Verdugos hipócritas!


Os medios de (des)información sistémicos sómanse à cultura da gratificación inmediata e fugaz onde o único que importa é ser o primeiro en dar a noticia, moitas veces mesmo antes de contrastar a súa veracidade, como no escandaloso caso do linchamento público a que se submeteu Dolores Vázquez, ostensibelmente polo simples facto de ser lesbiana. Non pasa nada, sempre se pode rectificar despois (ou non!).

Fóxese da continuidade e do seguimento, como se a sociedade se construíse a partir dunha secuencia de feitos isolados, sen indagar nas causas profundas reais, obstruíndo, portanto, calquera análise e posíbel resolución definitiva. Así, por exemplo, as mulleres asasinadas pasan a ser noticia dun día, ao mellor dous, e logo que non se fale máis... até a próxima. Pasan, así, a ser un simples número máis que engrosa as estatísticas.

Entretanto, con pose debidamente compunxida, as persoas con responsabilidades políticas no asunto enchen os diarios e os telexornais de fotos de grupo en condena do acontecido, para logo poderen esquecer o incómodo problema, tamén até a próxima vez.

Pasou o día e pasou a romaría. Hoxe morre unha muller asasinada, mañá folga de xogadores de futebol de elite...

O mesmo ocorre tamén a escala xa máis esmagadora no caso da inmigración non autorizada. E aínda que os números non fan que as vidas vallan máis ou menos, a magnitude do drama é arrepiante, chegando a morrer dunha soa vez unhas 700 persoas, que se soman às polo menos 4,000 persoas mortas ou desaparecidas no mar nos últimos 20 anos. Mais non esquezamos nunca que non son simples cifras: son persoas, como as mulleres asasinadas, con familias e seres queridos.

E, como non podía ser doutro xeito, as condenas oficiais non tardaron en chegar. Así, vertendo moitas bágoas de crocodilo, fanse fotografar cos seus traxes escuros –en reunións bi- e multilaterais de alto nível que coinciden en condenar a traxedia– responsábeis do mesmo goberno español que mantén as concertinas mortíferas de arame laminado nos valos das terras ocupadas de Ceuta e Melilla en que se leva gastado case 80 de millóns de euros desde 2005, e cuxos gardas civís disparan alegremente a seres humanos esgotados que tentan desesperadamente alcanzar as costas

Os imperialistas son uns verdugos desvergoñados!

Pois, tan rápido como brotan as lágrimas, así de rápido secan: lamentan as mortes, mais se teñen que morrer, polo menos que teñan a xentileza de morreren alá lonxe nos seus países, onde abonda con enviar un SMS para salvar as consciencias.

No entanto, ao mesmo tempo non dubidan en lles negaren os seus direitos básicos, ao excluír dous senegaleses das listas eleitorais do BNG-Asembleas Abertas por procederen de fóra da sacrosanta Unión Europea. Pois, o único que realmente lles importa é velar pola ‘seguranza’ das fronteiras, isto é, escoller quen pode entrar e quen non para fornecer man-de-obra barata sempre que faga falta, mais fechando a torneira cando non, para garantir, asemade, que fiquen suficientes persoas na pobreza extrema, traballando nas máis execrábeis e mortíferas condicións laborais, para lucrar as empresas europeas. Isto é o que denominan eufemisticamente ‘controlar os fluxos migratorios’, que, na realidade, non é máis que o colonialismo de sempre que condena millóns de persoas a malviver, sumidas na miseria e na semi-escravitude en beneficio duns poucos.

Hai quen pretende estabelecer unha distinción entre ‘auténtic@s’ refuxiad@s, que procuran asilo fuxindo da persecución política –tamén non valen tod@s–, e @s migrantes ‘económicos’, como se estar condenado a morrer de fame non fose tan grave como estar condenado a morrer fusilado no paredón. E nunca esquezamos que, desde que Feixóo chegou à presidencia do goberno, a ausencia de perspectivas no noso país espoliado polo colonialismo español xa obrigou 100.000 moz@s galeg@s a se tornaren emigrantes ‘económicos’. A culpa de quen é: de quen emigra ou de quen non lles deixa máis opción do que emigrar?

Eis o quid da cuestión. Ninguén abandona a súa casa e a súa familia porque quer, arriscando a súa vida a bordo dunha patera ou escalando 3 metros de cercado co seu arame farpado para ‘coñecer mundo’ e ‘abrir horizontes’. A culpa destas perigosísimas ‘avalanchas de inmigrantes’ que ameazan con inundar Europa é dos imperialistas que nunca deixaron de espoliar os recursos agrícolas, pesqueiros, minerais e enerxéticos, até deixar as poboacións dos países explotados sen nada con que viver dignamente. Segundo os imperialistas, porén, a culpa é dos traficantes e a solución non pode ser outra que bombardear as súas embarcacións do mesmo xeito que xa se leva bombardeando civís por todo o planeta desde sempre en nome da democracia. A intervención humanitaria do imperialismo é sempre sinónimo de agresión militar.

E é que, ao parecer, a vida de seres humanos non ten sempre o mesmo valor segundo a súa procedencia. Así, os medios aseguráronse de que a morte de 13 persoas nun instituto estadounidense en 1999 ficase para sempre gravada na memoria colectiva occidental como o Masacre de Columbine. Porén, quen se encarregará de nos lembrar dentro de 15 anos, por exemplo, dos centos de civís sirios inocentes que morreron nos bombardeamentos dos ‘aliados’?

En letra morta ficaron as piadosas condenas do terror sementado sistematicamente polos capacetes azuis implicados no tráfico de persoas, violacións masivas e asasinatos en lugares como a República Democrática do Congo, Somalia, Ruanda e a Costa do Marfil, así como en Haití, Kosovo ou o Líbano. As estéreis e cínicas proclamas daquela non evitaron que aberracións de tal calibre se volvesen repetir máis unha vez este mesmo ano, desta vez violacións de menores por parte de militares franceses destacados na República Centro-Africana. Só fai falta escoitar Hollande a cantar “Non, je ne regrette rien”, pois de retirar as tropas e acabar coa ocupación do país: Pas question!

Os imperialistas son uns cínicos hipócritas! A historia non vos absolverá!


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.