Virar o rumbo
Din que é bo non perder a capacidade de sorprenderse. Estamos no bo camiño. Somos milleiros as persoas que nos sorprendemos cada día, ou mellor dito cada venres, co afán “reformista” do goberno do PP. Reformas bancarias, reforma laboral, recortes na sanidade pública, no ensino.... A lista é longa de máis. Todas xustificadas no vello mantra cristiá do “xusto e necesario”. Porén a crise non cesa. Os mercados piden máis. Tamén Alemaña, o BCE, o FMI e Comisión Europea. Mentres, o pobo sufre as consecuencias desta política en forma de máis desigualdade, máis precariedade, menos sanidade e ensino público e máis dificultades na tarefa de sobrevivir a esta crise. Estamos gobernados por persoas insensíbeis, sen capacidade de empatía co sufrimento do pobo que os elixiu, e que -hai tempo xa- esqueceron o sentido xenuíno da política e de servizo ao pobo.
Na rúa milleiros de cidadáns de todo o mundo teñen saído as rúas a dicir alto e claro un segredo a voces: isto non é democracia. Democracia é o goberno do pobo, polo pobo e para o pobo. Hai eleccións, non se pode negar. Mais os principios básicos da democracia vense alterados cando quen goberna fai xusto o contrario do prometido e plasmado no seu programa electoral. A listaxe de incumprimentos do actual goberno do PP é longa e fala por si propia. “Non faremos unha reforma laboral que facilite o despido”. “Non subiremos os impostos”. “Non daremos cartos públicos aos bancos”. Menten ben, hai que recoñecelo.
Porén, o máis grave son os efectos das súas políticas. Fracasan, mais eles teiman en seguir adiante, custe o que custe. Non é incompetencia, é fanático dogmatismo neoliberal. A crise é sistémica, mais resístense a cambiar o modelo. Teiman en medidas que está arruinando a milleiros de persoas e tamén a nacións. Vexamos senón que queda de Galiza. O agro atravesa o peor momento das últimas décadas. Os prezos son hoxe máis baixos que hai dez anos, mentres os custes de produción increméntanse exponencialmente. A nosa flota pesqueira sufre, ano tras ano, recortes nas súas cotas, mentres vemos como se incentiva a acuicultura transnacionalizada. O noso sector naval, atravesa a peor crise da historia froito de decisións políticas que claramente perseguen beneficiar a terceiros. A innovación, a xeración de tecnoloxía e coñecemento, padecen novos recortes devolvéndonos á cola de investimento nesta área. E así poderiamos seguir con todos e cada un dos nosos sectores produtivos. Pode haber -e haino- quen xustifique este panorama como falta de capacidade para competir. Nada máis lonxe da realidade. É o resultado dunhas normas de xogo truncadas que foron limitando o potencial produtivo do noso país.
Cada día acredito máis en que alternativa a esta crise só pode vir dunha viraxe profunda no modelo económico, no modelo social e na articulación institucional. Cambios e alternativas que leva defendendo o BNG nos seus 30 anos de vida. Propostas que hoxe son máis necesarias que nunca: banca pública galega, reforma fiscal xusta e progresiva, reforma das institucións europeas -nomeadamente o BCE- democracia participativa, soberanía para Galiza, defensa do dereito a producir... Propostas que poñen o acento na necesidade imperiosa de virar o rumbo antes de que sexa demasiado tarde.