Violencia institucional
“Acabo de escoitar o ruído da porta
...
Avó, fas moi ben en marchar:
aquí ninguén te quere.”
Berta Dávila, Raíz da fenda, 2013
Temos falado moitas veces sobre a violencia de xénero. Sobre este terrorismo que mata máis persoas que ningún outro. Sobre as moitas caras da violencia, a súa multiplicidade de formas, a súa transversalidade social e económica, a súa ubicuidade no espazo, a súa pervivencia no tempo. Démoslle nome ás súas diferentes formas: violencia física, psicolóxica, económica, sexual ... definímola: todo acto contra a muller que teña como resultado o sufrimento físico, sexual ou psicolóxico. Advertimos sobre as outras vítimas que sofren coa muller e polas que a muller sofre: as fillas, os fillos. A propia sociedade é vítima. Está enferma.
,Está enferma porque aínda hai mulleres que non se atreven a denunciar, mulleres que acaban por considerar que ese mundo de violencia en que viven é o mundo real, é a normalidade, non hai outra forma de vivir. Está enferma porque ao redor das mulleres que sofren aínda hai xordos e cegos que non perciben o mundo de claustrofobia en que perecen. Non son quen de ver as reixas da gaiola en que son dominadas. Non sinalan os indicios e permanecen indiferentes. É difícil diagnosticar a enfermidade, decatarse de que se forma parte dese labirinto de violencia. Por iso cómpre que todos os elos da cadea extremen a súa capacidade de atención, a súa sensibilidade e sexan capaces de entender o enorme abismo que salta unha muller que denuncia e que, despois de lanzarse, permanece tempo e tempo suspendida sobre o precipicio sen saber se iniciou o camiño da liberación ou un novo calvario. É responsabilidade de todas, de todos, colocarnos do outro lado e estender a man, axudala.
Todas e cada unha das modalidades da violencia de xénero precisan de apoio institucional. E entre elas a violencia económica, unha modalidade de violencia que soamente pode ser rachada con apoio económico institucional. As mulleres teñen que ter a certeza de que se dan o paso de denunciar o seu agresor atoparán unha cobertura que lles permitirá vivir e sacar adiante os seus fillos e fillas. Mais é ese o caso hoxe por hoxe cando os recortes son o pan noso de cada día e se reduce en efectivos humanos e económicos destinados a protección das mulleres?
O pasado mes de outubro as deputadas do BNG Tereixa Paz e Carme Adán puxeron en evidencia a situación. Tereixa Paz denunciou a redución dos recursos para políticas de igualdade nos orzamentos de 2014, incidindo na redución dos programas de protección ás mulleres, o que repercutirá na redución das denuncias. Esta denuncia do recorte orzamentario producíase despois de que Carme Adán puxese en evidencia que neste ano 2013 se reducira o número de mulleres que accedera aos recursos que existen e que isto repercutira na redución do número de denuncias. Só no primeiro semestre do ano 2013 produciuse un descenso do 25% de novos expedientes de denuncia, un 20% en ordes de protección e unha redución do 45% no acceso ao salario da liberdade que lle permite ás mulleres realizar esas denuncias.
Os números son fríos. Moi fríos. Tanto como a realidade de que hoxe ao noso lado hai mulleres que seguen sen denunciar a súa situación de maltrato porque dependen economicamente do seu agresor, e non se establecen recursos económicos suficientes para apoialas. Segundo un informe do Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero que recada datos das denuncias realizadas en 2012, en Galiza un terzo das mulleres presentaron denuncia, 4788. De cada tres mulleres que coñecemos unha sofre violencia de xénero e denúnciao. Mais o recorte orzamentario da Xunta de Galiza significa xa en 2013 que máis de 1000 mulleres non denuncien. Máis de 1000 mulleres que sofren dentro das paredes da súa casa. Máis de 1000 mulleres para as que como di o manifesto elaborado por María Reimóndez para a AELG o lugar máis perigoso é o seu propio fogar. Ese que se construíu grazas a ese traballo diario que ninguén recoñece nin paga. Traballo co que o agresor foi enriquecéndose e poñendo a seu nome todo canto se acadou entre dous e agora ela, que se ve desamparada, que sabe que nada ten de seu malia levar toda a vida traballando, decide non denunciar porque non ten onde vivir, non ten con que vivir.
Máis alá da frialdade dos números e dos datos. Máis alá da frialdade da análise que nomea e define o problema, hai unha, dúas, tres, catro, cinco... moitas mulleres, demasiadas mulleres que non dan o paso de denunciar porque non atopan facilidades para facelo, e facilidades son saber que terán un apoio económico que lles permitirá seguir adiante. Tal vez esta situación mereza ser definida e nomeada, ampliando a definición xa existente:
Violencia institucional tamén é a ausencia de apoio suficiente, mediante a dotación de recursos necesarios, humanos e económicos, ás mulleres vítimas de violencia económica, feito que lles impede dar o paso necesario paso de denunciar o seu agresor.