Xogades con cartas marcadas…
A miña colaboración mensal con Terra e Tempo aparece nos días 17. A deste mes cadra cun terríbel aniversario, o 80 do inicio da guerra civil española (se temos en conta a primeira acción do levantamento militar en África). Só un mes despois -como macabra celebración deste inicio- é asasinado en Pontevedra Alexandre Bóveda, secretario político do Partido Galeguista. Con el, centos, miles, de inocentes, ao longo dos tres anos de guerra e nunha crudelísima postguerra, que continuou o exterminio directo, a campaña de represalia incesante nas persoas de tantos galegas e galegos. Todo isto é sabido, por moito que a Galiza, globalmente, tivese que aturar, no mesmo conflito bélico e coma quen di até onte, historicamente falando, a pauliña de “submisa” e “colaboradora” co golpismo. “Mariscos” foron chamados, despectivamente, os soldados galegos; ignorouse olimpicamente, por parte da historia oficial española e inclusive da non oficial, a participación galega nas tropas e na política leais á República, combatentes directos contra o fascismo en armas. Unha impresionante mostra artística do terror, visto desde a Galiza, para a Galiza e para o mundo, como os álbumes de guerra de Castelao (Atila en Galicia, Galicia mártir, Milicianos) foron desprezados ominosamente naquela historia a que nos referimos (permítaseme unha anécdota persoal: en 2006, un macro-congreso de recordación da guerra civil española, pontificalmente dirixido polo historiador Santos Juliá, no 70 aniversario da barbarie, unha servidora, que escollera como tema de exposición xustamente aqueles álbumes de Castelao, foi contundentemente reprimida-excluída de tal participación; cheguei a me comunicar directamente co tal historiador para denunciar a condena sectaria e sen motivar da negativa: a resposta non puido ser máis elocuente: o tema, Castelao, a significación na arte e a na historia da Galiza, non cabían nas previsións do congreso; ao cabo, o españolismo sectario e excluente non triunfou, pois Castelao, en foro universitario extragalego si existiu: Universidade de Rioja, por exemplo, ou na pública basca, Logroño-San Sebastián, e con todas as honras e con toda a atención por parte dos numerosos asistentes de moitas partes do mundo). En contrapartida, no ano 2010, cando lembramos o 60 aniversario da morte de Castelao, unha exposición celebrada no Museo Provincial de Lugo (por idea de Lois Diéguez e comisariado de Felipe Senén e de quen isto escrebe) que, durante dez semanas consecutivas, se centrou nas trinta e unha estampas daqueles álbumes, bateu o récord de asistencia de visitantes nas exposicións temporais daquel centro. Fame de coñecemento é o que había por parte do numeroso público, de Lugo e da Galiza toda, que acudiu a contemplar esta exposición.
Guerra civil española. Por enésima vez, ao longo dunha historia secular, a Galiza tivo de pagar -e a que prezo!- a súa forzada dependencia da España. Dependencia, eis a palabra. Cada novo asalto que se realiza á historia de noso, cada novo avanzo do coñecemento, permítennos, tamén por enésima vez, verificar até que ponto vivemos unha historia dupla: a feita desde aquí, reveladora dunha especificidade clamorosa e dunha coraxe que tanto custa recoñecer; e a proxectada na Galiza desde a monarquía española ou desde o Estado español, onde a nosa nación, sen comelo nen bebelo, se viu implicada ou involucrada. ¿Quen fará o balanzo dos froitos desta dependencia, desta servidume?
¿Quen é capaz, por outra banda, de facer o inventario de todos os galegos e galegas que, co único pagamento do medro da súa biografía -no mellor dos casos-, serviron competentemente os intereses e designios da política española, en calquera das súas versións ou modalidades? ¿Canto heroísmo, canto martirio mesmo, por causas alleas? Isto forma parte, sen dúbida, dunha tradición galega, xustamente a que, desde o ecuador do XIX e, nomeadamente, desde hai cen anos, se rachou na Galiza de xeito definitivo, por moitos impasses e hiatos que nese tempo se produciron.
