Vigo, o anticipo dun goberno de coalición PP-PSOE

Grecia, Italia ou Alemaña contan con gobernos de coalición entre partidos agrupados no Partido Popular Europeo e o Partido Socialista Europeo, o proxecto común económico e social facilita este tipo de coalicións. O pacto PPSOE para o Concello de Vigo, non é estraño, e pode ser un anticipo dun futuro bipartido a nivel do Estado ou da Xunta de Galicia.
O xoves 27 milleiros de persoas saíron á rúa en toda Galiza, nomeadamente na cidade de Vigo, respondendo ao chamamento feito pola Alianza Social Galega. Deste xeito a cidadanía galega, e a da cidade olívica, amosaba o seu fartazgo e rexeite as políticas económicas e sociais do Partido Popular. Algúns días atrás unha marea enchera as rúas da mesma cidade en defensa do sistema público de saúde. Si algunha cidade galega ten expresado, votando e na rúa a súa oposición ás políticas do Partido Popular foi Vigo. Foi especialmente activa en todas as loitas contra as contrarreformas, recortes e privatizacións comezadas polo PSOE e continuadas polo Partido Popular.
Fronte a este sentimento da cidadanía de Vigo, o actual alcalde do PSOE, Abel Caballero, negocia un pacto para os ornamentos co Partido Popular. O pacto da vergoña.
Non fai moito asistín por primeira vez a un pleno coincidindo co debate dunha moción en defensa do carácter público de novagalicia banco. Resultoume noxento, ver o debate entre o PP e o PSOE por unha moción que reclamaba da Deputación o acondicionamento da zona da avenida de Madrid. Nun punto do debate o voceiro do PSOE anunciou “seguiremos con las humanizaciones por mucho que le pese al Partido Popular”. Foi noxento, todos os días vou ao traballo pola rúa Aragón e baixo despois pola rúa Martínez Garrido, nos meses previos a ese pleno o Concello arranxou as beirarruas e fixo unha mediana en pedra de aproximadamente 3 quilómetros de longo.Penso que humanizar unha cidade é facela habitable, algo que nunha situación de crise coma a que padece Vigo non é facer obras.
Hoxe o problema principal para milleiros de persoas en Vigo é o desemprego, a falta de traballo, de futuro e de presente, moitas persoas carecen dos bens básicos que precisan para vivir. Pensei que mentres a CIG puña en marcha un banco de alimentos solidario e de clase, o PSOE malgastaba o diñeiro publico en obras innecesarias. Un modelo de xestión que facilita a corrupción, algo que o PP e o PSOE comparten tamén de xeito habitual.
Outra das características do Goberno municipal de Caballero foi un enfrontamento permanente coa Xunta de Galicia, por cuestións localistas. Algúns sempre dixemos que o localismo é españolismo, sexa o de Paco Vázquez ou o de Caballero. De ai que lles sexa tan doado pasar do enfrontamento a pactar os orzamentos.
Pero o mais grave é que este pacto na maior cidade de Galiza pode ser a antesala doutros pactos a nivel Estatal e autonómico.
O neoliberalismo ten unha axenda económica e social que PP e PSOE comparten. O caso de Grecia tamén evidenciou que quen manda na UE non está disposta a que se poñan en marcha proxectos políticos que defendan modelos alternativos. A partir de ai, o modelo de coalición PPSOE de Grecia trasladouse a Italia e por último a Alemaña (neste caso sen que houbera un risco de cambio, mais ben coma exemplo a seguir).
Os cambios sociais non son inmediatos, os efectos das políticas implantadas coa escusa da crise e da involución democrática e social comezan a ser analizadas nas distintas enquisas e estudos sociais. A caida de intención de voto do Partido Popular, sen que incremente o seu voto o PSOE está facendo que o poder impulse novos partidos que apoian o sistema (Ciudadanos, UPyD); ou impulse opcións inocuas para o sistema aparentemente rebeldes, co obxectivo de desgastar a quen propón cambios reais (como padeceu o BNG nas eleccións autonómicas).
A curto prazo a alternativa para seguir mantendo o calendario de implantación do novo modelo económico e social pode requirirlles gobernos de coalición, de ai que non podamos desbotar que o paso dado en Vigo poda non ser o último. Os une un modelo económico e social, ademais de España.