A man que axita a cocteleira
A miúdo teño a sensación de que unha man invisíbel sacode a bola do mundo, coma un barman a súa cocteleira, para facernos sentir a vertixe do caos, o mareo de quen navega nun mar proceloso. E si, navegamos nun mar proceloso; mais o caos non o é porque, aínda que o percibamos así, responde a un plan perfectamente urdido polo Amo Universal. Ou, se é caos, seráo para nós, non para el. El, tal moitas persoas desordenadas, sabe ben onde ten cada cousa.
Certamente non é preciso que lle poña nome propio a ese Amo Universal. Quen isto ler ben sabe que é un polbo de moitos brazos: Banco Mundial, Fondo Monetario Internacional e outros organismos, que se resumen en un: Gran Capital (inevitábeis as rimas).
E sucede que o Gran Capital ten un primo, o primo de Zumosol, disposto sempre a defendelo a golpe de bombas, canóns e conspiracións varias. Falo dos EEUU cuxos intereses son os que axitan a cocteleira. E, ademais, as contendas do tal primo, encirradas e participadas aquí e acolá, as guerras, son un dos seus principais alimentos.
Non dixen nada que non saiban, mais é un preámbulo necesario para o que quero expresar despois.
Ánxel Fole, no relato “O capador de Rugando”, explica maxistralmente como actúan os lobos coas persoas. Resumindo: séguenas a pouca distancia até que caen co medo e despois atácanas.
Algo semellante fai o primo que amentei antes cos países que quere controlar. Porén, tampouco é disto do que que falo.
Preocúpanme o noso medo, o noso desazo, a falta de fe nas cousas en que acreditamos ( sen dúbida, un oxímoro), como no conto aquel do home que, visitado polas testemuñas de Xehová, cérralles a porta dicindo: “Aínda non creo na miña relixión, que é a verdadeira, e vou crer na de vostedes, falsa”.
O caso é que os medios de masas, inocentemente ou non, están a se facer eco de tanto negativismo, de tantas falsidades que destapan ou deixan medrar (depende da voz do seu amo), que tamén nós caemos polo medo. Daquela, atácanos o lobo da covardía, o que nos impele a calar, a non manifestármonos, a ser a “xente de orde” que deseñan os que nos queren submisos e submisas. E atácanos tamén o lobo do individualismo, dos intereses espurios, da egolatría e dos personalismos. As súas feridas case sempre carretan a división e/ou a morte dos que pretendían facer a viaxe xuntos.
Dito xa polo dereito, sen máis circunloquios: coido que mentres sigamos atomizándonos e enguedellándonos en minucias, equivocados de rival, non chegaremos a ningures. É preciso fixar uns mínimos comúns e, fóra deles, abrirlles a porta á imaxinación, á liberdade, á diverxencia civilizada. Para iso cómpre xenerosidade e humildade, cousas que non abundan entre os xerifaltes da cousa. Subidos aos coturnos das súas alcaldías ou postos de responsabilidade nos partidos, non lles importa derrubar o edificio que eles mesmo axudaron a construír. Que máis lles ten, deben seguir alimentando o mito de Penélope, a tecer e destecer.
De calquera xeito, é ben significativa e clarificadora a actitude dos que, estando no Bloque, xogaron un papel semellante ao que están xogando agora nas novas organizacións. Fan verdadeiro aquel aserto dun vello libro que nunca foi do meu gusto, o Kempis: “Onde queira que vaias, levaraste a ti mesmo”.
Non se trata de etiquetar a ninguén, non hai bos e malos neste caso. Hai os que sempre se levan a si mesmos e os que levan a Galiza no corazón.
E isto que ten a ver cos EEUU, dos que comecei falando? Sospeito que moito. Coido que, sen un nacionalismo de esquerdas forte, todos os imperialismos atoparán en nós cómplices para unha política que nunca nos tivo nin terá en conta.