"Wikigoberno"


Os miles de documentos do Departamento de Estado norteamericano que impúdicamente desfilan polas páxinas de coñecidos xornais grazas á organización Wikileaks, son dun colosalismo verdadeiramente inabarcábel. Máis a dinámica xornalística diaria, que feramente absorbe noticia tras noticia a unha velocidade vertixinosa impide a reflexión pausada de tanto papel con verdades ao descuberto. Por non falar do branco manto de neve co que o Goberno e o principal partido da oposición cubriron as wikifiltracións. Curiosa unidade.

Non creo que descubra o Mediterráneo se digo que a maioría intuíamos o "modus operandi" da Administración norteamericana. Eu particularmente, teño moi claro o papel de E.U.A. na instauración das denominadas ditaduras de Seguridade Nacional no cono sur de América. E o papel da CIA no derrocamento de Salvador Allende, feitos dos que fala con claridade Noam Chomsky nos seus ensaios. É a mosca que está en todos os pratos.

Deixando aparte o efectismo de Hollywood, o cinema conta con bos filmes que reflicten as manobras da diplomacia norteamericana. Espías que vixían, que controlan. Embaixadas e consulados con espías disfrazados de agregados comerciais, pura ficción e pura realidade. Porén, esa é a función das embaixadas e consulados norteamericanos.

Vin que Baños no seu artigo aludía á película "Syriana", grande filme, todo hai que dicilo. Mais eu teño especial querencia por outro que amosa os entrefíos das embaixadas E.U.A. nun marco distinto, a Indochina aínda francesa. Falo do "Americano impasíbel", cun inmenso Michael Caine. E deixo a cousa aí, quen queira máis que se atreva a piratear a peli baixo os insultos dos ultra-defensores da comatosa "Lei Sinde", algún deles comodamente instalados en Miami e que teñen a indecencia de falar de "fascismo da rede" e "covardía dos políticos españois". O que hai que aturar; non é fascista que un órgano ministerial actúe como a Inquisición e teña a potestade de ditaminar o peche de webs?.

Ademais de deixar en panos menores á política exterior estadounidense, as wikifiltracións poñen de manifesto cousas máis graves: a actitude submisa do Goberno español ante os requirimentos do amo americano. Aquela famosa foto do ex Ministro de Exteriores de Aznar, Josep Piqué, agochando a cabeza ante o imperio repítese co Goberno Zapatero. Non hai foto pero é o mesmo. É un escándalo. Un escándalo é a complicidade da xudicatura, en concreto do Fiscal Xeral do Estado e de xuíces da Audiencia Nacional, e a complicidade de Ministros co amigo E.U.A. para borrar do mapa o proceso de José Couso. Un escándalo é a colaboración para eliminar calquera proba sobre o paso dos vós da CIA sobre aeroportos españois. Un escándalo é intentar borrar do mapa os casos de torturas a presos en Guantánamo. Un escándalo son as presións sobre o Gobernador do Banco de España que se deixou querer para á súa vez presionar a entidades financeiras do Estado e outras empresas situadas en Irán para que largaran de alí. Un escándalo son as revelacións sobre Afganistán. E un último escándalo son as presións sobre a Ministra de Cultura, tanto da industria hollywoodiense como das autoridades norteamericanas, para establecer as prohibicións sobre as descargas en Internet. E xa surrealistas son os cables que sinalan que Sinde demandou á diplomacia USA que presionase a PP, CIU e PNV para que tragasen coa "Lei Sinde". En definitiva, un Wikigoberno cheo de interferencias por todas partes, manexado a distancia desde despachos nos que só se fala inglés a pesar de que José Luis Rodríguez Zapatero aínda non se puxo as pilas coa lingua imperial.

Escándalo sobre escándalo pero rebaixado á categoría de anécdota porque nisto si que hai pacto, un pacto de silencio subscrito tan só cun choscar de ollos mais firme como unha rocha. Delatora é a actitude dos dous partidos políticos maioritarios, unidos nunha mesma fronte común na que practican o "mutis polo foro". PP e PSOE, conxuntamente calados pola súa entrega a un esquema internacional filo-americano, imbuídos de pro-americanismo e decididos a deixar que corra o tempo. Agardando a que se apague a voz de wikileaks que poucas lle quedarán dado o acoso e derrube a Julian Assange e á súa organización.

Estraños compañeiros de viaxe pero cada vez máis próximos en moitos aspectos. Tampouco a mediática parece moi interesada en dar pábulo á maior filtración de documentos da historia política, algo que noutros tempos faría abanear a calquera Goberno norteamericano. Na memoria está o "watergate". Publícanse documentos de relevancia que afectan ás tripas do Departamento de Estado E.U.A. pero é como se saíran na revista "Hola", puro ruxeruxe. Nin sequera os mesmos que día a día enchen varias páxinas dos seus xornais con wikifiltracións parecen facelo con convición, é como se inserisen publicidade para gañar cartos.

En conclusión, un escándalo relegado a unha pequena mancha negra na historia da diplomacia norteamericana pero sen maior efecto, sen maiores consecuencias que a burla social.