaba sufocando un incendio. Hónrase honrándoo unha corporación que, por unanimidade, o nomeará Fillo Adoptivo e lle dedicará unha praza en actos previstos para o sábado, día 1 de outubro.

Quique, como era coñecido polos veciños, amigos e compañeiros, foi o prototipo do loitador incansábel polo país a través do seu traballo e da súa militancia no nacionalismo. Iso quixen reflectir nun poema que acabo de facer na súa memoria e que lerei nun recital que terá lugar pola tarde.

As vidas non se improvisan cando responden a uns principios. Dito doutro xeito e respectando a evolución de cadaquén - faltaría máis -, a coherencia coas ideas que profesamos ou dicimos profesar é a mellor fe de vida cando acontece a morte. Vivir, seguir a ruta trazada polos ideais, ou deambular tras ideas e intereses cruzados.

Quique foi, sobre todas as cousas, un home leal no máis amplo sentido da palabra. O seu traballo político, a súa defensa da natureza, da nosa lingua e cultura, do asociacionismo e da xustiza social, non foron cousa dun día, senón unha loita sostida ao longo do tempo. Por iso segue vivo nas inquedanzas que o moveron e nos afectos que provocou coa súa bonhomía. Iso é o que fica despois de todo. Unha herdanza que non podemos desbaldir e que nos anima a seguir as súas pegadas.

Permítome finalizar esta breve recordanza co devandito poema:

A Enrique Casanova, In memoriam

Semella que o destino é marcharmos sen volta,
chorarmos aos que amamos, sentir como se afunde
baixo os pés toda a terra, ser hóspedes da sombra,
habitarmos a ausencia coma unha casa grande.

Mais a ausencia ten fendas polas que a vida filtra
toda a luz cando a verten, torrenciais, as estrelas
a rodar coma bágoas acendendo as campías.

Fáltasnos e non faltas á hora en punto sempre
de dicirmos Galiza sen vender a palabra.
Fáltasnos e non faltas no amor á Natureza,
nos bosques e nos ríos que querías espellos.
Fáltasnos e non faltas nesta loita irmandiña,
a derrubar as torres do odio e o desprezo
cara a nós, cara ao noso, para erguer o edificio
do país que soñamos co seu lugar no mundo.
Fáltasnos e non faltas na mirada de Chelo,
onde a mirada túa foi esplendor e festa.
Fáltasnos e non faltas porque mente quen diga
que a morte sempre mata. Xamais morre quen arde
na memoria e nos quenta contra o inverno dos días.
Enrique, compañeiro, irmán na amarga patria,
o teu recordo vivo florece como as rosas.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.