Xoguetes rosas ou azuis?

Xoguetes rosas ou azuis?

Remataron estas datas festivas, cuns significados impostos pola tradición cristiá.E chegado este momento, sempre me pregunto, por qué só hai reis magos e non hai raíñas magas, ou unha Apalpadora en Galiza, unha Olentzera(Euskadi), Tía de Nadal(Cataluña)... Isto é casualidade, ou responde máis ben ao illamento secular e falta de visibilidade das mulleres, neste caso como agasalladoras de soños, de ilusións... Ou será porque sendo unha meniña, chegou as miñas mans o conto de Gloria Fuertes " As tres raíñas magas: Melchora, Gaspara e Baltasara", ou será porque xa estamos as feministas dándolle a volta a todo e vendo pantasmas onde non os hai. As tradicións teñen mudado, e hai historiadores (Pepe Rodríguez no seu libro "Mitos e Tradicións do Nadal) que afirman que o rei mago negro xurde tardiamente, pero sen embargo non se incorporou unha muller á tríade de reis Magos para resultar máis acorde cos novos tempos.

Pero realmente o que máis me preocupa e aterra destas datas, é o que transmitimos cos agasallos que estes personaxes nos deixan. Monecas ás que se pode maquear para estar guapas para eles, bebés que vomitan, fan as súas necesidades e din "mamá". Ou a novidade deste Nadal, "You & Me Interactive Triplets" comercializadas en Toys'R Us e que di algo así como: "Eh, tú, puta loca". Produtos que se venden revestidos de rosa, como si foran inofensivos, e en realidade, provocan unha vez máis condutas e roles sexistas. Nin sequera os xoguetes máis modernos se libran. As consolas, cando se ofertan para nenas, son rosas, e os xogos sobre futuras profesións reproducen unha vez máis os roles: mulleres enfermeiras ou profesoras. A diversidade cultural tampouco aparece representada. Seguimos ancorados en estereotipos clásicos. E a publicidade é demoledora. Os catálogos xa veñen divididos a metade, en cor rosa os xoguetes dirixidos á nenas e en azul as páxinas adicadas aos xoguetes supostamente para utilizar os nenos.

E isto non é un feito illado. Moitas familias progresistas déixanse levar por este tipo de mensaxes, chegando a insinuar nalgunha ocasión que cree que é unha característica xenética, xa que ás nenas gústalles máis o rosa e as monecas. Non é certo.

E por que a elección de xoguetes para as nosas crianzas é tan importante?? A construción da identidade de xénero supón un longo camiño que comeza o seu percorrido desde o nacemento ou incluso antes, xa que hoxendía os proxenitores poden coñecer antes do parto o sexo do seu bebé, creándose desde este momento unhas predisposicións diferenciadas. As persoas adultas que rodean ao/á recen nacido/a asignanlle un dos dous sexos, excluíndoo do outro. Desde este momento as expectativas e as explicacións sobre o comportamento do pequeno serán distintas.

As nenas son descritas e tratadas como "máis suaves, máis pequenas, de rasgos máis delicados, máis distraídas" mentres que dos nenos dise" máis fortes, máis duros, cunha mellor coordinación, máis robustos, de rasgos máis bastos", sobre todo por parte dos proxenitores masculinos, aínda que ambos amosan un acordo na mesma dirección diferencial. De aí que as investigación realizadas neste ámbito apoien a hipótese de que as expectativas das persoas adultas determinan diferencialmente as interaccións con bebés. De feito, neste tipo de estudos cando se pregunta, "que crees que fará este bebé cando cumpra os vinte cinco anos?", hai dificultades para respondela cando se descoñece o sexo da crianza.

,Desde que nace, hai feitos que sen darnos conta van marcando ou definindo como debe ser esa persoa. Tanto a nai, o pai como familiares máis próximos encargados da crianza do bebé, inflúen na súa vida na dirección marcada polos estereotipos sexuais, de modo que o peiteado, a cor da roupa, a decoración do seu cuarto, e os xoguetes son distintos e adaptados ás crenzas sociais sobre o xénero. As diferencias comportamentais atopadas antes dos dous anos de vida son mínimas, e son consecuencia dos axentes socializadores. Só a partir desa idade os individuos comezan a amosar diferencias de xogo e preferencias de actividade diferenciadas. Os xoguetes dos varóns reproducen os ámbitos de interese masculinos, coches, xoguetes electrónicos que promoven a competitividade, superhéroes fortes e agresivos.... As nenas pola contra, rodéanse de monecas que representan persoas ou animais aos que poder coidar, xoguetes relacionados coa esfera doméstica (prancha, cociña,,,) ou a beleza. É convinte reflexionar sobre o feito de que a miúdo, o proceso de construción é tan sutilmente desenvolto polos axentes de socialización (familia, escola, iguais, medios de comunicación...) que lévanos a crer que se trata dun proceso natural. Os comportamentos alternativos que expresan certa resistencia ao prescrito para un xénero son dalgún modo penalizados.

Como explica Vygotski nun capítulo adicado ao xogo no seu libro clásico Os Procesos Psicolóxicos Superiores, non existe xogo sen regras. " A situación imaxinaria de calquer tipo contén, xa en si certas regras de conduta, aínda que estas non se formulen explicitamente nin por adiantado (1979, p. 144) O xogo imita á vida. Os esquemas de xénero que se desenvolven son froito das experiencias sociais nas que se reforzan as condutas socialmente aceptadas e se castigan, ou non se reforzan as condutas desaprobadas. Un sorriso ou un lixeiro xesto bastan en moitos casos para modificar os comportamentos. Por exemplo, cando un neno pinta os seus beizos ou xoga cun corrícoche, un xesto de desaprobación pode ser determinante para entender que a súa conduta non é a apropiada. A medida que isto ocorre os nenos e nenas van desenvolvendo as súas propias construcións mentais do que debe ser ou facer un mozo ou unha moza e do que non debe ser ou facer.

Xoguetes rosas ou azuis??? Os xoguetes non teñen xénero. Non se trata de impór un xoguete ou de prohibilo. O importante é ofertarlles novos patróns e modelos de relación entre xéneros, xa que o problema radica en considerar espontáneo ou innato a algo que é aprendido. A idea non é que o neno xogue con monecas e a nena con coches para superar o estereotipo tradicional, senón que se trata de que as/os nenas/os usen indistintamente os xoguetes.

Os nenos e nenas deben compartir xogos e roles desde idades temperás para ir mudando as pautas sociais ás que estamos habituados. Hai que rachar con eses esterotipos dunha vez para que a igualdade vaia prendendo e calando xa na sociedade. E por iso, é moi importante o papel das familias. Porque eu non creo e non quero que os nenos, os homes do futuro sigan a cantar "es mi vida no quiero cambiar, los chicos no lloran, tienen que pelear"...