Violencia contra ás mulleres, cando rematará?

Violencia contra ás mulleres, cando rematará?

No mes de outubro do presente ano 2010 xa ían, no Estado Español, tantas mortes atribuibles á violencia de xénero coma en todo o 2009, e, un mes despois, hai outros 12 novos casos que poderán terminar por ser calificados como tais, o penúltimo o día 16 de novembro en Gondomar. Contando este último caso, Galiza tivo este ano 6 víctimas mortais que teñen algo a ver coa violencia contra das mulleres ( 3 mulleres asasinadas e unha morta ao tentar escapar da casa, e 2 nenos).

Repasando a hemeroteca sobre estes temas, algún dos titulares deixan abraiadas até as pedras:

4/10/.- A Coruña: Queima vivo ó seu bebé para tomar vinganza da súa muller da que se ía separar

14/09.- A Coruña: Deteñen a un home por matar a martelazos á sua muller

19/07.- A Coruña: Morre una muller ao escapar pola ventá da sua casaE fóra da Galiza as cousas non van mellor:

27/09.- Girona: Atopan o cadáver dunha muller descuartizada

20/09.- Córdoba. O asasino decapitouna e foi pasear coa cabeza nun saco

21/06.- Santa Cruz de Tenerife: Mata á exsogra por considerala culpável da súa separación

10/06.- Sevilla: antes de matala, viola á sua vítima de 78 anos

04/06.- Almería: Mata á sua muller e seu fillo de 5 anos antes de atirarse pola ventá.

28/05.- Valencia: Ao apagar un incendio, atopan o cadáver atado dunha muller

11/05,. Murcia: Mata á muller dun estacazo despois de que ela lle comunicara súa intención de se separar.

15/04.- Madrid: Mata á sua moza porque o deixara

No repaso dos titulares vemos que hai septuaxenários e octoxenários que matan ás esposas, rapaces de 19 anos que matan as avoas ou as nais, mozos de 21 que asasinan á moza, homes novos que matan mulleres maiores, que matan á sogra ou á veciña...No xornal El País do 19 de novembro hai una pequena noticia na que se informa da detención do xestor dun fogar de acollida en Palma de Mallorca por coaccionar as mulleres do fogar con perlas como "sodes malas nais, non me estraña que os vosos homes mallaran en vos..."

Até principios deste mes de novembro, na Galiza tíñanse dictado case 1.100 ordes de protección a mulleres vítimas da violencia e case 300 mulleres e máis de 100 menores acolléronse a programas de atención psicolóxica. As chamadas ao teléfono da muller foron arredor das 2000, sobre todo de zonas urbanas (As provincias da Coruña e Pontevedra concentran a mayoría dos casos), e, máis da metade das consultas a tal telefone xa tiñan utilizado o servizo en ocasións anteriores (segundo fontes da Secretaría Xeral de Igualdade).

A espiral violenta no ámeto intra-familiar non semella ter final. Ano tras ano danse novos casos que pasan a formar parte desta tráxica e terrível estatística.

Nas conversas da vida quotidiana parez imposíbel que estas cousas poidan ocorrer tan perto de nos, de feito nos noticieiros sae sempre algún veciño/a contando como "...eran una parella normal... nunca se escoitaban berros...saian pasear collidos do brazo..."

...Pero un día o macho forte e dominante sae do escuro e comete o asasinato.

Cada home e cada muller son un mundo de motivacións, actitudes, feblezas, disposicions, condicions, circunstancias....e por tanto a análise de por que pasan certas cousas é imposivel de circunscribirse a una fórmula válida. Pero canto mais devería avanzar á sociedade cara á igualdade de xénero mais difícil se volve comprender cómo é posível que sigan ocurrindo estas barbaridades.

O 25 de novembro de 1960, nun lugar chamado La Cumbre en Puerto Plata (Santo Domingo) foron asasinadas as irmans Mirabal, opositoras ao tirano Trujillo, e é en conmemoración delas que se celebra todos os anos o día 25 de novembro como día internacional para a eliminación da violencia contra das mulleres coa intención de sensibilizar á opinión pública sobre o tema.

Hai homes que exercen o poder sobre as mulleres de xeito brutal. Cousifícase á muller ate o ponto de tratala coma unha calqueira propiedade: Se non es miña, non serás de ninguen! . E o terrível é que nas novas xeracions obsérvase un certo paso atrás: O 13 % dos adolescentes manifestan ter pegado nalgunha ocasión á parella e o 30% non considera maltrato berrarlle ou insultala.

A laboura dos profisionais, os educadores/as, os psicólogos/as, os profesores/as...para conseguir erradicar o machismo da sociedade é inxente. Pero cada un e cada unha de nos debemos estar alerta das nosas propias reaccións e actitudes, na familia, na vida diaria, no traballo, atopamos ( e, por desgracia, adoptamos) de cotío actitudes machistas que non combatemos e deixamos pasar...e o pouso de tantos séculos de sociedade machista e patriarcal vai sedimentando tamén nas crianzas que despois, lóxicamente, reproducen a sociedade na que viven.

Combatendo o machismo e loitando por unha sociedade igualitaria lograremos erradicar a violencia dos homes contra as mulleres e construiremos xuntos un mundo millor.