Votos por mentiras


Quizais “Contra mendacium” é o primeiro tratado rigoroso sobre a relación entre a mentira e a política, aínda que se teña por un debate moral ou mesmo relixioso. Agostiño (San Agostiño para os amigos) arrepúxose aos que sostiñan que para destruír aos priscilianistas era lícito mentir.

Cóntanlle que os partidarios de Prisciliano -que tiñan moito predicamento na Gallaecia- caracterizábanse por ocultar que o eran, e o único xeito de descubrilos é facerse pasar por eles para logo, unha vez que se confiaran, descubriran as súas conviccións. Paulo Orosio, Consencio e outros informaban que estes herexes tiñan por norma: “Iura, periura, secretum podere noli” (“Xura e perxura, mais non descubras a ninguén o teu segredo”). Arrincaría disto a fama de desconfiados que nos quedou aos galegos?.

En calquera caso, Agostiño, que é un dos pensadores máis rigorosos e brillantes da historia non podía evitar debullar a onde o levaba isto pois faría dos católicos uns herexes e blasfemos, e sobre todo uns mentireiros, en definitiva, uns pecadores iguais ou peores que os priscilianistas que perseguían. Decatouse o bispo de Hipona das consecuencias demoledoras desta práctica que “comportaría a bancarrota de toda a moralidade humana”. Este magnífico libro podía anticiparse ás adiviñas de Raymond Smullyan se no lugar de “escudeiros” e “cabaleiros” poñemos católicos e priscilianistas e tiramos as consecuencias lóxicas de que un colectivo sempre minta ou outro diga a verdade. Mais quedámonos co asunto da “bancarrota” que pretende evitar este teólogo e o eterno falso debate sobre se o fin xustifica os medios, en definitiva, apreciamos neste traballo a preocupación sobre a fenda que se abre no momento de consolidacións institucional desta ideoloxía orixinariamente emancipadora entre os preceptos ou normas éticas (o 8º mandamento) e a praxe, fenda que se irá instaurando na conciencia moral de occidente fundamentando o que Walter Benjamin chamou a impunidade da mentira, isto é, o baleirado de contido da verdade e a inversión que se produce cando os fins só son a escusa para lograr os medios.

Na pasada campaña electoral de 2009 -posibelmente a máis porca até a presente- atopámonos co estupor co que algúns encaixaron o trunfo dun farsante sen escrúpulos apoiado por unha campaña mediática de trolas e insultos que moitos crían que ían provocar unha reacción cidadán a prol daqueles que se mantiveran á marxe de meterse na lama e conservaran a calma e o decoro. Esta posición lémbranos o que dicía Hanna Arendt a respecto dos “listos” que consideraban imposíbel o trunfo dun Hitler que dixo: “as grandes masas sucumbirán máis facilmente a unha grande mentira que a unha pequena”. Acreditaban que existía unha especie de xustiza no universo que castigaría os seus excesos verbais, e agardando por esa forza cósmica deixáronse levar pola enxurrada até os sumidoiros do III Reich. Nin sequera Agostiño era tan inxenuo para confiarlle a Deus a loita contra a mentira, empregándose el a fondo en combatela, mesmo nas súas propias filas.

Cúmprense agora 10 anos do “prestige” e entón xa tivemos ocasión de comprobar até que punto son capaces de manipular e enganar os que agora nos gobernan (Raxoi, Arias Cañete...). Daquela fíxose unha labor importante de denuncia das mentiras. Tamén coincidiu naquel entón o “non a guerra” e aquel grande embuste das “armas de destrución masiva”. E non se pode dicir que todo aquel traballo fora en balde. Mais hai certa frustración ao comprobar que seguen aí apesares de descubrírselle o calote. De feito, iso tamén explica en parte que non se reaccionara como se debera hai tres anos e medio. É desmobilizador contemplar que nos goberna o mesmo que dicía que se ía solidificar o fuel ao afundirse o barco. Moitos consideran que é un labor inútil dedicarlle tempo a desfacer as andrómenas que inventan os que nos mandan e os seus canles de comunicación.

,Hai que ter en conta que a batalla pola verdade bate con intereses que fan a miúdo que cinicamente se defendan mentiras a sabendas. Non no sentido Nietzscheano de considerar a verdade como “un erro útil”, senón na consciencia de que lle chamamos verdade á mentira a cambio dos beneficios que esta nos causa. Quen se cría que a guerra de Iraq era para atopar as armas de destrución masiva?. Calquera aznariano daquel entón xustificaba en privado a invasión en base ao que outros denunciabamos en público: o petróleo. A verdade de corazón –que dicía Agostiño- non se correspondía coa que saía pola súa boca, e por esa fenda da que falamos é pola que se cola a devandita “bancarrota”.

Volvemos de novo sobre a idea da “impunidade da mentira” de Benjamin como ámbito no que a violencia se desvencella da súa función de xerar dereito para quedarse virada sobre si mesma.

Desta volta, na actual campaña, parece que si existe unha reacción maior cara entrar a trapo na denuncia das mentiras. Certo que o desenvolvemento de internet e das redes sociais ten os seus problemas de deslocalización da loita que para moitos trasladouse ao mundo virtual en detrimento do traballo na rúa. Mais é un campo de batalla relevante no que é posíbel e necesario combater a prol da verdade. Nese sentido están a facerse actividades moi interesantes que compre difundir como é o caso de “Feijoo 2012 (A verdade sobre o Goberno do PPdeG)”, ou a serie de vídeos sobre as súas mentiras.

Antonio Gramsci sostiña aquilo de que a verdade era revolucionaria, realmente chegou a condenar a mentira no mesmo sentido que o fixera o autor da “Cidade de Deus”, a cuestión é que desde a esquerda a loita pola verdade é o mesmo que a loita polo poder porque a verdade favorece aos débiles, esconxura a violencia e iguala aos desiguais. A esquerda está interesada na verdade aínda que quite votos, do mesmo xeito que a dereita está interesada na mentira para logralos. De consolidarse esta estreira na que converteron a política (a destrución da moralidade que supón mentir a mantenta para acadar resultados) ao final vaille saír caro aos de “abaixo”, e fenómenos que os “listos” consideran irrepetibeis acaban repetíndose.

O caso é que do mesmo xeito que Agostiño consideraba un risco que por querer trunfar os católicos renunciaran a aquilo que os definía (o 8º mandamento, por exemplo), tamén a esquerda debe ser fiel a loita pola verdade como sinal de identidade se quer seguir sendo tal. Por iso é lamentábel que algúns que se presentan nestas eleccións erixindo o rótulo de esquerda recorran tamén á mentira como xeito de acadar apoios. Sen entrar na lexitima diversidade e pluralidade do que a esquerda é e que así debe ser respectada, compre poñer algún límite, e non consentir en silencio que este se traspase. Por poñer un exemplo: mentir. Sen entrar na valoración do dato que cada quen oportunamente e libremente faga. Non podemos aceptar que alguén que se diga de esquerda invente a realidade para lograr o poder, por moito que sexa bo que se acade dito poder, porque entón quen ostentaría este poder a custa deste tipo de prácticas debemos saber que renuncia a ser de esquerdas.