Vivir no rural non é doado

Vivir no rural non é doado

Vai xa para tres anos, estando o que escribe nun “posto de material” en Pontevedra na homenaxe a Alexandre Bóveda, cando se me achega unha parella de nacionalidade catalá preguntándome pola política do nacionalismo galego arredor do ecoloxismo. A tese que viña a defender a muller era unha volta á agricultura de subsistencia pois sería o que beneficiaría ao medio natural. Se ben é certo que esta tese é asumida e defendida por moitas ecoloxistas, para min están caendo nun erro, pois nun país como o noso, aínda a día de hoxe, precisa da técnica e de desenvolver o seu agro.

Temos claro, coido eu, que a volta á agricultura de subsistencia non garante nada. Pode ser que teña beneficio para o medio pois está demostrado que unha práctica agrícola no monte favorece a biodiversidade existente.

Claro está que para que se dera isto tiñamos que ter unha mentalidade distinta, e para isto pregunto/pregúntome: é posíbel que a día de hoxe a xente das cidades volva ao agro? é posíbel que a xente renuncie ás comodidades que lle aportan as grandes áreas metropolitanas?

Vivir no rural non é doado. Non temos acceso a maioría das cousas e adicarse ao agro é moi escravo. Mais voltemos ao tema que nos compete que é a protección do medio. Diciamos que a agricultura á vella podía ser quen fixese ben polo medio. Agora ben, isto é bo para o ser humano?

Tamén podemos crer na tese que defenden algúns/unhas ecoloxistas de hoxe, ao por ao ser humano como un animal máis, de que hai que deixar pasar que a propia natureza nos porá na nosa posición. Somos un animal máis e se destruímos o medio é ben doado comprender que desapareceremos, pois do mesmo xeito que é para nós natural a explotación dos recursos que temos, é natural garantir a continuidade da nosa especie, e se ben somos un animal máis queremos continuar neste mundo.

Teñen aparecido, sobre todo na política europea, partidos que se autodenominan verdes ou ecoloxistas, mesmo hai quen fala da “ecopolítica” e dentro de pouco falaremos da “biopolítica” tamén.

Mais eu, como nacionalista que son, vexo estas autodefinicións forzadas. No noso país os partidos de esquerdas definímonos como nacionalistas e niso temos que englobalo todo. É fundamental para este país que un partido defenda o medio que dá a produción senón non estaría a defender o país. Ou que seria de Galiza se non for pola terra que traballamos ou polo mar? Teriamos algo máis? Temos unha gran estrutura industrial? Pois non, Galiza vive en gran medida do seu medio, tanto dos eólicos coma da gandería pasando polas piscifactorías. É fundamental e non se entendería doutro xeito, abandonar esa política ecolóxica segregada da política tradicional coa escusa de que non vai vinculada á política senón que é aquel esforzo que nós podemos facer nos nosos fogares. Cada día máis, as problemáticas ecolóxicas son de interese internacional. As nacións pequenas debemos estruturar os nosos países de acordo a manter unha política sostíbel co medio. Aburren as políticas proteccionistas que o único que fan é museizar a un medio natural en produción, rico e que quere crecer. Non podemos ser uns idolatras da natureza e abandonar cegamente a estrutura económica que esta ten.

O ecoloxismo moitas veces cae na ilusión de pensar que por cumprir os tres “Rs” xa van solucionar un problema que só é debido a vivir baixo un sistema cuxo único fin é explotar tódolos recursos, tanto humanos coma do medio natural, ao menor gasto, na maior prontitude e cos maiores beneficios. Eu digo, non defendo unha política dos tres R - que tamén- senón que avogo por unha política dos tres P. Para min unha política ecolóxica debe versarse en cumprir esta frase: Pensar en Políticas (alternativas) para o Pobo (galego).

Pensar: debemos facer unha análise das problemáticas ecolóxicas do país, que fundamentalmente son a contaminación por augas fecais, a sobreexplotacion do solo e a contaminación das rías. Estas son as que van da man do conxunto do ser humano, despois estarían a explotación desmedida de xacementos xeolóxicos, a contaminación por verteduras petrolíferas ou a masificación de centrais eléctricas xa achacadas directamente ao sistema capitalista, ou mesmo as de produción en masa para o amplo mercado como poden ser as condicións dos animais engaiolados. Se ben, non podemos pensar na protección masiva das zonas rurais sen cavilar e analizarmos como afecta isto á poboación que nelas residen. Está ben articular o país dunha rede de zonas protexidas mais estas non deben ser escaparates ou laboratorios de investigación. Para protexer unha zona debémola dotar dos recursos necesarios para que o home/muller viva sen depredar a natureza. Podemos vivir do que producimos tendo en conta as necesidades do medio.

,Políticas alternativas: está claro que neste país a problemática ambiental máis importante son os incendios estivais, mais para isto non chega con ter catrocentas mil e unha brigadas de incendios e chamar ao exercito español co fin de apagalos. O que temos é que fomentar a utilización do monte, facer ver á cidadanía que o monte é un recurso máis, que temos a gran capacidade de sacar rendemento do monte, mais isto ten que vir acompañado de políticas administrativas que o fomenten. Como diciamos antes non se pode volver á aldea a traballar as terras se non teñen garantidas as necesidades completas – unha tenda, atención primaria de saúde, unha escola para as nosas fillas...- pois sen isto non podemos voltar, traballar as terras e evitar os incendios e as pragas.

É un exemplo sinxelo de protección do medio pensando en políticas alternativas e tendo en conta as necesidades económicas do pobo. Se somos animais, se somos parte do medio as nosas necesidades deben ir vinculadas a súa protección.

Outra das teses mantidas é a do desenvolvemento da técnica para evitar a maior degradación, mais isto nun contexto de políticas económicas capitalistas téndese, influenciado polos grandes mercados, a buscar a forma de gastar menos e producir máis en menos tempo.

Do que non nos damos conta á hora de plantexármonos estas políticas é, que se ben nós temos que comer e ao empresario lle interesa que comamos para poder seguir producindo, o medio tamén ten que rexenerarse para que nós o poidamos seguir utilizando. Estamos cansos de ver, nomeadamente neste país, como se espolian os recursos do día para a noite sen pensar máis alá do beneficio inmediato (véxase Corcoesto que en cinco anos acabarían coa reserva de ouro e cos postos de traballo deixando alí unha fochanca e máis unha balsa de lodos). É pois que o medio ambiente precisa de políticas de explotación económica distintas.

Para o pobo galego: obviamente, non podemos pensar que da nosa man vai estar que os asinantes do “Protocolo de Kioto” comecen a efectivizar as súas decisións. Temos demostrado que o único que se fai é comercializar co prezo da contaminación. Quen contamina paga! É o santa santorum dunha política ecolóxica nefasta de volta inserida nun sistema parasitario. Quen contamina paga e senón compra poder de contaminación a quen non o fai. Non era mellor que quen contaminase deixara de contaminar ou tivese que remediar inmediatamente a súa contaminación? Inclusive artellar o mecanismo contrario de parabenizar e apoiar a quen non o faga. Todo elo son medidas económicas para o ser humano que benefician ao medio. O ecoloxismo debe deixar de caer no hippysmo proteccionista e abrazar a análise desde o punto de vista económico. Sobran hippies e compren máis economistas na protección ambiental.