Volto ao termo-clave que citei: dependencia. Face a ela, o primeiro que se impuxeron e practicaron os nosos antepasados nacionalistas, foi a independencia de criterio, en virtude da cal decidiron como se chamaban (nacionalistas, nunca máis “regionalistas”); que era a Galiza (nación); que dereito reclamaban (autodeterminación); por que era necesaria a participación política en todas as instancias onde se dirimían políticas atinxentes á Galiza; por que cumpría imperiosamente normalizar en toda a parte o uso da lingua de noso, do galego; por que se proclamaba a igualdade xurídica das mulleres; por que os nosos recursos naturais e económicos debían reverter no noso beneficio; por que, en fin, se proclamaba “ a soberanía estética da nazón galega”... Mais, insisto, o primeiro de que se dotaron foi da precisa independencia de criterio.
,Nós, nacionalistas de hogano, de aí provimos. E logo explicarei o porqué desta recordación. Como non gosto de falar de memoria, intereseime por ler atentamente, ao que tiven noticia del, o denominado polos seus promotores “Chamamento de Vidán”. Así o fixen, e vanme permitir -as leitoras e leitores que isto tiver- que comece por reparar no uso de certas palabras ou expresións. Quizabes sexa deformación profisional, mais ninguén negará que o vocabulario utilizado delata sempre a nosa maneira de pensar, mesmo por riba das nosas intencións. Comeza o escrito por cualificar os resultados eleitorais últimos e penúltimos de “insoportábeis”. Insoportábeis para quen? Vindo de onde vimos, non teremos suficiente tempero para non só “soportalos” senón para superalos, non por milagre, claro está, senón a base de traballo, mudanza, innovación...? A seguir, fálasenos de “fin de ciclo da organización nacionalista”. Que ousadía! Na reprodución mimética do vocabulario doutros ou na inxenuidade rotineira, non se decatan os redactores de que un “fin de ciclo” (histórico, económico, cultural...) non se vaticina: analísase e enxuíciase moito tempo despois, non in medias res. Viva a grandilocuencia!
Seguimos con ela, coa grandilocuencia. A descrita é unha “fatal realidade”. ¿Coñecen o significado de “fatal”? Confeso que o adxectivo, na súa versión clínica, me trae maus recordos. Hai moitos anos, hospitalizado meu pai por grave accidente vascular, batín cun médico amigo. Pergunteille pola súa opinión diagnóstica. “Fatal”, respondeume. Con efeito, poucos días despois, meu pai faleceu. Predicar a “fatalidade” dunha situación real, como se fai no Chamamento..., equivale a predicar a non rectificabilidade da historia, a imposibilidade de removela ao noso favor. Face a este negro panorama, velaí que unha luz se abre no horizonte: hai quen é capaz de “focalizar o interese social” (léase obter bons resultados eleitorais). Ah!, mais non todo é alegría, meus reis... Este maná, que nada menos que se define como unha “alianza construída para defender os intereses de Galiza” (que refacción, meu Deus!: ¿cando así se definiron, se do que falan adoito é de “unidade popular”, de “acumulación de forzas”, de “derrocar” o Estado borbónico e demais lindezas...?) amosa unha debilidade, que é o peso inferior no seu seo do “pólo nacionalista”. Daquela, cómpre procurar o “fortalecemento do nacionalismo”, a base de crear unha “organización nacionalista de nova planta”.
De modo e maneira que... traduzamos. O que se nos propón ás e aos militantes do BNG é que nos fagamos golpistas a respeito das resolucións e obxectivos políticos que nos demos e que aprobamos maioritariamente na última asemblea nacional, celebrada onte coma quen di, no 28 de Febreiro deste ano. En segundo lugar, pédesenos que asumamos que viñemos a este mundo para enchermos de contido e praxe nacionalista a quen non só rompeu con ela senón que se entregou con armas e bagaxes a forzas políticas españolas, de marco, pensamento, actuación e dirección estatais.
