A onde nos levan?


Non vou dicir que estamos nunha ditadura pola mingua continua de liberdades. Non vou falar de réxime fascista, senón de prácticas que si o son. De calquera maneira, mentiría se dixer que non vivimos unha franca involución das liberdades (e tomen a palabra franca no sentido de ‘clara’, ‘aberta’; mais permítanme a brincadeira de facerlle significar tamén ‘relativa a Franco’). Son consciente de que non estou a contar nada que non coñezan xa.

Nas ditaduras ben se sabe que non hai liberdade de expresión, así que non se sorprenden as persoas que, por exercela, son sancionadas. É evidente que transgriden na vontade de derrubar o muro, coñecendo de antemán o prezo de facelo. Nas democracias úsase a liberdade que se supón que existe. Pero hai leis advidas nos últimos tempos que esvaecen as súas liñas definidoras e din o que queren segundo a quen se lle queiran aplicar. De aí a cantidade de sentenzas condenatorias que se están a producir neste tempo.

Eu son, de entrada, crítica ao máximo con quen emprega as redes sociais para vomitar odio, maledicencia ou humor basto, groseiro. Isto non obsta para entender que o chamado humor negro é un xénero de chistes que a miúdo non teñen outra intención que facer rir, malia que sexa con certo amargor e/ou mal gusto. Algunhas veces teñen matices de xustiza poética, é dicir, de lle dar aos feitos un final xusto; outras, é certo, están enchoupados no fel da xenreira. Sería abondo cunha sanción económica acorde, mais ir á cadea semella desproporcionado na maioría dos casos. Sobre Carrero Blanco fixéronse moitos chistes no derradeiro franquismo, por exemplo aquel de que xa estaba descifrado o enigma OVNI, porque eran os tapacubos do auto do vicepresidente e, ou non chegaron aos oídos de alguén que denunciase, ou sabían que algunhas cousas eran tan difíciles como lle poñer cancelas ao mar.

Un dos meus recordos dolorosos de infancia foi presenciar a liorta dun vello, ao que eu quería moito, co seu xenro, ambos os dous cunha boa chea de purrela no estómago a lles acedar os adentros. Pasaba polos arredores a garda civil e alguén reclamou a súa intervención. Non lles cadrou aquela vez o de “a buenas horas mangas verdes”, porque decontado chegaron ao escenario da refrega. No fragor da lea, xa soamente verbal, o xenro baixou a uns cantos santos do ceo, empezando por Deus, sen se decatar de que a a benemérita levantaba o correspondente atestado. Ao pouco tempo, do Goberno Civil, chegoulle unha sanción de 500 pesetas. O que era, ademais dun pobre home, un home pobre, suplicou aos que, á súa vez, podían suplicar que lla perdoasen. E coido que así foi. Estabamos nun Estado confesional católico e non se precisaba acudir ao argumento de que ferían os sentimentos relixiosos dos outros. Era obrigado que eses sentimentos fosen os de todos.

O que non consigo entender é que, por exemplo en campaña electoral ou mesmo no debate político, se lancen acusacións gravísimas contra as e os contrincantes sen podelas probar e que non pase nada.

Somos multitude as persoas que nos preguntamos como se encadea ou sanciona a rapeiros, actores e artistas, e outros que ben sabemos non só seguen libres, senón que viven á nosa conta. Un día destes resucitarán, para os primeiros, a Lei de Vagos e Maleantes, tan rendíbel ao réxime franquista.

A descualificación continua do nacionalismo, agora exacerbada polo Procés catalán, é un filón do que extraen toda caste de mentiras e maledicencias os que se consideran donos da España Una, Grande e Libre. Una (participio irregular do verbo unir), tal o matrimonio que se di indisolúbel aínda que fallen o amor e o entendemento, onde hai quen, como nos carriños chineses, vai sentado ou sentada mentres o outro tira do carro. Insolidarias e insolidarios nós, que aprendemos a respectar aos outros pobos porque respectamos o noso? Insolidarios por querer máis á xente –inmigramtes incluídos- que aos bancos e á monarquía cuxo nome, malia ser parlamentaria, xa o di todo (monos= só, único, illado e arkhe (ser primeiro, mandar).

Diráseme que é a Lei e que a aplican os xuíces. Si, como os funcionarios censores de outrora. Sabios señores que, para solucionar un adulterio converteron aos amantes en irmáns e sumáronlle á relación ilícita o incesto. Aconteceu coa película Mogambo, mais non é o único caso disparatado.

Quero dicir que, no caso dos xuíces, a capacidade de memorizar o Código civil, o penal e toda a xurisprudencia habida e por haber, non garante que se aplique correctamente e / ou que non se cruce a propia ideoloxía ou o desexo de se congratular cos que mandan. E, curándome en saúde, non sexa o diaño, aclaro que non cuestiono a xustiza, simplemente afirmo que, como di o Evanxeo verbo do sábado “Non se fixo o home para a lei, senón a lei para o home”. Toda lei levada ao extremo é inxusta.

Non é só por aquí onde se percibe un gran retroceso nas liberdades. O caso de Inglaterra, coa retirada na Galería de Arte de Manchester do cadro de William Waterhouse, Hylas e as ninfas, por máis que se diga que se trata dun experimento para abrir o debate, mostra as diversas reaccións e dá boa conta do estado das cousas. O politicamente correcto (en diversos cadros do XIX coma o amentado aparecen as mulleres como obxectos, en actitude pasiva) aplicado ao pasado, faríanos desbotar a maior parte das obras plásticas e literarias que, á marxe doutros valores, tamén ensinan por contraste.

Mentres se discuten estas cousas, non se fala tanto da tolerancia que, malia todo, se ten con delitos como a explotación de mulleres en todos os sentidos (diferenzas salariais, prostitución, violencia de xénero, ...), dos refuxiados, das guerras e de moitas feridas sangrantes do mundo actual.

Tantas loitas, tanta dor, tanto sangue derramado... E estes vogando en contra da corrente da historia. A onde nos levan?