Xa é hora de saírmos da cloaca mediática
Eu estou farto de que se sufoquen os meios en galego mediante a adxudicación do groso da subvención correspondente a dous xornais, La Voz de Galicia (718.000 €) e o Faro de Vigo (305.000 €), onde a presenza do galego cumpre co testemuñal mínimo de 8 % exixido, relegado aos artigos de opinión e de cultura e à simbólica capa no Día das Letras, frente aos 31.542€ para o Sermos Galiza, semanario integramente en galego, ou os 0€ para varios outros meios na nosa lingua (Praza Pública, Xornal do Val Miñor...).
Eu estou farto de que na Radio Gayega case os únicos peritos que existen son, ao parecer, español falantes e case os únicos libros que se escreben ou que merece a pena comentar coas súas respectivas autoras e autores tamén están escritos en español, encanto que o galego serve, iso si, para falar das festas gastronómicas e similares: ou sexa, para falar coas vacas.
Eu estou farto de ir traballar no carro pola mañá asolagado por unha permanente verbena españoleira nunha das emisoras de maior audiencia na Galiza e de titularidade pública cuxo obxectivo, tal e como recolle a Lei de Creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, consiste especificamente “na promoción, difusión e impulso da lingua galega [...] ofrecendo calidade [...] e favorecendo activamente a difusión cultural, intelectual e artística e dos coñecementos cívicos, económicos, sociais, científicos e técnicos mediante toda clase de emisións en lingua galega”. E xa sabemos o que pasa coa cultura na Radio Gayega: non vaia ser que a audiencia comece a pensar por si propria e a cuestionar o statu quo da burremia imperante...
Eu estou farto de que os principais meios traten o feminicidio como un simples suceso, ao relegaren as mulleres violadas e asasinadas a unha mera estatística –a non ser que se lles poida sacar algo de morbo e de paso culpalas– para así deixar sitio a absurdas frivolidades inconsecuentes que procuren “matizar” e terxiversar os asasinatos machistas, ao se dar a entender que o asasino era un bo pai de familia...
E ti?
Ti tamén estás farta de aturar a banda de todólogos opinadores da Radio Gayega, ostensibelmente escollidos na súa maioría pola paupérrima calidade do seu galego e para serviren como caixa de resonancia à ideoloxía do rexime?
Ti tamén estás farta de que os noticiarios da TVG dediquen máis tempo a contabilizaren os quilos de marisco, churrasco, callos e litros de viño etc. consumidos na festa de Santa Troula do que à manifestación do Día da Patria e outros actos nacionalistas, cando xa lles fallan as matemáticas? Tamén estarás farta, logo, de que a portada de La Voz opte por lucir en grande unha foto de Rafa Nadal en vez da multitudinaria manifestación encontra do proxecto da mina de Touro?
Ti tamén queres unha alternativa à manipulación informativa que denuncian as traballadores e traballadores da CRTVG (#venresnegroTVG) cuxa liña informativa provocou a dimisión d@s apresentador@s do telexornal Alfonso Hermida e Tati Moyano, ao ser este ente acusado de “[...] ocultar a parte da realidade de Galiza que non satisfai a egolatría do goberno” , en palabras do xornalista da TVG Luis Quintas?
Ti tamén queres unha alternativa informativa que non inunde todos os espazos co futebol profisional como único desporto posíbel?
Ti tamén gostarías de poder entrar en calquer bar, quiosque ou gasolineira e atopar un xornal de alta calidade xornalística que rompa coa liña do pensamento único, escrito integramente na nosa lingua, do mesmo xeito que xa o pode facer Catalunya e Euskal Herria?
Indignarse, como diría Stéphane Hassel, está moi ben e é moi necesario, mais non é suficiente. Non fagamos como quen rosma na parada cando chega o bus con atraso para logo subir e saudar tan cordialmente o condutor (non vaia ser que se atope en Calo e se lle mande “rascar a cona”...).
De nada serve choricar sen máis: hai que pasar à acción! Ninguén vai resolver os nosos problemas no noso lugar e, neste tema como en todos os outros, o principio da auto-organización do povo galego é a única saída viábel. Mudar as cousas está nas nosas mas,
Por menos do que custa un café, podes ter entre as túas maos todos os días un xornal de noso, en galego e con novas en sintonía co País.
Non resolverá por completo o problema dos meios na Galiza, mais si marcará un paso avante cara à plena normalización do galego e a transparencia, honestidade e profisionalismo xornalístico que resultan tan necesarios e urxentes.
Por todo iso, eu son asinante d’O Diario Galego. E ti, que esperas?