Xaque ao Rei

IÑAKI URDANGARIN DURANTE UN PARTIDO CON LA SELECCION NACIONAL DE BALONMANO CORRESPONDIENTE A LOS JJOO DE SIDNEY 2000 ; ANTE LA ATENTA MIRADA DE SU MUJER LA INFANTA CRISTINA DE BORBON 
EB / ©KORPA
18/09/00
SIDNEY *** Local Caption *** IÑAKI URDANGARIN DURING A PARTY WITH THE NATIONAL SELECTION OF HANDBALL CORRESPONDING TO THE JJOO OF SIDNEY 2000;

Desde hai semanas as noticias sobre o caso Urdangarín inundan as páxinas de xornais e revistas, mesmo daqueles máis confesamente monárquicos e reaccionarios. Case sorprende tal efusión de información sobre episodios de corrupción que atinxen un membro da familia real. Puidera parecer un síntoma de exercicio pleno da liberdade de opinión e expresión e por tanto, da capacidade de criticar calquera cargo público do Estado, incluído o Rei e a súa familia. Nada máis lonxe da realidade. A liberdade de expresión nunca alcanzou a figura real e como demostración por atrás fican censura, procesos, secuestro de publicacións e, sobre todo, silencio e ocultamento.

Os mesmos medios que -a priori de maneira sorprendente- acometen contra Iñaki Urdangarín esfórzanse por poupar o Rei de calquera escándalo e por tratar de asegurar unha imaxe positiva defendendo a ultranza a honradez do monarca. E iso embora as múltiplas informacións que apuntan para o coñecemento do Rei das actividades do xenro e tamén da filla. Mais non é só a imprensa. Unha información recente sinala que unha empresa propiedade aos 50% de Urdangarín e Cristina de Borbón evadiu 1,7 millóns de euros e, apesar diso, a Fiscalía mantén a tese de que a infanta 'estaba á marxe dos negocios do seu marido'. Todo un exemplo de que 'a xustiza é igual para todos'.

Nada novo. Durante os últimos 35 anos os grandes meios de comunicación do estado dedicáronse a reconstruír coidadosamente a imaxen do herdeiro de Franco. O primero obxectivo foi presentalo como un rei demócrata, tratando de facer esquecer o feito de ter sido entronado polas Cortes franquistas após ser nomeado sucesor polo ditador, ao que declaraba 'afecto e admiración' por ter sabido 'tirarnos da crise de 1936' e ao que consideraba como 'un exemplo vivente polo seu desempeño patriótico ao servizo de España'.

Os seguintes pasos, para alén de tentar suprir a falta de lexitimidade democrática, foi branquear o seu nunca ben esclarecido papel durante o golpe de estado do 23-F -particularmente en relación coa chamada "Operación Armada"- e crear unha imaxe de home normal, simpático e sinxelo. Unha imaxe que non casa cos múltiplos indicios, convenientemente silenciados, que envolven o Rei en escuros negocios que lle terían proporcionado unha fortuna considerábel. Xa no ano 2000, o xornalista Pepe Rei no libro 'Un rey golpe a golpe' sinala que "algún día, se as cousas se torcen e ten que saír ás présas, tanto el como a súa familia terán as costas cubertas co diñeiro aforrado, depositado en bancos suízos, que actualmente se calcula que é duns 6.000 millóns de pesetas".

,Ou o cálculo do xornalista foi conservador ou os negocios correron ben desde aquela porque no 2003 a revista Forbes estimaba unha fortuna por riba dos 1.700 millóns de euros. En calquera caso, ao longo destes 36 anos de monarquía afloraron unha e outra vez escándalos que envolvían o monarca con empresarios procesados e condenados por corrupción, desde o italiano Agnelli (Fiat) ao francés Le Floch (Elf) pasando por Ruíz Mateos ou Mario Conde. Sempre a relación co monarca foi obviada nas informacións dos medios e o Rei nunca foi sequera preguntado polas acusacións directas vertidas por algún deles. Talvez o que o atinxiu máis de perto, sen que por iso fose molestado, foi o que afectou a Manuel de Prado y Colón de Carvajal, amigo íntimo e "administrador privado" do Rei durante máis de 20 anos, senador por designación real en 1977, pai do actual presidente de Endesa e condenado en varias pezas do chamado caso KIO: Wardbase, Grand Tibidabo e Torras. Pasou só 2 meses no cárcere.

