Voto inútil
Se podemos falar dun voto útil, tamén existirá o seu correlato, o voto inútil? Ou ben todos terán a súa utilidade? Cando menos a valoración das escollas serviranos para reflexionar a todas e todos.
O bipartidismo paroxístico é a máis acaída culminación política das dúas restauracións borbónicas no Estado Español. O turnismo conservador-liberal ou popular-socialista prodúcese como unha alternancia natural no poder para que nada cambie, ou simplemente para que todo troque para mal, para facer recuar en dereitos e liberdades as persoas e nacións que dentro del sobreviven. Cando un dos dous partidos ten acumulados tantas medidas antisociais, tanta corrupción e se ten pregado tanto ante o poder económico-financeiro que se atopa queimado a ollos da sociedade, de contado é relevado pola outra cara da súa mesma moeda, de xeito que o sistema poida subsistir rexenerándose das súas propias cinsas. Este pendello da superestrutura política é bastante funcional até que entre en colapso por simple entropización.
Bipartidismo mediático, bipartidismo xudicial, bipartidismo futbolístico, sindical,... O sistema eleitoral é só un instrumento máis para canalizar as vontades e manter o sistema que tan ben montado está. Aínda que non sexa estritamente certo e nas eleicións non eliximos directamente alcaldes ou presidentes/as do goberno, semella que hai que votar polo alcalde X ou a candidata á alcaldía Z, e segundo che caia peor un ou outra así farás a túa eleición, á contra e como mal menor. PSOE, PP a mesma merda é.
No panorama do Estado é difícil fuxir desta ventanía que varre a gándara desolada. É precisamente nas nacións sen estado onde se pode procurar o arrimo baixo outros frondes vagarosos. O nacionalismo permite aumentar a variedade de opcións, racha contra os bipartidismos estériles e paralisantes, aumenta as posibilidades de exercer na práctica a democracia. Pero sempre se pode empeorar. Cando o sistema entra en crise e se cuestiona o seu funcionamento, hai que botar man de solucións de urxencia para ir saíndo do paso. A entrada de novas forzas políticas de ámbito estatal ou local poden distorsionar en principio, pero tamén poderán ser reconducidas en último caso para evitar que o que realmente cuestiona os alicerces do Estado -o nacionalismo- calle na sociedade. Así, pódense pedir reformas eleitorais, pero nunca baseadas na existencia de catro nacións dentro do Estado español. En realidade o sistema eleitorial actual penaliza ao nacionalismo galego, coa ausencia de circunscrición única galega nos distintos procesos eleitorais (galegos, estatais, europeos) ou coa votación de xeracións e xeracións de persoas desvencelladas da terra. E os miles galegos e galegas que tiveron que ir vivir a outras partes do Estado, por que non poderán votar en Galiza? Pero o debate está en potenciar IU ou partidos protofascistas españois que erguerán cando as circunstancias llo requiran e os partidos tradicionais xa non lles sexan funcionais. Contra, seica, a sobrerrepresentación nacionalista! Outra opción é aplicar unha lexislación á carta, para que en Euscadi -ou en Arzúa- manden os que menos apoio popular teñen.
Pois ben, será o voto ao PSOE ou ao PP o único voto útil? Éo votar ao BNG? E a outros?
É claro que o voto nulo ou branco é sempre un voto que non dana, que apuntala ao poder. Ao igual que optar por siglas e marcas que non teñen nada máis detrás, nin proxecto, nin discurso nin militancia, pero que nalgún caso serven de válvula de escape das frustracións sociais. Nestas eleccións locais tamén podemos valorar se o voto a outras forzas minoritarias deron conseguido algo práctico e positivo. Os poucos concelleiros/as eleitos de IU non resultaron decisivos para conformar maiorías de goberno en concello ningún. A dispersión do voto na esquerda e no nacionalismo debera ser tamén unha lección a aprender para non ensaiar vieiros choídos. Podemos velo en Compostela, onde unha dereita con pouco máis do 40% dos votos acada a maioría absoluta, dacabalo da lei D'Hont.
Porén, é no contraste entre a teoría e a práctica onde se poden valorar as propostas políticas e definir con claridade cales son as utilidades ou inutilidades de exercitar determinadas opcións. Un exemplo, non único pero si moi significativo, é o de Redondela. Se no ano 2007 unha plataforma avogaba polo voto nulo e acadou 1.500 votos, desta volta quedou en 653. Pero non sería moito elucubrar que esa perda foi en grande parte absorbida por unha agrupación de eleitores que se presentou sen programa ningún e con moitas ambigüidades, incluíndo a proposta de que "Hai dous idiomas oficiais, deberían (as comunicacións do concello) estar nos dous idiomas". Nucleado a partir dun bar da vila, acadaron un concelleiro, este si, decisivo á hora de dar a alcaldía ao PP ou á alternativa que xa viña gobernando até agora. Obxectivamente a súa abstención valeralle á dereita para seguir estendendo o seu poder en Galiza. Lexítimo, e criticábel. Porque o mellor de todo isto, de botarse á area, de decidirse a actuar politicamente, de tomar decisións (ou deixar de tomalas) é que hai que ser consecuente, asumir as contradicións, e, de ser o caso, sofrer tamén a dose de crítica tan necesaria en democracia.