Dúbidas existenciais e confesións dunha militante

Dúbidas existenciais e confesións dunha militante

Pido desculpas de antemán por descargar aquí o meu fardelo de dúbidas. Xa se sabe que cadaquén ten as súas e ben lle abondan sen que veña ninguén a lle amosar as propias como se dun catálogo de mercadorías se tratase. Mais eu non pretendo que merquen nada. Poden facer coma min cando me chega La tienda en casa, unha revista que vende obxectos variados a distancia e que lles resultará coñecida: vai dereita á papeleira. Pois iso.

Dubido de se, como militante do Bloque e á vista dos resultados electorais, teño a obriga de vestir un hábito de estameña, botar cinsa sobre a miña cabeza e entoar o Miserere co máis triste dos acentos porque seica os nosos pecados teñen un difícil perdón.

Confeso que sigo aceptando aquelas cousas que saíron aprobadas por maioría, a algunhas das cales eu votei en contra, na asemblea de Amio.

Dubido se debo afiliarme ao PP (supoño que antes tería que facer unha ampla palinodia respecto das miñas conviccións e, aínda así, sempre me mirarían con desconfianza). Dígoo porque, polo visto, a razón do que se defende vén dada polos votos e, consonte iso, como este foi o partido máis votado, é evidente que é o que ten máis razón.

Confeso que non confundo o ouro co brillo nin a pátina coa cotra ou a vellez. O Bloque vén de lonxe e vai para lonxe, como consecuencia, ten as feridas do camiño, mais tamén o hábito de camiñar e a ilusión de chegar á meta. Quen non loitou, non ten cicatrices. Por iso desconfío dos que se presentan como Adán, sen unha historia detrás, como se acabasen de chegar ao mundo, inmaculados, puros, alén do ben e do mal.

Dubido se non haberá persoas interesadamente desmemoriadas, porque ofrecen como novidades cousas que o Bloque vén defendendo desde sempre.

Confeso que valoro máis a lealdade que o éxito, mais isto non quere dicir que renuncie a pensar e opinar libremente.

Dubido dos que piden autocrítica aos outros e non a fan eles, convencidos da propia perfección e a maldade intrínseca allea. Son os que lle botan a culpa sempre aos demais, a facer verdadeiro o dito de que a culpa non ten casa, mesmo tendo participado en ámbitos de decisión en maior medida que outros que si asomen os erros.

Confeso que estes días me acordei do conto aquel do pai e o fillo que, por escoitar as críticas que lles facían ao ir un ou o outro ao lombo do burro, terminaron camiñando os dous a pé e as murmuracións non cesaron. De aí a necesidade de non atender ás voces dos que, sen sermos nós, nos queren dirixir. Dubido que sexa pertinente omitir, en aras da corrección política ou por non alporizala, o papel da prensa na baixada do Bloque. Sobran exemplos que o proban.

Confeso que hai anos que intuín o traballo de zapa que se estaba a facer desde dentro da propia organización, por iso coido que, malia todo, estamos mellor que hai un ano.

Non dubido da boa intención, intelixencia e razóns da maioría dos que colleron outro vieiro como tampouco o fago dos que ficamos; mais, obviamente, as miñas simpatías están onde están.

Que temos moito que cambiar? Seguramente; pero con tento, como quen vadea un río, apoiando os pés nas pedras firmes, que as hai e custou moito esforzo asentalas. Doutro xeito pódenos arrastrar a corrente e levarnos ao mar do pensamento cómodo, ese que todo o valora en función do éxito inmediato.