Entón, o que mudou para que aparentemente o tradicional pacto de silencio mediático teña cesado e dispoñamos de ampla información das actividades presuntamente ilícitas do xenro do Rei? Nun momento de crecente desprestixio da monarquía, de crise de lexitimidade das institucións públicas non é xa posíbel ocultar unha situación de corrupción aberta como esta. Óptase, polo tanto, por centrar toda a atención en Urdangarín, usado como bode expiatorio, en canto se trata por todos os medios de manter á marxe o Rei presentándoo mesmo como vítima dos desatinos do xenro. E Urdangarín até fica ben como chibo: ao cabo é basco e fillo dun militante do PNV. Quer dicir: non fai parte da aristocracia ou da oligarquía española, é un recén-chegado. Non estamos a dicir que o xenrísimo non sexa culpábel, mais en calquera caso parece evidente que tivo unha boa escola e aprendeu depresa.

No entanto, do punto de vista político interesa menos o asunto dos negocios e da fortuna do Rei do que dilucidarmos porque esta situación se pode producir con total impunidade, amparada nunha Constitución que estabelece que "a persoa do Rei é inviolábel e non está suxeita a responsabilidade" quer a respecto dos actos públicos (dos que responde o Goberno español) quer en relación aos privados (dos que, polo visto, non responde ninguén). Entre tanto, calquera opinión crítica que puider ser considerada inxurias á coroa, é perseguida con procesos xudiciais que teñen atinxido (e condenado) a xornalistas, dirixentes políticos, humoristas e até cantores de hip-hop.

Mais, embora todas as operacións de cirurxía mediática, todos os inquéritos cociñados nos que a Coroa aparece sempre como 'a institución mellor valorada' todos os esforzos para aparentar transparéncia nas contas, esta situación colocou o Rei en xaque. Con certeza que sairá del. Porén, é evidente que ficou tocado e será oportuno denunciar a pervivencia dunha forma de estado anacrónica até conseguirmos o mate. Porque non esquecemos que o principal problema non son os negocios reais, mais a propia existencia da monarquía e da figura dun Rei que, como recolle a Constitución española, é "o Xefe do Estado, símbolo da súa unidade e permanencia". Símbolo tamén, por tanto, da negación de Galiza como nación e do perpetuamento da nosa dependencia.

Alén do máis, as dificultades polas que atravesa a familia real, o descrédito da monarquía coincide cunha crecente crise de lexitimidade do sistema, con sectores cada vez máis largos da populación a cuestionar o funcionamento das institucións e até as institucións mesmas. Estamos, pois, na hora, como recollen as Teses do BNG "de enunciar aspectos da nosa alternativa que estaban implícitos e que agora deben ser explicitados con maior frecuencia nosa actuación política: o cuestionamento das institucións e modelos que o deseño da transición foi vertebrando, e que hoxe aparecen como obsoletos e inútiles para resolver os problemas".

E a monarquía, embora teña un poder máis simbólico do que real, forma parte da configuración político-institucional do estado español en que xoga un rol importante. A monarquía foi a forma de Estado que interesou á clase dominante para garantir 'unha transición pacífica' quer dicir: evitar un ruptura democrática e manter o control do poder político e económico e con el a estrutura unitaria do Estado. Desde ese ponto de vista continúa a lles ser útil. E, ao inverso, o obxectivo de soberanía pode beneficiar do descrédito das vellas e inservíbeis institucións españolas e máis aínda do colapso das mesmas no caso de se producir.

Aliás, o crecente desprestixio da monarquía leva a moitas persoas a apostaren publicamente na república. Mais, en non poucas ocasión a formulación alternativa que aparece é a da III República, unha opción que se presenta habitualmente envolta na bandeira (republicana) española. Porén, como dícia Castelao cando analisaba o fracaso da II República, de nada serviría unha república que se conservase nos vellos moldes unitarios da monarquía. E tamén non, convén acrecentar, unha república federal como a entende a esquerda española que se chama republicana. Interesa esclarecer, portanto, que para nós nacionalistas, a alternativa está na soberanía nacional. Está nun estado galego republicano que, en parámetros democráticos, só pode tomar corpo na República da Galiza.