Diríxome agora ás compañeiras e compañeiros do BNG asinantes do escrito. Pontualizo isto porque observo que se adheren ao mesmo persoas que non son do BNG ou que son membros directos das Mareas. Como non vou falar de absoluta falta de elegancia e discreción nen tamén non vou falar de absoluta intromisión soberba, quero pensar que se distraíron ou confundiron, por aquilo de asinar moitos papeis indiscriminadamente (¿como xulgarían que eu, por exemplo, me permitise interferir directamente nos asuntos de Podemos ou das Mareas?). Por tanto, aos membros do BNG me dirixo. Dígovos que xogades con cartas marcadas. Quen así opera sempre quer gañar. Explícome. Se o BNG responde como respondeu, en boa lóxica: non á disolución, non á OPA hostil, non ao desaparecemento inducido; si á afirmación nacional e nacionalista; si á capacidade de decisión autónoma e libre; si á organización do povo galego no seu proprio beneficio..., se esta é a resposta de VIDA, dirase (réplica prefabricada) que non hai diálogo, que se está no inmobilismo, que non hai vontade de cambio etcétera. Se o BNG tiver a tentación de re-acomplexarse, resignándose a aquela pretensa solución, daquela gáñase igual, porque se cumpriu o obxectivo pretendido.
De por parte, asombra comprobar como tal entreguismo non inclúe nengún, nen un só, asunto político atinente á Galiza. Non, o único declarado é contribuír, previa dilución, a desaloxar o PP da Xunta. ¿Cando, pergunto, o BNG obstaculizou tal propósito? Os asinantes do escrito que comento introproxectan o fracaso eleitoral. Transferen a frustración, a decepción ou a desilusión á propria organización, isto é, a eles mesmos, na parte que lles toque, no canto de recoñeceren que ela, a organización, xa non enche as súas expectativas. Para maior descaramento, Xosé Manuel Beiras, sempre tan locuaz cando lle convén, xa adiantou o desexo de que estes “continxentes” se unan ás Mareas, concebendo, xa que logo, esta declaración como a pasarela previa. Non lin resposta algunha a esta (nova) intromisión ou teledirección. Este escrito, en fin, anti-politicamente, opta por realizar un acto de fe. Fe no que dou en denominar o espírito do “A ver...”. A ver se resolvemos a nosa pequenez a base de que os “grandes” nos recoñezan. A ver se os progres españois teñen a ben repararen en que a Galiza tamén existe (non só Teruel...). A ver se, neste xogo revolto, saímos gañando, creando a ilusión ilusa de que outros de fóra e de arriba de nós se aprestarán a solucionarnos a vida.
Fácil sería colocar aquí toda unha ringleira de exemplos deplorábeis da actuación das forzas con que se pretende confluír. Unha sucesión de escisións; unha secretaria xeral que pode cesar autocraticamente membros da súa executiva (¡non habería auga que nos lavase se o fixese alguén do BNG!); un macro-secretario xeral español que acode compracentemente -¡en territorio norteamericano, base militar de Torrejón de Ardoz!- a render pleitesía, agasallo incluído, ao Amo Universal, presidente dos USA en visita de horas ao Estado servo; un sindicato de alcaldes que axe pola súa conta; unhas decisións cupulares que han de ser despois ratificadas pola sobadísima “xente”... O etcétera é interminábel mais non é central na tese que defendo. Ela ficou, coido, explicada nas liñas anteriores. Abondaría con reler Castelao -cada vez máis actual e vixente-, por non falarmos de toda a acumulación teórica, práctica, social, cultural... realizada polo nacionalismo galego contemporáneo. O esnaquizamento da lóxica é deplorábel. ¿Como se pode falar de “fortalecer o nacionalismo” contribuíndo directamente a debilitalo e a desacreditalo? ¿Lañándoo onde el existe e inventándoo onde se renunciou a el?
Se a nengunha destas razóns son sensíbeis as-os asinantes deste escrito, convido a que se formulen a típica pergunta detectivesca: cui prodest? A quen e a que beneficia o que fan? Unha asinante do Chamamento... afirmou que non entraba na súa intención entrar ou confluír nas Mareas. Se isto é así, a contradición salta á vista. É como declarar viaxar a Portugal e dirixirse a Asturias, con GPS facilitado desde Madrid. Independencia de criterio. Liberdade de movementos e autonomía de decisión: principios irrenunciábeis, como irrenunciábel foi e é para as mulleres a conquista da súa condición plena de persoas e o exercicio da mesma. A maré -a do mar, a denotativa- sobe ou baixa, abala ou debala, non as dúas cousas asemade. Alimentar a derrota só a aumenta. O que nos cómpre é absolutamente todo o contrario, con realismo e coa persistencia necesaria. E, desde logo, con bastante máis respeito e recoñecemento polo que se fixo e con conciencia activa de todo o que falta aínda por facer. Que é inmenso...
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.