Verdade e reconciliación

Verdade e reconciliación

Intento referenciar desde a memoria histórica o maltrato por séculos infrinxido a galegos nas escolas de avezar, nas de Gramática e nas da Universidade. Violación dos dereitos humanos hoxe recoñecidos, antes sospeitados, que inda están a seren lexitimados por certos sectores e partidos políticos de mentalidade ultra.

Estou a colocar encol da mesa tres memoriais: as escolas de Gramática-unha especie de ensino secundario- a abundaren en Galiza desde 1544, as protestas de Martiño Sarmiento referente a albafetización dos nenos galegos en castelán e o acontecer semellante da colonización europea dos séculos XVI e seguintes.

Tres abusos, tres intentos sociais e gobernamentais de destrución de culturas por sustitución. Sarmiento protesta do uso de alfabetizaren en castelán aos galegos: O ensino elemental consistía en aprender a ler e escribir en castelán, inda que se utilizasen "cartillas" a feito; moitos nenos aprendían en códices galegos nas escolas de "ferrado"contra as que clamaron os inspectores do estado no s´XIX.

A escolas de Gramática- para alumnos de oito ou nove anos a quince-tiñan por obxecto aprenderen o latín e outra miscelánea de saberes desde o castelán. X. Maure, nun estudo da escola de Gramática de Tui, advírternos do uso de castigos para quen se servise do galego na aula. Este fenómeno de violencia contra a lingua galega perdurou ata hoxe na formulación menospreciativa de certos profesores e dirixentes. Que lle lo pregunten a alumnos de profesores foráneos e galegos de mentalidade españolista. Polo demais é suficiente andaren cos ollos abertos polo país e constataren a conduta de bancarios, profesores, oficinistas, de toda especie de malandros para os que o galego é provocativo. A Universidade comportouse como as escolas de Gramática: usaba o latín e o castelán; só na segunda metade do XVII nas "festas minervais" se reintroduce o galego poético. E ollemos hoxe a porcentaxe de uso universitario.

O comportamento paralelo dos españois e doutros europeos colonizadores é ben coñecido: non tiñan como na península ibérica a pretexto de utilizaren o castelán porque as linguas restantes de aquí eran un castelán deteriorado a melloraren; non, era comportamento sen máscara de atropelo cultural e de sometemento ao invasor.

Ninguén reivindica danos e prexuízos por este asoballamentos centenario?. Leo en "CONCILIUM", 329, p. 29: "Na primavera de 2008 creouse unha Comisión denominada "Verdade e reconciliación" para estudar durante un período de cinco anos os abusos cometidos contra os aboríxenes no sistema de escolas residenciais de Canadá. Os abusos refírense a dous aspectos principias: ao abuso cultural, pois as escolas residenciais foran creadas para manteren alonxados aos nenos das súas "reservas"e das súas familias, co obxectivo de despóxalos da súa cultura india; e tamén ao sexual, porque algúns non foran protexidos dos mestres e dos equipos directivos, que abusaron de eles física, sexual e emocionalmente".

O autor do artículo que cito, fai extensión da urxencia desta reivindicación en Australia, Sudáfrica, Chile, San Salvador etc. É un feito que a sensibilidade actual de denuncia de todo tipo de pederastia, de violación de nenos/as etc aguilloa a promoveren a reivindicación global do

fenómeno más extendido desde o século XVI: o da colonización destructora das culturas, das linguas, e mesmo de formas de moralidade diferente.

Para min é sorprendente que na polémica do ensino do galego e dos idiomas a interesaren aos cidadáns, non se analice e reivindique a centenaria inxustiza de destrucción, desculturación, humillación de nacións como Galiza por colectivos de advenedizos e por iniciativa, nuns casos, e noutros de descoido dos poderes nesta centenaria opresión do noso país e da nosa liberdade. Temos dado pasos a costa de infindos desgustos e traballos; queda moito por andaren.

É hora de propoñeren nos parlamentos a reivindicación dos pobos asoballados e desculturizados para esixiren compensación dos dereitos violados e devolverlles con leis e presupostos os instrumentos de recuperación das súas linguas e da súa cultura en xeral? Non estou a falar de aldraxes, estou a facer memoria e recuperar para a historia un pasado de opresión sobrante a recoñecer e indemnizaren.