A xuventude non ten a ver coa idade
A piques de cumprir os noventa –faríaos en marzo- deixounos Francisco Carballo, o relixioso galego, membro da orde dos Padres Paúles, militante do BNG, fundador do semanario A Nosa Terra e presidente durante moitos anos do seu consello de administración. Se na casa do Pai hai moitas moradas, como dixera Cristo e cita o Evanxeo de San Xoán no capítulo 14, versículo 2, a morada deste home chamábase Galiza e é ese o eido no que quixo traballar e proxectar o seu pensamento ao mundo.
Ben sei que Terra e Tempo é laica e aconfesional. Poderá semellar, daquela, que o esquecín ao comezar este artigo do xeito que o fixen. Porén, sería manipular a figura deste preclaro galego que soubo unir a súa condición de nacionalista á de cristián consagrado. É máis: seguramente foi a súa adhesión ao Evanxeo a que o levou a amar todos os elementos que constitúen a nación, o próximo en definitiva, onde o ser humano se manifesta e constrúe como tal.
Mais o meu propósito, ademais de lle render unha humilde homenaxe póstuma a quen tanto agradecemento lle debemos as persoas que soñamos cunha outra Galiza, é reivindicar a que se ten chamado “ciencia dos anos”.
Vivimos días de exaltación da desmemoria. A mesma vasoira que se propón varrer tanta podremia como nos rodea, quere botar tamén ao cubo do lixo todo o que teña a ver co pasado, como se a epistemoloxía puidese funcionar desde a inopia, é dicir, desde o descoñecemento total do que outros pensaron.
Pensou para nós Francisco Carballo e pensou desde nós, ese nós que é suma da sabedoría popular e da outra, a dos homes e mulleres mergullados, coma el, na procura do coñecemento. Así, o seu legado histórico, político e filosófico, é patrimonio de noso e grande axuda para entendermos as circunstancias que estamos a vivir.
Sen irmos máis lonxe, os artigos que publicou en Sermos Galiza constitúen un compendio de sabedoría e entusiasmo e sería de sumo interese que os lésemos e relésemos para nos aprovisionar dos víveres que precisamos para o camiño.
Gusto especialmente dun que titulou Creativos no que, a propósito dun pensamento de Karl Popper, sitúase fronte ao historicismo (a realidade como produto do devir histórico) e faise con el unha pregunta chave nestes días: “Como ten de estar estruturado un sistema político que protexa a liberdade humana e fomente a xustiza social?” E responde Carballo: “Cómpre un sistema crítico que recambie constantemente as estruturas e non permita a permanencia da inxustiza. Esa inxustiza que corroe a sociedade actual e da que, revolucionariamente, necesita liberarse”.
É este o pensamento dun vello? Certamente, non. Os neoliberais son os que fan o morto no río da historia que, como xa queda demostrado, nos arrastrou até ese monstro insaciábel, o capitalismo, que é o sistema que eles representan e defenden e que acabará, como o rei Midas, atrapado polo seu poder de convertelo todo en ouro. A liña na que se move o pensamento de Francisco Carballo persigue un sistema crítico, con mecanismos de autorregulación, tendo como único centro o ser humano. A vellez ancórase na inmobilidade, a xuventude aposta polo dinamismo e o cambio alí onde sexa preciso. Hai moitos idosos que son novos e hai moitos mozos que nunca concibirán un pensamento creativo.
Cando o desánimo nos invada e mesmo sintamos a tentación de acreditar nas eivas que, interesadamente, se lle atribúen ao nacionalismo que nós representamos, –sen que isto exclúa a tan hixiénica autocrítica- , recordemos a vida e o pensamento de Francisco Carballo, un dos nosos. Será un antídoto contra a perda de autoestima e un poderoso reconstituínte para o orgullo que nos cómpre.
Francisco Carballo, irmán, grazas pola vida que nos segues a dar. Descansa no recordo deste pobo que tanto amaches e, por desgraza, na súa maioría non te coñeceu.