Viaxar na procura do regreso

Viaxar na procura do regreso

“Todas as viaxes son un regreso. Calquera viaxeiro retorna á casa desde o momento mesmo en que puxo un pé fóra dela. Hai que volver para contar, para facer da viaxe relato.” Xabier P. DoCampo, O libro das viaxes imaxinarias.

O verán é tempo de viaxes, viaxes pequenas ou viaxes grandes, a oportunidade de ampliar distancias e alimentar a imaxinación. Ou vacinarnos contra esa tendencia destrutiva de que todo o facemos mal e non temos remedio. Porque viaxando, poderemos comprobar que non somos os únicos que sabemos descoidarnos.

O feísmo é patrimonio da humanidade. As bañeiras bebedeiro ciscadas polos prados non só se ven en Galiza. Igual cós somieres reutilizados para pechar as fincas. A reciclaxe é un invento universal.

Tamén o abandono é patrimonio da humanidade. A turista esfórzase por chegar aos restos románicos dun mosteiro. É difícil, non hai indicadores que guíen ao monumento, así que o localiza de maneira intuitiva, está nun lugar fermosísimo, ao pé do mar. Mais cando chega a decepción é enorme. Non pode aproximarse. É un edificio en ruínas. Pechado cun cercado de arame. E un letreiro que advirte da prohibición de atravesalo, coma un aviso do inferno para quen ouse pecar co vicio da curiosidade e a ansia de procurar vestixios do pasado. A decepción non ten patria, nin fronteira.

Abandono e abuso. Un lugar único colocado ao bordo da destrución total polo exceso e a falta de conciencia. Visitas masivas que case o fan desaparecer e agora… botan o peche. Pódese valorar o cambio de postura, mais non me vendan que isto é un modelo de conservación, non tenten convencerme de que o fixeron moi ben. Non exhiban a súa mala conciencia. Sei que, no fondo, tamén está a competición, ser mellor cós outros. Mais, no patrimonio, a competición non ten lugar, todos os elementos son marabillosos, dignos de ser vistos, coidados, preservados, admirados.

A viaxe remata, decido aproveitar o último minuto. Achegarme a un recanto en que se conserva algo único. Alí hai un pequeno centro de interpretación, nel atopo o nome dunha raíña que teño sempre presente, incapaz de dar co texto en que poida retratala, recuperala, reconstruír a nosa memoria como pobo. Mais o nome da raíña Urraca, neste caso, como tantas veces, foi escrito en van nunha exposición en que a converten en raíña de Castela, baixo un epígrafe en que se preguntan como chegaron a ese lugar moedas portuguesas, nesa altura da historia. Eu non sei a resposta, mais non entendo de que se admiran. Só entendo que me negan, que nos negan, e reprimo o desexo de tirar de rotulador e pintar no panel: fóra as vosas sucias mans da emperatriz galega!.

Os que nos odiaban (frustrados e finiseculares imperialistas) e os que aínda nos odian sentenzan que viaxemos para curarnos do noso amor á terra. Eu viaxo para regresar. Para sentirme reconfortada entre os lugares cotiás. Para admirarme da beleza deste país sen límites. Desta beleza que nos rodea a pesar da cegueira. Desta beleza que sempre nos agarda e que aínda nos sorprende e nos ofrece unha nova alfaia.

Ese regreso énchese de reflexións ao redor da nosa falta de autoestima, esa inercia preguiceira que nos leva a deixarnos gobernar polos mesmos negadores de sempre, hipermétropes cos ollos postos na capital do reino que non vén o que teñen ao seu pé, porque o desprezan, e impídennos así gozar desta riqueza: petróglifos, castros, torques, covas, fortificacións, villae, foxos, pórticos, claustros, salgaduras, rúas, pazos, curros, hórreos, muíños, xardíns, cruceiros, frescos, deseños, esculturas, libros, lendas, historia… Cantos tesouros non podemos amosar, nós, pobo dunha riqueza incalculábel polas súas dimensións, polo seu esquecemento? O regreso é reivindicación, recoñecemento, afirmación, orgullo.

Só precisamos a curiosidade, a paciencia, a admiración. Pertencemos a unha terra rica, un país pleno de todo o que agardamos. Só precisamos amar, amar a terra que pisamos, amar a súa diferenza, a súa memoria, este pobo e todo o que saíu das súas mans e da súa intelixencia. Todo o que por el foi creado, restos, ruínas, muros, textos, lingua, identidade.

Só precisamos amar. Amarnos.