Xurar, acatar... para someternos e memoria de Bautista Álvarez

Xurar, acatar... para someternos e memoria de Bautista Álvarez

Bautista Álvarez fóisenos neste setembro triste e dourado, e con el, tanta vida, tanta historia, ese humanismo propio dos grandes homes e mulleres. Lémbroo moito esta tempada, e falo con el polas noites, cando me deito, que é o momento de pensar, analizar, darlle un repaso á vida transcorrida no día e... e de actualizarse, obriga recomendada sobre todo para vellos e vellas espelidos.

Precisamente nestes días, cando se cumpriron 35 anos da expulsión dos tres deputados nacionalistas do Bloque (AN-PG e UPG) e mais PSG, do Parlamento Galego, oio e vexo a Bautista defendendo en comisión a retirada do artigo do Regulamento que o españolismo capitaneado daquela pola AP (actual PP), e da UCD (hoxe tamén PP) impuxo coa consigna clara de desfacerse de nós. Era orde de Madrid tamén, que o PSOE, aliñado cos franquistas, apoiaba con plena convicción autoritaria. Sabiamos, pois, o que ía ocorrer, aínda que eu, inxenuo, tiña dúbidas de que un demócrata fose capaz de botar a outro do Parlamento por pensar distinto e defender unha causa xusta. Podo dicir que, desde aquela, nunca crin na democracia desta xente, e polo xeral xa os cheiro a distancia.

Vexo a Bautista Álvarez, Claudio López Garrido e a min mesmo, expresando no Pleno do Parlamento o 23 de novembro de 1982, a negativa á fórmula esixida cando o seu presidente, Antonio Rosón, ben coñecido pola súa actividade fascista na época da ditadura, nos pediu a xura ou promesa de acatamento á Constitución española. Como nacionalistas galegos non podiamos renderlle pleitesía a unha Constitución que nos negaba precisamente por non aceptar o carácter nacional de Galiza. E por outras razóns: a xura non é unha fórmula política, senón moral, e con alta dose de hipocrisía (os e as que nos esixían a xura, nunha parte importante, eran os que defendían e xuraban pouco antes os Principios do Movemento Nacional da ditadura) ; pola limitación tamén dos dereitos e deberes do idioma galego que na Constitución queda sometido ao castelán; ou pola consagración da economía do Estado español como economía libre de mercado, negando así outras alternativas económicas máis favorábeis ás clases populares.

A Constitución española nace nun período final da ditadura franquista que xa non vale para a expansión económica das transnacionais nen para a apertura cara á Europa e o mundo occidental. O militares e demais fascistas que controlaban o poder non tiñan máis altenativa que abrirse formalmente a un estado democrático, polo tanto a insistencia no medo a un levantamento militar da que o PSOE fixo gala tamén para non apoiar a Ruptura democrática fronte á simple Reforma política non era máis que unha escusa para deixar o futuro nas mans dos dous partidos españolistas, de aí tamén o interese en facer pasar polo aro da xura aos nacionalistas vascos, cataláns ou galegos que si actuabamos dun xeito democrático ao defender o que é unha evidencia: o Estado plurinacional. Nen á Europa nen á España posfranquista lles interesaba o posíbel golpe militar, e a a proba viuse coa intentona do coronel Antonio Tejero, que foi controlada inmediatamente. (Por certo, ese golpista anda ceibe e parece que vive nas Palmas nun hotel de luxo. Todo resulta unha pantomima nesta España negra que perdoa os fascistas e golpistas e condena os demócratas). Da lóxica e necesaria ruptura democrática pasouse á Reforma simplemente, é dicir, a aceptar que os franquistas reconvertidos a demócratas continuasen controlando o Estado. E hoxe aí os temos, en plena e preocupante actividade.

Dicía que estes días lembro a Bautista Álvarez e penso que estaría escribindo agora mesmo daquela etapa que hoxe os mesmos franquistas volven repetir con Catalunya (Rajoy era membro da Mesa do Parlamento cando nos expulsaron: un galego renegado que nen sequera fala o seu idioma propio). Co presidente lexítimo de Catalunya e algúns conselleiros exiliados, outros metidos no cárcere xunto con altos representantes da sociedade catalá proindependentista, e a campaña mediática vergoñenta lanzada por este Estado (neofranquistas do PP e neofalanxistas de Cs) nos medios que controla e subvenciona cos nosos cartos, é obvio que falar de democracia resulta pura fantasía.

Como claro resulta que todo iso e a imposibilidade de convocar referendos por parte dos gobernos nacionais é consecuencia dunha Constitución eivada, con alta dose de autoritarismo e pouso franquista que a estas alturas xa non é posíbel ignorar. Aplícase o artículo máis represivo da Constitución, o 155, para dobregar de novo a quen defenden pacificamente a independencia de Catalunya e obrígase a quen foron (máis política que xudicialmente) encarcerados a que o xuren e se sometan a esa lei obsoleta. Así que hoxe sigo sentíndome orgulloso de non xurar nen acatar unha Constitución que resulta unha pexa para a evolución democrática deste Estado que segue a manter os tabús de Franco como norma, e bríndolle as miñas palabras a ese home sufrido e valente que lle dedicou a vida a Galiza, o Bautista Álvarez. Así que esta noite tomarei uns vasos con el, contareille todo o que está a acontecer e lereille este artigo que, estou seguro, tamén asinará. Chin chin