Vicisitudes dos orzamentos de Pontevedra

Vicisitudes dos orzamentos de Pontevedra

Que a oposición vote en contra duns orzamentos elaborados polo goberno é moi normal e, de entrada, ata previsible e lóxico. Que, sendo aparentemente tan distintos, os catro grupos que conforman a oposición se confabulen para facer uns orzamentos alternativos xa resulta como mínimo extravagante; mais que o resultado desta manobra opositora sexa cualificada de ilegal polos servizos xurídicos converte toda a xogada, toda a moción de censura “encuberta e covarde”, segundo a cualificou o goberno municipal, en esperpéntica e bochornosa.

Teño escoitado en terras de Lugo que “cando o demo non ten que facer, sacha os nabos antes de nacer”. En Pontevedra preséntanse uns orzamentos legais, a oposición entra neles como en pataqueira e ponse a sachar á toa ata os transformar nun documento emendado que levou á Intervención Xeral Municipal a ditaminar que non é posible informalo favorablemente a causa das “deficiencias detectadas (nivelación)”. Certamente, cada un dos grupos presentou as súas propias emendas, mais seguramente foi o azar ou un trasno quen fixo que, por exemplo, todos concentrasen a vista nunha partida á que se asignaran 58 500 €., dos que un grupo retrae 20 000, outro 32 000 e o terceiro 6 500. Bingo! Deixárona, por suposto sen acordalo previamente, xusto a cero. Como mínimo, guioulles a calculadora o demo Vestio Alonieco de Lourizán, aínda que, de xeito máis prosaico, e sen dúbida atinado, o concelleiro de Facenda, Raimundo González, dixo que iso era necesariamente produto dun contubernio planificado e orquestrado. A máis detectáronse nas emendas erros aritméticos que levaron a que varias partidas rematasen en negativo, xa que se retraeron delas máis cartos dos que figuraban no orzamento. En fin, o resultado da chapuza colectiva foi que os gastos finais superarían os ingresos en 425 000 €, erro polo que suspenderían con oprobio a un alumno en primeiro de contabilidade.

A táctica opositora do PP en Pontevedra nin sequera é criticable. Fan o que saben e ao partido cóstalle aceptar que, tendo vivido anos na cidade o compostelán Mariano Rajoy, así como a zamorana Ana Pastor, non sexan quen de atopar un cabeza de cartel que lles gañe as eleccións. Posiblemente houbese na zona algún de valía para competir con Lores, mais o medo garda a viña e prefire facerse o morto e navegar por outros mares. As posibles primeiras espadas non se queren queimar. Hai que recoñecer que Mariano, tratando como trata a Boa Vila, á que condena a moitas décadas de cheiro e imposibilidade de crecemento harmónico, non contribúe demasiado a reconquistar a cidade que, pola súa vergoñenta e ofensiva acción, o nomeou persoa non grata. Hai anos que dan por perdida a capital da provincia e simplemente están aí. Perderon o interese ou, como disimulou a raposa, “estaban verdes”.

Teresa Casal declarou á prensa que o que eu dixen diante da estatua de Castelao, o día 24 de xullo de 2007, non lle gustara nada. Compréndoo, xa que, entre moitas outras cousas, criticara que unha súa camarada, presidenta do Parlamento Galego, fixese soar alí o noso himno nacional aflamencado, e iso que daquela aínda estaba facendo carreira orgánica a divina Susana. Non quero pensar o que faría hoxe. Non lle gustei a Teresa, pero a min non me cega o criterio que ela tivese ou teña de min ou do meu discurso e recoñezo que o seu traballo no concello, representando ao PSOE, foi unha paréntese de lealdade. Pasou o que pasou, e os seus sucesores foron indo en declive progresivamente acelerado, polo que non me admira o seu comportamento na chapuza das emendas ao orzamento e tampouco me sorprende o que César Mosquera, vicepresidente da Deputación, declarou acerca dunha manobra que se estaba a xestar para que Agustín Fernández se fixese coa alcaldía, polo que, como quen di outra cousa ou en plan “fáloche fillo, enténdeme nora”, deixou caer que “A oposición máis dañina que ten a Deputación é o grupo municipal do PSOE en Pontevedra”. Este partido está desfeito e vai tardar en se recuperar, se algún día chega a facelo.

Marea é coherente. Principiou facendo un espectáculo na toma de posesión da alcaldía, na que todos os portavoces foron comedidos e corteses comnme il faut, ata a agardada abstención, agás este grupo, que lanzou uns ataques desaforados e rematou con dous votos en contra. Teño escrito en distintos artigos sobre Mareas e sobre o dano que lle fixeron ao nacionalismo xa desde antes da espantada de Beiras, cando aínda faltaba tempo para adoptar o actual nome. Dano fixeron moito, como se manifestou nas elección ao parlamento español, onde o BNG quedou sen representación e eles se conformaron cos tres minutos de presenza que, graciosamente, lles concedeu Pablo Iglesias. Hai xa tempo que, neste mesmo xornal, comparei a desfeita do nacionalismo co cambio de bando dos vitizanos, axudando aos mouros a derrotar a don Rodrigo. Mais hai que lles recoñecer que, despois do ensaio de AGE e tras entregarse nos brazos excesivamente “pimpinélicos” de Podemos, se converteron, a diferenza dos valencianos, nunha facción de obediencia madrileña, deixando a exclusividade do nacionalismo ao BNG. O seu portavoz Luís Villares non nos concedía nin un só deputado para o parlamento de Galicia, pensaban que xa asasinaran a organización da que unha boa parte deles saíran e quedaron como se llas desen, cando verificaron que a nación galega seguía viva e o BNG ocupaba media ducia de escanos no Parlamento.

