Verán, calor e sexismo
Chegou o verán a Galiza e deunos de súpeto nos morros. Aínda non gardáramos as botas e as chaquetas cando tivemos que poñernos á sombra e remollarnos na praia. Máis o pior das altas temperaturas é atoparte tamén cunha realidade que durante o inverno fica tapada baixo a roupa: o sexismo.
O calor supón o emprego de roupa fresca, mingua o longo das saias e dos pantalóns, os brazos fican descubertos, do mesmo xeito ca o escote, e por tanto, o corpo fica (dependendo da opción de cada quen a escoller a vestimenta que lle pete), máis evidente á vista de todas e de todos.
Se hai un acto sexista culturalmente aceptado por excelencia é o acoso de rúa, moito máis frecuente en verán que no inverno, porque no verán pasamos máis tempo en lugares públicos, evidenciando así as situacións de desigualdade, e sendo máis visíbel a reprodución das estereotipas e dos machismos habituais.
Non hai muller que non sufrise algunha vez na súa vida algún tipo de acoso sexual. O máis común é o emprego do “piropo”, sempre vinculado ao físico das mulleres (mesmo das nenas e adolescentes), e sempre por boca de homes, sexa cal sexa a súa idade. Mais tamén están as propostas sexuais, as frases obscenas, libidinosas e lesivas, recheas dunha gran carga de violencia sexual, moitas veces realizadas en grupo, exercidas como un xeito de socialización e divertimento entre homes (claramente heterosexual), na que a muller non só é un obxecto para eles, senón tamén un corpo dispoñíbel (e abordábel, sen que teña que mediar consentimento, polo mero feito de estar aí) para calquera home. E a isto hai que sumarlle outras moitas situacións nas que temos que aturar que un home non deixe de ollarnos os peitos, que invadan o noso espazo, mesmo que nos toquen o cu, ou nos ensinen o seu sexo. Son comportamentos, en moitos casos, tolerados pola sociedade, case nunca denunciados, mais non nos enganemos, son xeitos de exercer violencia de xénero.
A aqueles que lle restan importancia a estes feitos, por parecerlles esaxerada, deberían reflexionar: cantas mulleres non tomaron precaucións na súa vida, á hora de tomar un ou outro roteiro pola noite ante o temor a ser violadas?, cantas non cruzaron a beirarrúa para evitar pasar por diante dun grupo e non ter que escoitar frases humillantes? cantas non tiveron medo ao ir cun descoñecido nun ascensor? Iso significa, logo, que todas as mulleres nalgún momento das nosas vidas sentímonos vítimas potenciais da violencia de xénero.
Se non é así, como é posíbel que en pleno século XXI, nunha sociedade supostamente igualitaria, teña que existir unha diferenciación dos espazos públicos en función do sexo? Por que motivo segue a haber baños e vestiarios públicos para os homes e para as mulleres? porque non son comúns? alguén reflexionou algunha vez, cal é o motivo polo cal os baños adaptados para persoas con discapacidade cando non os hai propios, soen ser os mesmos ca o das mulleres? Non nos enganemos. Por riba de cuestións culturais, mesmo de escusas estereotipadas relacionadas coa hixiene, é un xeito naturalizado do emprego da arquitectura pública para previr determinadas situacións de violencia, porque está socializado que as mulleres poderíamos sufrir algún tipo de agresión sexual, e ten que ver tamén cunha asunción da heterosexualidade e na bixenerización (se botamos unha ollada aos letreiros, a cal deles iría unha persoa transexual?), que asocia sexualidade con sexo, e a unión de sexo e xénero. A segregación dos aseos públicos é un dos xeitos máis básicos de amosar e reforzar a dicotomía entre o que é masculino e feminino. E de reforzar, mesmo desde a esfera pública, o espazo privado das mulleres (non hai máis ca reparar nos retretes de homes e mulleres, para eles, sempre abertos/verticais, e para as mulleres pechados, con porta, e sentadas, mais iso é outro tema de debate).
O espazo público está rexido por normas culturais, que non están recollidas ou escritas en lado algún, pero que van conformando a nosa subxectividade e o noso xeito de comportarnos socialmente. Por tanto, as regulacións normativas do espazo público son diferentes para homes e para mulleres. É un feito histórico que as mulleres somos susceptíbeis á ameaza e a inseguridade, a ser violentadas de múltiples xeitos nos espazos públicos, nunha experiencia que os homes –afortunadamente para eles- non viven de xeito tan intenso nin frecuente.
O verán comezou. Mais antes de que nos decatemos, axiña chegará o inverno. O que agora é tan visíbel e tan exposto, taparase coa chegada do mal tempo. Non desaparecerá, ficará aí latente, agochado. Depende de nós desprendernos del, do mesmo xeito que facemos coa roupa.