Volver a Uxío
Quizais nunca debésemos ternos afastado del, ou máis ben, seguramente nos iría moito mellor se tiveramos reparado nel como se merece. E non me refiro ao seu recoñecemento. Houbo homenaxes que organizacións como a AS-PG, CIG-Ensino, Asociación de Escritores ou "O Galo" tributaron no seu día a pesares del fuxir destes actos polo pudor que lle daba desde o punto de vista individual mais que asumía polo ben que puidera facerse á causa da nosa literatura. Certo que foi inmediatamente canonizado, moi novo, é dos poucos casos que podemos falar dun autor que alcanza o status de clásico en vida. Mais a chamada a volta e a atención sobre del aproveitando a oportunidade que nos brinda o día das letras, non é por facerlle un favor a el, que non o buscaba nin o precisaba, senón por mirarnos nel para atopármonos nós logo das voltas que lle demos a isto do nacionalismo. Dalgún xeito é para utilizalo. E sería un luxo que non nos podemos permitir prescindir de usalo unha vez que el quedou a nosa disposición, como sempre estivo.
As veces o espello abafado por novos ares non nos deixaba ver claramente quen eramos. Uxío ten ese sabor que nos volve ás raíces, ao pobo, ao soño e ao entusiasmo. Un sempre corre o risco de desclasarse porque a existencia fai que un medre e chegue a mellorar a súa situación. De feito para iso traballa. Non é malo ser máis, chegar a máis. O problema é esquecer de onde se vén pois é a primeira condición para sabermos onde imos. Non se trata de volver ás orixes nin moito menos ter nostalxia da perda dun paraíso que nunca tivemos senón simplemente da conciencia daquilo que "non escolle un" como dicía Uxío.
Dise que somos o que eliximos, hai quen pensa que iso quer dicir que somos o que queremos, mais mesmo os existencialistas máis radicais parten de que ninguén escolleu nacer, nin sequera nacer nun tempo e nunha terra determinada. Estamos condenados a ser libres, certo, máis isto quer dicir que mesmo podemos elixir traizoar e negar o que somos. Agora ben, xa non está na nosa man ter nacido noutro país, noutra clase, e a verdade, é unha mágoa por unha banda, mais por outra... que sería do mundo se así fóra: desaparecerían os negros, quizais incluso as mulleres, e como acabaría a cousa?
Pois non creo que se rematase coa desigualdade, tan só se extinguiría a especie.
Este ano cando escoitabamos o da liberdade lingüística, o da enquisa aos pais, e da elección do idioma, etc... eu non podía evitar lembrarme duns versos de Novoneyra, e golpeaban unha e outra vez nos nosos miolos como se fóra unha ladaíña. De feito era unha ladaíña. Nela, logo de lembrar as cousas nas que Galiza era á forza (emigrante, calada, xorda...) enumeraba aquelas nas que tiña a liberdade que tan xenerosamente lle ofertaban: "libre pra servir/ libre pra non ser/ libre pra morrer/ libre pra fuxir..."
Ao fin, Uxío escribía iso no 1968, hai máis de 40 anos, e nese tempo non se pode dicir que non cambiaran as cousas, mais parece que o esencial segue aí. Porqué desaproveitar todo o esforzo anterior a nós para comprender a nosa realidade. Para que empezar de cero? Iso si é volver atrás. Se non partimos de onde chegou xente como Uxío entón corremos o risco de nin sequera chegar até a súa altura. Por iso compre volver sobre del.