Zapatero ou a inviabilidade do reformismo
No discurso que abriu o Debate de Política Xeral no Congreso dos Deputados, o líder da socialdemocracia española aínda en exercicio deixou ver con moita clareza cales son os límites do reformismo nas actuais condicións do proceso globalizador.
José Luis Rodríguez Zapatero dixo literalmente que a actual crise non "é só un cambio de ciclo económico", senón que é "outra cousa". Estaríamos, portanto, non ante unha lixeira perturbación no funcionamento normal do capitalismo e si ante un fenómeno cualitativamente distinto. "Na súa dimensión internacional", engade o presidente do Goberno español, a crise "entraña un desafío para a posibilidade mesma dunha globalización ordenada e xusta", dunha globalización que non "desapodere" as institucións "democráticas".
Baixa máis ao concreto Zapatero ao afirmar que no ámbito europeu "a crise está a supor un enorme repto para a gobernanza da Unión económica e monetaria".
Nestas frases condénsase a típica perspectiva reformista da socialdemocracia europea post-Tony Blair. É unha análise enormemente superficial e con evidente intencionalidade oportunista (a intención subxacente é facerse o simpático a ollos do 15-M). Refírese á epiderme do problema e alude de forma metafísica aos síntomas da enfermidade, mais elúdese en todo momento ir á raíz do mal -unha raíz material, non abstracta- porque llelo impiden os limites conceituais do reformismo.
GLOBALÍZASE O CAPITAL E AQUILO QUE AO CAPITAL LLE INTERESA
Vexamos. O primeiro que nos deberíamos perguntar é se é posíbel unha "globalización ordenada e xusta". Se conceptualizamos a globalización como a mundialización do modo de produción capitalista -aquela forma de civilización humana que consiste en que todo, até a vida, é susceptíbel de se converter en mercadoría-, facilmente chegaremos á conclusión de que tal conceito nunca pode ser nin ordenado nin xusto. A globalización nunca pode ser democrática porque por definición é desigual, como desigual é a estrutura que a sustenta, baseada na hexemonía do capital financeiro sobre o traballo e a economía produtiva e no domino do centro sobre a periferia. Reparemos, se tivermos cualquer dúbida, en que é o que realmente se globaliza: globalízase o capital e globalízanse aquilo que ao capital lle interesa: as vacacións fiscais para os ricos, a desrregularización do sistema financeiro, a demolición do Estado do Benestar, a entronización da lei da selva no mercado laboral. A globalización implica sempre unha relación hierárquica e vertical entre o que globaliza e o que é globalizado.
Afirma o líder socialdemócrata español que a crise supón un "enorme repto" para a gobernanza da Unión económica e monetaria. Mais é xusto ás avesas: é o modelo neoliberal, do cal a UE é o mascarón de proa no planeta, o que está na orixe da crise. Non é que non haxa unha gobernanza alternativa perfeitamente concebíbel en Europa: é que é xusto esta gobernanza a que está a facer a crise especialmente virulenta no noso continente. Decatémonos de que o paraíso do neoliberalismo neste momento é a UE. Até Obama -con todas as vacilacións que se queira, para desgraza dos nervos de Paul Krugman- ensaia vías algo distintas ás da ortodoxia monetarista europea -Ben Bernanke non ten a autonomía de Trichet-, por non falarmos das estratexias ben diferentes que se están a aplicar noutras rexións do mundo, desde América Latina até Asia, con resultados ben sucedidos do ponto de vista do crecimento embora que con menos éxitos no que atinxe á diminución das desigualdades.
O problema, portanto, está en que a globalización neoliberal acaba por ser un obstáculo tanto para o funcionamento da democracia como para o pleno desenvolvimento das forzas produtivas. Finda por ser tan inxusta por elitista e non representativa como ineficiente por destrutora de riqueza. Dicía Ernesto Che Guevara que a oligarquía financeira é incompatíbel coa Democracia. E tiña razón. Na UE a frase guevariana alcanza todo o seu significado: a clave de bóveda de todo a arquitectura institucional comunitaria é o Banco Central Europeu, unha entidade non submetida a ningún control político democrático. Unha tecnocracia financeira é a que decide o prezo desa mercadoría chamada euro. Sen encomendarse a ningún órgao representativo da vontade popular, esa tecnocracia financeira apostou por unha política de euro forte, o que tivo como consecuencia unha sobrevaloración artificial da moeda europea até chegar ao límite de se revalorizar un 50 por cento a respecto do dólar desde o 2003. Xusto a política que lle interesaba á grande banca alemá e francesa, que son as faccións do capital hexemónicas no espazo da UE.
No seu discurso, Zapatero combinou as chiscadelas de ollo ao movemento do 15-M co seu fáctico aliñamento coas posicións máis ortodoxas dentro da Unión Europea. Non pronunciou nen unha soa crítica contra o Pacto do Euro, un pacto que representa un novo chanzo nas políticas neoliberais no continente e que claramente atenta contra os intereses das maiorías sociais e de países coa economía vetada e non normalizada, como Galiza. De novo batemos aquí cos limites do reformismo. Se realmente tivese preocupación ante a evidencia de que se valeiran de contido real os poderes políticos democráticos, por que non propón que o Banco Central Europeu deixe de ser un órgao tecnocrático e independente e se submeta a control democrático? Por que non suxire reformas democráticas no seo da UE que permitan que os pobos que existimos na realidade material en Europa podamos emerxer con voz propia e capacidade de codecisión no continente?
UNHA IDEOLOXÍA DAS ELITES DOMINANTES
O reformismo non ten respostas nin alternativas porque a globalización neoliberal non é reformábel. É ou non é. A socialdemocracia en Europa está en crise porque, conxuntamente coa dereita política, fai parte do proxecto neoliberal. O reformismo é un beco sen saída. É unha ideoloxía das elites dominantes e estas no mellor dos casos formulan mudanzas meramente cosméticas, mas é obvio que nunca irán propor a fin da súa propia dominación.
O fracaso de Zapatero é, en fin, o fracaso da perspectiva reformista e a demostración de que a socialdemocracia virada en social-liberalismo remata por ser indistinguíbel da dereita política (que así non ten que facer ningunha proposta alternativa pois o seu programa xa se está aplicando). Así as cousas, a única alternativa posíbel é a ruptura. No caso de Galiza, a ruptura no plano nacional e no plano social. A ruptura cun marco político que nos nega como nación e a ruptura cun marco económico que nos condena ao esganamento do noso aparato produtivo, a un paro estrutural inasumíbel en termos sociais e ao estancamento demográfico. Precisamos, portanto, dun Novo Estatuto de Nación e dun cambio radical das políticas económicas que comece por cuestionar abertamente o Pacto do Euro e a hexemonía do capital financeiro.
Nada diso será posíbel se non discutimos o marco e a lóxica neoliberais, se non damos a batalla das ideas e se non facemos política desde unha perspectiva desacomplexadamente alternativa e rupturista.
Unha perspectiva alternativa, rupturista e profundamente democrática, que vaia sempre de abaixo a arriba e que rexeite sempre a delegación do poder nunha autoproclamada élite tecnocrática.
Non é un camiño fácil, mais é un camiño que leva a algures. O outro -o reformista, o de acreditar que se pode reformar o irreformábel, o Leviatán da globalización neoliberal- só leva ao fracaso e a integración no Sistema. Si, nese sistema que non só ameaza a economía, senón tamén, e sobre todo, a democracia, as maiorías sociais e a pobos sen poder político propio, a pobos como Galiza.