Vía Galega: sementar futuro

Vía Galega: sementar futuro


O problema da conciencia continúa a ser central. É o parámetro que determina a correlación de forzas, que tracciona e orienta os procesos sociais, políticos e históricos. A ideolóxica segue a ser a principal fronte de batalla, sobre todo para quen aspiramos a empurrar un proceso de mudanza radical da realidade. No actual contexto e momento histórico, da chamada sociedade da comunicación e a información, asistimos a como o pensamento dominante (que o é por ser o da clase dominante, como ben explica o marxismo) ten non xa consolidada a súa hexemonía senón alargado a influencia desta até límites descoñecidos. A multiplicación de soportes comunicación e a xeneralización do acceso social aos mesmos alimentan unha maquinaria de propagación ideolóxica dunha potencia insólita na Historia da humanidade. E o que é peor, dificultan até o extremo as posibilidades de despregarmos un contradiscurso efectivo. A comunicación de masas é máis masiva do que nunca, e tamén máis alienante.

O povo galego non é, nin moito menos, alleo a esta realidade (forzosamente) globalizada. Afirmalo non é incorrer en ningún tipo de culpabilización. Moi ao contrario. Supón expresar a vontade de alterar unha situación marcada pola penetración de concepcións e fenómenos moi lesivos para os obxectivos intereses das clases traballadoras e populares da nosa nación e, singularmente, para atinxirmos unha sociedade nova, igualitaria, xusta, radicalmente democrática e libre de toda forma de explotación e discriminación. O individualismo, a resignación mansa, a españolización, o acriticismo, ou a fragmentación (alargada tamén polo posmodernismo progre), son apenas expresións nas que se manifesta o problema da conciencia nesta terra e neste tempo. Expresións que avanzan no camiño de esterilizar calquera capacidade de resposta social, de sabotar calquera tentativa de articular esforzos e enerxías en procesos de construción colectiva, de inviabilizar, ao cabo, a máis mínima posibilidade de ruptura revolucionaria. Expresións que se reiteran na negación do que colectivamente somos e, xa que logo, tencionan cronificar o noso sometemento e dependencia como povo.

Emporiso, faise imprescindíbel que na actuación das forzas e movementos con vocación transformadora, se multipliquen os esforzos para combater a narrativa omnipresente que acaba por condicionar, até o extremo, os estados de opinión pública e, por reiteración e percusión, por incidir sobremaneira na conciencia social. Trátase de comprendermos a importancia capital que ten para calquera proxecto transformador encarar a disputa ideolóxica desde a firmeza nos principios mais, e sobre todo, desde a práctica continuada e permanente na propagación das ideas, dos argumentos, das propostas. Explicando, debatendo e convencendo. Axitando con consignas e, en simultáneo, aglutinando con argumentos, o que exixe tamén deixar de secundarizar, cando non directamente desprezar, a elaboración teórica que oriente e dea soporte (e coherencia) á práctica política en todos os ámbitos. En definitiva, de comprendermos que o proselitismo activo, como sempre reivindicaba o camarada Bautista Álvarez, é absolutamente imprescindíbel na loita política. Predicar para espallar, para dar a coñecer, para sumar, para incorporar.

Nese sentido, é un acerto a aposta en promover a plataforma social Vía Galega, como espazo de base ampla e plural, co obxectivo de alentar a maior toma de conciencia nacional sob dúas premisas tan básicas como (hoxe) revolucionarias: o carácter nacional de Galiza e o dereito do noso povo a se autodeterminar. É tempo de sementeira, de baixar a pé de rúa, entre a xente, para explicar e convencer sobre estas dúas ideas centrais. De disputar, con vocación de masas, sen complexos pero coa maior persuasión, o abafante discurso co que a clase dominante, o poder político e económico dun Estado español podre e degradado, quere asimilarnos para que nada mude. Pois non hai nada máis revolucionario que sementar ideas coas que facer xermolar as mudanzas. Sementar futuro.