Vítimas de primeira e vítimas de segunda

Vítimas de primeira e vítimas de segunda

Por se non nos ficase abondo claro xa, se hai unha cousa que nos ensinou a guerra na Ucraína e que, para o discurso hexemónico predicado polos meios de infoxicación que non fan máis do que servir os seus intereses do sistema, non todo o mundo é igual, diga o que diga a Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

Así, segundo o criterio dos lacaios propagandísticos que son os meios sistémicos, non se presta a mesma atención a unha persoa refuxiada segundo o cariz xeo-político do momento. Deste xeito, fica claro que para eles vale –e queren facernos crer a nos tamén que valla– máis unha refuxiada (normalmente retratada como unha muller indefensa cunha crianza, arquétipo da mai) que chega en tren, de pel branca, ollos azuis e cabelo louro e, por suposto, cristiá e, polo tanto culturalmente similar a ‘nós’, do que, por exemplo, un ‘inmigrante’ (normalmente varón, moito máis sinistro e ameazante...) de pel negra que chega ‘en avalancha’ nunha patera, fuxindo da miseria as máis das veces provocada pola rapina neocolonial, a poder ser musulmán, destes que seica que nos ‘invaden’.
É claro, de acordo co novo autoritarismo do pensamento único obrigatorio que non tolera nen a máis mínima discrepancia (como non venerar Zelenski...), que o Imperio do Mal hoxe encarnado pola Rusia é moito máis repreensíbel e meritorio de sancións, de axudas militares e dunha intervención por parte da OTAN por invadir o valente povo da Ucraína, do que, por exemplo, o povo palestiniano cuxas terras están ocupadas, as súas aldeas aniquiladas e os seus recursos espoliados desapiadadamente como parte dun xenocidio programado perpetrado con toda impunidade por parte do Estado Sionista. Todo co visto e prace e a pasividade criminal dos estados ‘democráticos’ occidentais, axeonllándose ante o diktat dos E$tados Unidos e facendo descaradisimamente orellas moucas ante as inúmeras e continuadas violacións das resolucións da ONU.

Noutra orde de cousas, hai unhas semanas, o mundo conmoveuse (e non por vez primeira) ante a noticia dunha nova matanza nunha escola nos EUA. E non sen razón: habería que ser de pedra para non inmutarse ante a apavorante carnificina de 19 crianzas e dúas profesoras (‘curiosamente’ aparecen en masculino na maioría das fontes xornalísticas...) na masacre nunha Escola Primaria de Uvalde no Texas. Ao igual que ficáramos conturbad@s tan só dez días antes cando un supremacista branco segou a vida de dez persoas afro-americanas nun tiroteo nun supermercado.

Non faltan motivos humanos para se estremecer e rabiar ante tais acontecementos. Mais, vou pecar de cinismo ao confesar que creo que existe máis outro factor que fai que nos escandalicemos ante estes dramas en particular; nomeadamente, o facto de ocorreren nos U$A, polo que dominan case en exclusiva a portada de todos os meios durante días, como se fose ese país o embigo do mundo. Será que non pasou nada no resto do mundo (fame, guerras...).

Contodo, non hai mal que por ben non veña. Así, grazas a nascer nos EUA, o movemento Me Too serviu no seu día para desatar unha onda –talvez fugaz– de indignación para denunciar o acoso e a cultura de violación que teñen as mulleres permanentemente na mira. Ora ben, polo outro lado, máis que nutrir o activismo que xa existe no propio país onde se leva décadas traballando arreo no ámbito do feminismo, esta nova vaga eclipsou estes nosos movementos de base. Por exemplo, à diferenza das masivas manifestacións retransmitidas con motivo do 8 de marzo, somos moitísimas menos as persoas que participamos nas concentracións que se convocan cada vez que matan unha muller no noso país.

Resulta ser que as mulleres acosadas, maltratadas física e psicoloxicamente, violadas, exploradas, mutiladas, vendidas, prostituídas... non son consideradas máis do que vítimas de segunda nesta sociedade neoliberal en que vivimos sumid@s, alicerzada no patriarcado. Plasmárono moi ben John Lennon e Yoko Ono no polémico título da súa canción A muller é o preto do mundo; noutras palabras, segundo o sistema patriarcal, as mulleres merecen o mesmo tratamento de subxugación a que estaban suxeitos os pobos negros colonizados e escravizados, desdeñados como obxectos menos que humanos.

É innegábel que as mulleres non conforman un grupo homoxéneo e que as características sociais de cada unha delas –clase, cor da pel, identidade sexual... – condicionan as súas experiencias e a s súas vivencias persoais. Mais, para alén de calquer diferenza, ser muller na sociedade patriarcal implica viver sempre –inconsciente ou conscientemente– sob a ameaza permanente da violencia machista en todas as súas diversas manifestacións.

A solidariedade internacionalista forma parte do ADN da esquerda e do movemento nacionalista galego e cabe cultivala, mao na mao cos povos irmaos asoballados para camiñarmos xuntos cara à nosa libertación nacional e a nosa emancipación social, pois xunt@s estamos máis fortes ante a inmensa maquinaría dos estados neoliberais.

Mais, ao mesmo tempo, cada vez que os meios pretender desviar a nosa atención para que nos emocionemos ante a tráxica imaxe doutra escola tiroteada a uns 8.000 quilómetros da Galiza e que pouco ou máis ben nada podemos facer para resolver, parémonos a pensar no mortífero ronsel que deixa detrás de si a silente onda de feminicidio que está a varrer o noso país.

Todo o mundo sabe que perderon a vida 19 persoas en Uvalde. Mais quen sabe o número de mulleres cuxas vidas foron arrebatadas en todo o Estado español (43 no que vai de ano; 78 en 2021; 88 en 2020; 105 e 2019) varias delas na Galiza (37 mulleres desde 2012), sen falar das outras agresións, violacións, violencia vicaria...?

Todo o mundo coñece o nome de George Floyd. Mais quen coñece o nome dalgunhas das mulleres escondidas detrás da consagrada fórmula anonimizante e banalizante “Vítima número tal no que vai de ano” a quen se lles dedica unha liñas nas sección de sucesos e un minuto de silencio?
Nos EUA hai un problema que ten moi fácil solución se é que eles queren. Mais aquí, diante dos nosos propios ollos, todos os días hai outro problema de que non se fala nos mesmos termos e polo cal urxen solucións para lle pór definitivamente fin: a misoxinia e o feminicidio, sustentados no patriarcado, columna vertebral do sistema capitalista. A solución, desta vez, está nas nosas maos.