Con que veo taparán a xenofobia?

Con que veo taparán a xenofobia?

O Consello Escolar dun colexio de Arteixo considerou a posibilidade de expulsar por tres días unha nena de once anos por acudir ás aulas coa cabeza cuberta cun pano. Á fin acordou solicitar o seu traslado a outro centro. Que culpa terá a criatura, miña pobre, para que a marquen con ese estigma, por riba das diferenzas de credo, cultura e status social que seguramente xa lle fan difícil a integración? Certamente a nosa capacidade de sermos crueis non ten límite. Se fose a filla dun jeque e chegase ás clases nun Mercedes non lle había pasar isto.

Non dubido que ese Consello se tentará máis á hora de sancionar aos díscolos de toda caste, que haber haberaos, e será permisivo con eles porque son de aquí e a súa indisciplina non responde a ningunha crenza ou cultura, senón á pura e dura mala educación. Moito me gustaría ler na prensa que, en solidariedade con ela, todo o alumnado do centro, en franca rebeldía, acode ás aulas con veos, chapeus, viseiras e demais prendas capitais. Mais non sucederá. Non educamos para a independencia de criterio nin para a empatía e a solidariedade. Educamos para a letra das normas, que é ríxida e inxusta, e non para o seu espírito. Verbo disto, venme á memoria un relato de Monserrat del Amo cuxa adaptación teatral traducín hai xa ben anos para representar no colexio de San Cibrao, en Cervo. Titulábase Zocos e laranxas e trataba da integración dun neno español, Vicente, nun colexio danés. Knud, un compañeiro de aló, diante da imposibilidade de se comunicaren verbalmente, consegue facelo a través de debuxos. Un día regálalle un zoco ao que o español corresponde cunha laranxa. Toda a clase imita o seu xesto e intercambiábanse os obxectos máis representativos de cada un dos países. A xenerosidade posibilita o diálogo e a comunicación.

Mais, como nos consideramos superiores en todo, seica temos que colaborar na erradicación dese precepto bárbaro que discrimina as mulleres. Esquecemos que o cambio ten que partir delas e que a liberación, como un froito, caerá polo seu peso cando estea en sazón. Mesmo coñecidas feministas árabes, coas cabezas toucadas seguindo a tradición, piden respecto para o ritmo das súas mudanzas. Son outras máis fondas e significativas as que lles urxen antes.

E a nós quen nos liberará da escravitude de modas tales como os torturadores tacóns de alturas imposíbeis? Cando redactaremos nos regulamentos escolares que non se pode ir mostrando a raia do traseiro? Que medidas se aplicarán contra os alumnos que, comezado o verán, acoden ás aulas con pantalóns curtos que, a pouco que se escarranchen, deixan ver o que ensinou Butragueño por accidente, ou con camisetas de tirantes que non tapan as guedellas axilares? De todos eses espectáculos dou fe e podo asegurar que poucas veces foron obxecto de debate.

As autoridades educativas, esas que enchen a boca coa palabra liberdade cando se trata de postergar o galego, ben poderían invocala agora para que a nena non vexa vulnerado o seu dereito ao ensino. Neste caso apelan á autonomía dos Consellos Escolares e permiten unha medida de dubidosa legalidade. Tan dubidosa como que se aplica con carácter retroactivo unha norma deseñada con posterioridade ao ingreso da nena no centro.

En todo caso, unha norma deste tipo que non contemple excepcións, está condenada ao fracaso. Hai rapazas con alopecia que prefiren o pano á perruca, e hai nenos e nenas sometidos a quimioterapia coa conseguinte perda de cabelo. Habería que lles prohibir tapar a cabeza? E por que as razóns relixiosas valen para as monxas católicas e non para as crentes musulmanas? Que respondan os Consellos Escolares, que aos que gobernan xa lles abonda con crear problemas onde non os hai.

Unha cousa teño clara: non hai veo que tape o rostro da xenofobia por máis que a disfracen de legalidade.