Vivir na nube


Adoitase dicir que unha persoa vive na nube ou nunha nube cando a súa conduta, as súas ideas, están fóra da realidade. Partindo da base de que todos e todas os me que ledes habitualmente vivides cos pés na terra, non está de máis alertarvos das consecuencias de vivir na nube, a respecto das ferramentas informáticas que usades(mos) habitualmente.

Internet fixo que comunicarnos e traballar sexa máis doado. Con calquera dispositivo conectado á rede (ordenador, teléfono, tablet...) podemos consultar o noso correo, xestionar a nosa conta bancaria, crear e modificar documentos de texto e follas de cálculo, subir fotos e vídeos, escoitar a nosa música favorita, gardar os nosos documentos persoais, facer copias de seguridade dos nosos datos, ... en resumo, o mesmo que até hai uns anos facíamos no noso ordenador a nivel local, agora témolo dispoñíbel na rede desde calquera sitio desde o que teñamos acceso a internet. Iso é, para entendernos, o que en termos informáticos se coñece como a nube.

Por exemplo, os teléfonos móbiles de última xeración -smartphones-, que, case sen decatarnos, soben á nube os nosos contactos, as nosas imaxes, vídeos, ... todo canto teñamos no teléfono, ao tempo que indican a terceiras persoas a nosa ubicación física. E todo para, supostamente, facernos a vida máis doada.

Isto é o futuro, mellor dito, isto é un pequeno adianto do que nos depara o futuro: dispositivos sincronizando automaticamente os nosos datos cun servidor de terceiras persoas, sobre o que non temos nin teremos ningún tipo de control.

Ademais, coa sinxeleza e inocencia que desprenden os formularios dos portais web, volcamos nas redes sociais os nosos gustos musicais, as nosas películas favoritas, as nosas relacións afectivas e de parentesco con outros usuarios, as nosas tendencias políticas e relixiosas, e datos de todo tipo, que axeitadamente relacionados son unha fonte importantísima de información sobre a sociedade, que pode ser oportunamente aproveitada con fins comerciais, políticos, etc.

Sen embargo, é tan sinxelo, tan cómodo e tan útil, que non nos decatamos dos perigos que pode entrañar a disposición dos nosos datos en mans de moi poucas empresas. Porque son realmente poucas, seguramente cóntase cos dedos dunha soa man, as empresas que nos fornecen este tipo de servizos, moitos deles co reclamo de seren de balde completamente.

Diredes que a miña visión é un pouco paranoica e que os vosos datos non teñen interese para ninguén. Ben! é unha maneira de xustificarnos; sen embargo, non hai moitos días, Google, importante empresa de servizos na nube, entregaba á CIA os datos de todos os seus "clientes" europeos; e Facebook, a rede social máis importante do momento, ten entre os seus accionistas importantes a un fondo de inversión vinculado coa axencia de intelixencia citada anteriormente, unha empresa, In-Q-Tel, que non esconde o que é realmente, e que tamén está vinculada a Google.

Como se pode comprobar, non se trata de conspiranoia, senón de datos perfectamente verificábeis. O gran irmán de Orwell é real, e abrímoslle as portas das nosas vidas sen o máis mínimo reparo.

Segundo pase o tempo vai ser máis difícil "baixar da nube", -se me permitides a expresión-, xa que, como dixen anteriormente, é o futuro; sen embargo, deixando á marxe á utilidade ou non das aplicacións da nube, os dispositivos que merquemos están(rán) deseñados para traballar na nube; e non podemos esquecernos da publicidade dos medios para que utilicemos este tipo de aplicativos, que será cada vez máis abafante, como está a ocorrer hoxe en día coas redes sociais.

Mais cal é a alternativa? ... Seguramente a pregunta que nos debemos facer é se necesitamos todos eses aplicativos e eses trebellos que nos enredan cada día.


,