Verdades e mentiras, mentiras e verdades
Vivimos nunha sociedade na que resulta difícil saber que é verdade e que é mentira. Os medios de comunicación sempre nos presentan unha realidade pintada de branco, de negro ou de cores rechamantes segundo lle interese á liña de poder do momento, que nin moito menos é sempre político, senón máis ben case sempre económico. E esa realidade ficticia é a que se espalla entre a xente e é a que moitos e moitas utilizan de base para formar a súa opinión, que moitas veces xa nace deturpada por un distorsionado punto de partida.
Resulta que agora o grande problema do Estado e tamén do noso País é a clase política. De repente xunto coa crise económica, co paro, o maior mal que ten a nosa sociedade somos os políticos. E nese mal entramos todos e todas aqueles que nun determinado momento ocupamos un cargo de representación institucional, sexa de goberno ou de oposición, pero tamén os que formamos parte dunha organización política. Do que se trata é de inocular na cidadanía que todos e todas facemos o mesmo, que todos actuamos igual, que todos e todas estamos en política por simple interese económico, en definitiva, por ganar cartos. Esta mensaxe, moi habilmente introducida entre a sociedade pola dereita política, fainos a todos e a todas culpábeis non se sabe moi ben de que nin porque. Somos culpábeis de apartar ou incluso abandonar o noso traballo para formar parte de candidaturas dos partidos políticos, un dos piares nos que se asenta este denominado sistema democrático, que eses mesmos cidadáns votan en cada un dos procesos electorais. Convértesenos en culpábeis de asumirmos a representación política que nos dan os cidadáns, e ao final, -os políticos-, resultamos ser tamén culpábeis da situación económica de moitas administracións. Nesa diana mediática non se apunta con nomes e apelidos contra os seus responsábeis directos para que no medio da confusión a mensaxe de cabreo teña máis percorrido. Por certo, que nese mesmo saco de responsabilidades, tamén se meten os representantes sindicais aos que tachan de vividores como se a defensa dos dereitos da clase traballadora non tivese ningún valor.
Aínda que visto o visto, é certo que non o ten, sobre todo para a dereita. Para a dereita de sempre e para a dereita disfrazaba de esquerda. O PSOE xa lles fixo o traballo sucio, e agora eles só teñen que seguir utilizando a prensa para espallar a mensaxe fascista de que os representantes públicos e sindicais somos unha eiva da democracia real, un anacronismo que debe desaparecer. E desgraciadamente hai persoas, incluso entre movementos que se autodefinen como progresistas e democráticos, que caeron na trampa do poder e da dereita, e que se sumaron a ese discurso. Fálase de corrupción, de intereses ocultos, de falta de escrúpulos... Todo aplicado á clase política e sindical. E é certo que hai exemplos de tales cualificativo. Vémolo cada día nos grandes partidos estatais e tamén fora deles, pero ese non é un mal exclusivo ou privativo. Ou é que na banca non hai corruptos, aproveitados, intereses de todo tipo. E na empresa privada non pasa o mesmo? Ou é que pagarlle a un señor (normalmente son señores, non señoras) esas desorbitadas cantidades de millóns de euros non é un fraude á sociedade e un delito contra a maioría social?
A banca, as grandes empresas, o mal chamado deporte de elite,... pagan primas desorbitadas por un suposto traballo de grande valor, e aí non pasa nada. Esa mentira/verdade está perfectamente introducida socialmente, e ninguén a cuestiona. Resulta normal e perfectamente asumíbel que determinadas persoas cobren cantidades que mesmo representan o salario de centos dos representantes políticos e sindicais elixidos polos cidadáns e os traballadores e traballadoras, porque seica neste caso están facendo un traballo importantísimo! Resulta normal que unha empresa leve os seus altos executivos de viaxe a países exóticos mentres o resto dos traballadores ven como se lles recortan os salarios. A banca, as eléctricas, as empresas farmacéuticas, as de telefonía,... priman os seus altos cargos mentres botan traballadores á rúa. Algo que pasa cada día diante dos nosos fociños (e dos da prensa) e iso parece que indigna moito menos que un cargo político elixido pola cidadanía cobre un salario igual ao dun funcionario dunha determinada administración. E así unha verdade convértese en mentira e unha mentira en verdade por obra e graza non se sabe moi ben de quen, e unha parte desa cidadanía indígnase e sae á rúa a protestar. Pero cando o sindicalismo nacionalista convocou dúas folgas xerais contra a reforma laboral e a reforma das pensións, ou quedaron na súa casa, ou acudiron ao seu posto de traballo porque seica non ía con eles, ou non deixaron de ir ese día á universidade, ou incluso marcharon de copas, e indignáronse porque había piquetes informativos explicando o que estaba a pasar. E cuestionáronnos por facela en base a que non era o momento, que había que xuntar esforzos e deixarse de tanta leria e de tanta rúa. Agora son outros os que toman a rúa e todo o mundo sente simpatía por eles, como se nós como organización política non levásemos anos e anos reclamando a maior parte das cousas que eles piden. Outras desde logo non, porque o único que van facer é anular o noso país e a nosa xa cativa capacidade de decisión.
Por iso que hai verdades que realmente son mentiras e mentiras que certamente son verdades. Ou é que é máis democrático falar agora dunha folga xeral que hai 6 meses cando a convocaron as organizacións nacionalistas?
As organizacións políticas e sindicais do nacionalismo levamos toda a vida defendendo a democracia real e aplicándoa. Pero parece que a nosa non vale e que só vale a que outros/as consideran boa, como se estar organizado fose negativo. Algo que recorda outros tempos non tan afastados nos que a democracia (nin real nin ficticia) non existía. Curioso que a prensa lle dese tanta cobertura de prensa escrita, radiofónica e televisiva a certas reivindicacións, reivindicacións que o BNG leva toda a vida facendo sen recibir ningún tipo de atención mediática. Por que será?