Vellas verdades
No ecuador do século XIX, Antolín Faraldo proclamaba que a Galiza cumpría o papel dunha colonia da Corte, aserto que cabería completar coa afirmación de que das pior tratadas... Con efeito, Cuba, a xoia da coroa, tivo camiños de ferro moitos anos antes do que a nosa terra, que tardou vinte e cinco anos (a respeito da primeira española) en ver construída e en funcionamento a súa primeira liña férrea, por necesidade, claro está, dos intereses do capitalismo europeu e español que precisaban un transporte seguro para a exportación de gando galego nas mellores condicións. No século XX, as características coloniais da economía e da política galegas foron definidas por, entre outros, Antón Vilar Ponte, Ramón Vilar Ponte, Castelao ou Alexandre Bóveda. No arranque do nacionalismo contemporáneo, con tantas dificultades informativas como vontade de representar dignamente a nación, voces como as de Bautista Álvarez, Xosé Manuel Beiras, Francisco Rodríguez, Ramón López-Suevos ou María do Carme García Negro estudaron, colectivizaron (como está de moda dicer agora) e divulgaron un pensamento científico e documentado sobre o retrato da economía e da política galega. Cando se utilizaban determinados conceitos, como o da colonización que estamos a mencionar, non se facía, a fume de pallas, senón sobre a base dunha situación que reunía todos os ingredientes de tal caracterización. Un deles, un dos seus fenómenos visíbeis, é o autoodio, que tanto afecta á primeira e principal manifestación do noso ser, isto é, á lingua e á percepción que dela teñen os proprios utentes.
Xa de moi vello data a caricatura desta posición teórica e política. Confundindo definicións científicas con aldraxes ou hipérboles, negábase a razón do diagnóstico, ocultando o problema de fundo: admitir a profundidade e intensidade dunha dependencia que explodía en millenta exemplos: a emigración; a drenaxe de recursos; a "exportación" fiscal; a instalación de industrias de enclave; os comportamentos lingüísticos; a ignorancia e desprezo da historia, da propria cultura... e, por suposto, a actuación dos poderes públicos e de toda a rede de institucións públicas e privadas con mando en praza.
Que unha rapaza nova, galega, concursante nun horroroso programa televisivo, dos que alimentan con carne humana o fascismo moral consentido, se dé a valer negándose, acumulando na lingua todos os máis bastos e grosos preconceitos, non fai máis que probar a existencia, aínda, dunha patoloxía social de gravidade inmensa, como proba, igualmente, a fraxilidade e febleza dun rexime autonómico, que vai camiño de cumprir trinta anos de existencia e que a penas mudou severas regras do sistema. Cabe pensar que se a tal concursante deostase publicamente os negros, por séreno, ou os xitanos, fose declarada decontado rea de racismo flagrante e expulsada fulminantemente de programa. Mais a condición galega pode con todo, seica, e máis se quen a deosta é unha que a posúe. Podemos atribuír talvez semellantes asneiras a un fenómeno residual, a un atavismo, que resustaría vellos modos do ser galego. Non é este o meu xuízo. Máis ben penso que recidivas destas características son plenamente coherentes cunha política, unha mediática, un ensino, un comportamento superestrutural, en fin, que aínda non ousaron proclamar a evidencia e a razón da xustiza, tanto como a xustiza da razón, a saber: somos galegas e galegos; Galiza existe e merece existir dignamente; somos suxeitos titulares de dereitos xurídicos, políticos e culturais; a lingua galega, en fin, non é unha eiva que cumpra sobrelevar ou ocultar, senón a manifestación máis alta e visíbel da nosa especificidade.
Está por escreber aínda o manual do colonizado galego, porque, de certo dá para moitas modalidades e ramificacións. Unha delas, plenamente actual, é a que nega toda bondade ou existencia a un pensamento e a unha política galega que, propositadamente, se declinan en e para a Galiza. Segundo tal afirmación, o nacionalismo galego estaría "desorientado", "ensimesmado" ou abonado á "resistencia". Tal afirmación cumprirá contrastala cos feitos para comprobarmos se é pertinente. No devir histórico galego, de trinta anos para acó, en casuística esquemática, recordamos exemplos como os que seguen:
- Foron cabezas e mans galegas, nacionalistas, as que deron en despertar o tema dos camiños de ferro, do seu aberrante retraso verbo da media española, demanda e reclamación de que deriva que hoxe podamos viaxar, na liña A Coruña-Vigo (única moderna), nun tempo razoábel.
- Foron cabezas e mans galegas, nacionalistas, quen pasaron o traballo de elaboraren e publicaren as Táboas Input-Output da pesca galega, que, como se sabe, só (!) representa case a metade da pesca española e que compromete, na Galiza, o traballo de nada máis que 53 actividades económicas, e de faceren valer, perante o Estado e a Unión Europea, a razón galega.
- Foron cabezas e mans galegas, nacionalistas, quen levantaron o problema do discriminatorio trato fiscal para coa Galiza e da necesidade dun modelo de financiamento que faga real a existencia dunha autonomía galega que está lonxe de responder ao seu nome.
- Foron cabezas e mans galegas, nacionalistas, quen levan pelexando toda a vida por que a agricultura e a gandaría galegas non sexan unha reliquia de tempos pasados.
- Foron cabezas e mans galegas, en fin, quen tiveron e teñen interese en dar a coñecer, nos seus termos reais, a historia de que procedemos, a riquísima cultura que nos identificou e as razóns da nosa inferioridade inducida, da nosa discriminación.
Todo o que acabo de recordar, con minimalismo obrigado, non ten nada a ver coa auto-compracencia. É, simplesmente, un ponto de partida para lembrar que non somos clónicos nen suxeitos de tutela, senón soberanos no campo onde o podemos ser, no libre exercicio de coñecemento, do pensamento e da praxe política decorrente. Este exercicio de auto-valoración, de autoestima en termos colectivos, nacionais, é vital nas filas do nacionalismo galego, non para narcisismo de nengún tipo, senón para o avanzo de coñecemento, o autorrecoñecemento e a apropriación colectiva, co orgullo necesario, do que fixemos, na intelixencia de que aínda é moito máis o que resta por facer, tamén por corrixir e por innovar.