Este portavoz deixou meridianamente claro que para el Galicia non é unha nación e que eles, En marea, non son nacionalistas (Cfr. La Voz de Galicia, 5-10-16), cousa que non dubido, lendo as actas publicadas das asembleas de Marea Pontevedra (a última de hai un ano agora en xaneiro, polo que ignoro se remataron as xuntanzas ou a transparencia) cun xeito de escribir entre acastrapado e tradución directa do español. Villares, pouco despois de reclamar para si chofer, secretario e compensacións económicas polo deixado de gañar como xuíz durante as eleccións, veuse na necesidade de facer unhas declaracións e dixo que “as emendas de Marea aos orzamentos do Concello de Pontevedra son un orgullo”. Eu, da vella Filosofía e Letras, ignoro cal é o significado de orgullo para os actuais letrados, mais, o mesmo que lle sucede a outros, neste caso de medicina, síntome incapaz de encaixar esa verba en ningunha das emendas presentadas. Martiño Noriega, alcalde de Compostela, avogou por un acordo entre a Marea e o BNG, porque, segundo el, “é o lóxico e o que a xente espera”. Estas verbas teñen un significado ou outro segundo saibamos ou non que, se el pretende a aprobación dos seus propios presupostos, non lle queda outra que conseguir o apoio do BNG. Eu, cando os políticos empregan expresión tipo “é lóxico”, “é o que a xente agarda”, “é de senso común”, etc. non preciso esforzarme para me decatar de que iso quere dicir simplemente “é o que a min me convén”. Eu tamén pensaba que sería lóxico e demais que, cando traizoou ao BNG, lle devolvese a alcaldía de Teo, e aínda hoxe non son quen de entender que os seus conveciños lle permitisen rexer os destinos do concello, mentres se dedicaba a loitar polo bastón de mando da capital de Galicia.

O orgullo que Villares vía nas emendas aos orzamentos de Pontevedra desapareceu e semella que triunfaron os avisos de Martiño e as nada veladas insinuación de Mosquera. Fose como fose, eu non dou entendido que é o que perseguen as Mareas, tentando disimular a súa obediencia madrileña, algo evidente hoxe para calquera persoa atenta. É tan lícito ser nacionalista español como galego, pero o menos que se pide é que retiremos as caretas e que nos mostremos tal como somos e digamos cales son as nosas prioridades. Cando vexo a composición da Marea de Pontevedra e as causas que ab initio fixeron súas, sumando apoios, non podo evitar ver unha asociación de protestantes e resentidos: plataforma anti-crematorios, anti-composteiros, anti-tren en Placeres, anti-vial na Fracha, anti-club naval... Como diría aquel entrenador, “nada positifo”. Sempre considerei xenial aquilo de “os resentidos na carballeira” de Reixa e o seu grupo vigués. Imaxineino e visualiceino, aínda que os carballos escaseen, no chan de Parafita, onde o Padre Sarmiento fixo merendar e parrafear a aqueles rústicos, cando por enésima vez subín alí e pensei na defensa da Fracha que agora, despois de tantos anos, deciden facer co apoio das Mareas.

Nunca me interesaron as profecías, mais non resulta moi aventurado pensar que as Mareas non tardarán en entrar nun devalo de baixamar escoada e cada quen botará man do que teña máis preto para sobrevivir. Un amigo compostelán dicíame hai uns días que, pola súa relación con Beiras, botou Mareas para Madrid, mais que, visto o visto, nas galegas volveu ao nacionalismo. Aplicouse o “Amicus Plato (Beiras), sed magis amica veritas (Galicia)”.

O concelleiro Raimundo González dixo que os opositores aos orzamentos van contra o modelo de cidade. É posible, mais tamén pode ser, porque, como non o fixeron eles, prefiren afundilo. Non esquezo que o PP ten dito que xa os seus iniciaran a peonalización, e o PSOE presume ás veces de que o seu grupo tamén compartía goberno cando o BNG deseñaba a nova Pontevedra. O alcalde Lores, moi áxil, enviou unha felicitación a todos os que, segundo el, fixeron posible a aprobación dos orzamentos, a saber: concelleiros implicados, Dirección Nacional do BNG, nomeadamente Ana Pontón, todos os militantes e Galicia Nova. Iso está moi ben, mais quero lembrarlle ao meu alcalde que con só o traballo e os votos dos citados el non rexería os destinos de Pontevedra. Esqueceu que o BNG, sobre todo a raíz do Proceso Adiante, se coida sempre de facer mención aos moitísimos nacionalistas non afiliados, mais que traballan como os demais e... votan. Obviar isto é un vieiro idóneo para que aumenten “os resentidos na carballeira, hei”.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén