Xa somos modernos!


Resulta sobrecolledor comprobar a eficacia das mensaxes de "fin das ideoloxías", "crepúsculo das ideoloxías" ou "pensamento único". Ao primeiro recado as desercións son continuas e intensas. Os efectos en Galiza tamén son moi visíbeis. Por un lado, o abandono das ideoloxías socialdemócrata e comunista, como algo rancio, do pasado, substituídas pola modernidade e o "progreso" abstractos, vacuos ideoloxicamente; por outro, o desprezo cara o nacionalismo en favor dun "galeguismo" light de suposto amplo espectro.

Aínda que os sistemas/réximes políticos dun Estado, en defensa das clases sociais que o controlan, non dubidan en recorrer ao uso da violencia para manter a situación, prefiren que o control se poida exercer mediante os aparellos ideolóxicos do Estado.

Así pois, en épocas de "normalidade", é dicir, de ausencia de grandes e abertas convulsións e de falla de perigo real do dominio, a vía elexida é a batalla ideolóxica, o sometemento da maioría da poboación aos desígnios das clases e fraccións de clase que controlan o aparato do Estado mediante o espallamento da ideoloxía ou ideoloxías convenientes para este fin.

Cando un sistema/réxime representa clases sociais en alza, usa unha ideoloxía puxante, combativa, novidosa, en nome de toda a sociedade, e promete un futuro mellor, radiante. "Liberté, igualité, fraternité,", "oportunidades para todos" son exemplos de eslógans que resumen ese empuxe. O optimismo, a crenza no futuro dominan a escena; a batalla ideolóxica céntrase en convencer de que este futuro vai chegar pronto e, se acaso o paraíso non chegou aínda, a culpa será dos que defenden postulados contrarios. Batalla ideolóxica á ofensiva.

Pero cando a situación está en declive, cando mingua o empuxe das clases ou fracción de clases que detentan o poder estatal, a batalla ideolóxica incorpora outros medios, digamos defensivos. Nestes estadios é cando xorden diferentes teorías pesimistas, autocomplacentes, do tipo "fin da historia", "fin das ideoloxías", "crepúsculo das ideoloxías"; o cerne é "que me quede como estou, non vexo outro futuro mellor, non vaia a ser que a cousa vaia a pior".

A primeira teoría deste tipo despois da segunda guerra mundial foi a elaborada por Gonzalo Fernández de la Mora, entre 1959 e 1965, ano no que publicou "Crepúsculo de las ideologías", libro de cabeceira de Mariano Rajoy. Este home, ministro do franquismo, foi pioneiro da batalla ideolóxica defensiva; despois, en 1989-92, un asesor do presidente Bush sr., Francis Fukuyama, fíxose famoso pola súa teoría do "Fin da historia".

A mensaxe de tales teorías é sempre a mesma: acabouse a loita ideolóxica, a partires de agora existe unha única ideoloxía triunfante. As clases e sectores sociais desfavorecidos pola situación, polo sistema/réxime que controla o Estado, declárense desarmadas ideoloxicamente e acaten sen discusión a nosa ideoloxía, a das clases favorecidas, claro. No fondo é un recoñecemento de debilidade, de que xa non teñen nada novidoso, con empuxe, con futuro, con expectativas, para ofrecerlle á inmensa maioría da poboación.

Os que ostentan o poder non descansan, andan sempre buscando a forma de manterse e dominar ideoloxicamente á maioría; e vaille a supervivencia no intento. O que resulta moi curioso é ver como quen supostamente pretendía representar alternativas, quen aparentemente estaba na loita ideolóxica contra o sistema, parece ser moi sensíbel a estas mensaxes. Ao primeiro recado de que é mellor deixar de loitar ideoloxicamente, as desercións son continuas e intensas.

Os partidos comunistas europeos deixaron de seren comunistas ou desapareceron, os partidos socialdemócratas abandonaron esta ideoloxía e pasáronse ao socio/liberalismo, os sindicatos estatais desideoloxizaronse totalmente, as loitas de liberación nacional e o antiimperialismo pasaron a ser cousas feas, do pasado, a teoloxía da liberación en franco retroceso, etc.

Na Galiza, os efectos tamén son moi visíbeis. Por un lado, o abandono das ideoloxías socialdemócrata e comunista como algo rancio, do pasado, substituídas pola modernidade e o "progreso" abstractos, vacuos ideoloxicamente; por outro lado, o desprezo cara o nacionalismo en favor dun "galeguismo" light de suposto amplo espectro. Paradoxal resulta que, quen aproveita o reclamo do "crepúsculo das ideoloxías" para desertar da loita ideolóxica contra o sistema, pasa en moitos casos a ser un activo belixerante en contra das ideoloxías que acaba de abandonar.

Pero todo ten a súa explicación. O prohome do franquismo Gonzalo Fernández de la Mora, predicou o "crepúsculo das ideoloxías". Coherente o home, o fin das ideoloxías entendía que se aplicaba á dos demais, á dos que combatían contra o sistema que el defendía, non á súa ideoloxía propia que tiña como a única válida e triunfante. O que costa moito máis é entender a coherencia de quen estivo na loita, abandona en aras da modernidade e do fin das ideoloxías, e, a continuación, adica os seus esforzos a atacar os seus antigos posicionamentos; prefiro pensar que non é o que aparenta.

Con todo, con estes vaivéns persoais e colectivos, con desercións ou con chamadas ao "crepúsculo das ideoloxías", non debemos nin podemos esquecer o fundamental: a loita ideolóxica é o campo principal no que se libran as batallas máis importantes dos conflitos sociais e nacionais. Armémonos ideoloxicamente e demos a batalla en todos e cada un dos ámbitos sociais; non é un asunto de elites nin de persoas politizadas, é un problema social de primeiro orde no que nos xogamos grande parte das nosas posibilidades. A ofensiva do sistema é intensa e continua; a nosa ten que estar á altura da situación.