A estupidez humana


Cando hai unha organización malfeitora coñecida, por moito que custe e leve tempo, sempre pode ser erradicada. O problema insolúbel existe cando os membros dunha organización non están formalmente organizados, valla a redundancia, e nin sequera posúen unha ideoloxía común, así que, en rigor, non podemos falar de organización. Son ‘kamicazes’ e, como tales, actúan de un en un e ao seu xeito, mais estes non se autoinmolan nin son vulnerábeis aos nosos ataques. Por iso, aproximándome ao título dun poemario de Igor Lugrís, fago esta pregunta: Quen nos defende a nós dos estúpidos?

Débolle ao profesor Carlo María Cipolla (1922 - 2000), a explicación a este fenómeno que encerra as razóns de todas as derivas non desexábeis do mundo. Referiuse el por primeira vez ás leis polas que se rexe a estupidez humana nun seu libriño, Allegro ma non troppo, editado en 1996 en español. Agora é doado achar en galego, na editorial Rinoceronte, As leis fundamentais da estupidez humana, en tradución de Moisés Barcia. O autor de asisadas obras sobre a súa especialidade, a historia da economía, emprega un ton irónico que non lle resta fondura ao pensamento.

A primeira destas leis avísanos de que subestimamos o número de individuos estúpidos que hai en circulación.

Na segunda infórmasenos de que a estupidez é independente da intelixencia, a cultura e outras calidades. Segundo Cipolla, existen na mesma proporción entre os premios Nobel que entre a xente do común, nas altas esferas sociais que nas clases máis deprimidas.

Na terceira, á que chama Lei de Ouro, clasifica a todas as persoas nunha destas catro categorías: coitadas, intelixentes, malfeitoras e estúpidas. As coitadas prexudícanse a si mesmas para axudar a outras, as intelixentes benefícianse a si mesmas asemade benefician a outras. As malfeitoras fan dano a outras para obteren elas proveito. E, por último, as estúpidas fan o mal aínda non obtendo ningún proveito para si ou mesmo saíndo malparadas. Son persoas moi perigosas porque escapan a toda lóxica e quen sexa asisada non as pode comprender.

A cuarta prevennos de que os estúpidos teñen un gran potencial destrutivo, cousa que os non estúpidos adoitan subestimar.

E, por último, a quinta afirma que a estupidez é o tipo de personalidade máis perigosa que existe.

Créanme que a lectura deste libro me axudou a comprender moitas cousas que para min eran verdadeiros misterios. Todas son froito da estupidez. E os estúpidos son perigosos porque morren por matar e dinamitan os edificios que construíron para que atrapen a outros. Eu reservaría un capítulo especial para os estúpidos que empregan as redes sociais para, baixo o anonimato case sempre, difamar e calumniar. Iso é incitar ao odio, mais non sei se entra nesa clasificación para Google, Facebook e Twitter, que se comprometeron a eliminar ese tipo de mensaxes en 24 horas.

Como unha persoa estúpida é tanto máis perigosa canto máis poder teña, sería boa cousa distinguilas para non lles dar o noso voto. Porén, non teríamos que nos preocupar porque Carlos Cipolla di que, nos países en ascenso, tamén existe unha alta porcentaxe de persoas intelixentes. A ameaza viría –e se cadra vén- por sermos un país en decadencia. Nestes, aínda que a porcentaxe de estúpidos segue a ser a mesma, proliferan os malfeitores cunha alta dose de estupidez entre as persoas que teñen poder, e de coitados entre os que non o teñen.

Case todas as persoas fomos algunha vez máis ou menos estúpidas, conscientemente ou non. Con todo, o conto é non selo sempre e por principio. O que é evidente neste país, e dígoo con todo respecto, é a abundancia de coitados. Só así se entende que, diante de tantos malfeitores, o voto sexa o que é.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.