Valor, amor e compañeirismo

Valor, amor e compañeirismo

Da a sensación de que o materialismo dialéctico está sendo mudado polo materialismo consumista.

Todo e mercadoría e so mercadoría; e así como quen non o quere, arredamos as persoas tanto no seu ser individual como colectivo para o caixón da contabilidade bancaria.

A linguaxe do comercio trasladase a todo tipo de entidades e sociedades. Os partidos políticos da chamada esquerda están sendo os pioneiros, as veces, en fundir os principios nos que se baseaban os dereitos humanos para transformalos en feira comercial. Nada mellor que a propia linguaxe. Aplícaselle a un representante das xentes traballadoras do país as mesmas avaliacións que a un xogador co que comercian os clubes. Ou tamén a unha prenda de moda: Non é moderno, ten presenza, ten perfil, ten "glamur", inversión de futuro, está amortizado, luce, seduce, e frío, é gris, móvese con soltura. Temos que vender este evento, precisamos unha fichaxe...

Perdeuse ate a conciencia de que o ser humano é un animal social e que precisa relacionarse e que desexa vivir en comunidade e formar familia, grupos ou nacións e que ten dereito a se defender colectivamente e a exixir que non o exploten ou non o escravicen.

É deprimente e repugnante ver ao Sr. José Luís Barreiro defender publicamente a escravitude dos traballadores e atacar cos mellores argumentos fascistas aos sindicatos obreiros; poñendo os principios do liberalismo económico por riba da dignidade mínima que debería garantir a un ser humano ter acubillo e alimento.

Que a ideoloxía fascista este avanzando en toda Europa non é so responsabilidade do poder da dereita e tamén froito da cobardía e da ignorancia da chamada esquerda, que confundimos modernizarnos con deshumanizarnos e mercantilizarnos.

E hora xa de espertar e despriguizarnos deixando de asumir como válidas as mensaxes do opresor e dos inimigos de clase e de territorio.

¡Que mais quere o noso opresor que tiremos pola borda a nosa bagaxe de esperanza, de organización, de loita, de resistencia e de paciencia revolucionaria! Co doado que é acudir a sabedoría dun pobo colonizado que sempre desconfía dos consellos do cacique colonizador e remata facendo o contrario e comprobando a posteriori que sempre acerta.

Como é que non temos ao menos a capacidade de darnos conta de que están escravizando e esmagando aos noso fillos e aos nosos netos e que non é o momento de adaptarnos a algo tan feroz e represor como a nova ditadura de Grecia?

Non somos capaces de ver que só pola vía electoral non se frea a desfeita da democracia? ¿E que nos volvemos tan despistados que non somos capaces de propoñer algo de resistencia pasiva a un sistema que malla na xente que so pide pan e acubillo, como ten dereito calquera animal?

¿Cómo é posible que sexa o alento do nacionalismo algúns medios de comunicación? Non será o alento do demo?

Cando a realidade da loita de clases é dura, e agora mesmo éo en Europa, o mais moderno, o mais progresista e o mais revolucionario e facer trincheiras para ir cortándolles o paso, e iso é mais que nunca cuestión de loita social e non de líderes carismáticos dos que quita e pon a prensa cunhas fotos.

Mais loitadores e menos profetas! Cando os paus están a caer no lombo non se precisan profetas.

Si Sr., si! E a resistencia, a coherencia, o amor ao País e as súas xentes o que precisa a esquerda e o nacionalismo de esquerda, o único posíbel e válido en Galiza, para seguir tirando do carro do que tiraron os devanceiros. O odio une moito, pero cando non logra a morte do inimigo tódolos camiños son dispersos e escuros, e comezan as preguntas. Merece a pena seguir odiando? Estará guiándonos alguén cara un calello sen saída? A quén estamos a defender? Que obxectivos perseguimos? Son os mesmos de sempre? Estamos diante de algo novidoso ou son historias repetidas? Estamos diante de problemas colectivos ou desafíos persoais? Estou sendo utilizado ou utilizada para que alguén cobre débedas pasadas?

Non nos están ocupando o País-Galiza namentres batallamos en loitas intestinas? Será que estas loitas intestinas é o único obxectivo que se persigue?

Como pode ser posíbel que sexa tan importante colocar as cadeiras presidenciais da mesa da festa cando está ardendo o teito da casa e o primeiro andar?

Claro que si, que algo estamos facendo mal! E moi doado: O espelliño máxico vainos a dicir que somos os mais guapos, o fotógrafo "amigo" tamén...

Cando escoitemos pacientemente a xente diranos o que lle están dicindo a CIG os seus afiliados e afiliadas. Saír a rúa, loitar e resistir! Isto si que é abrirse a sociedade. Menos mal que aínda quedan resistencialistas!

Hai moitos labregos soportando perdas de futuro e de paciencia, hai moita xente nova agardando algo mais que domesticacións inútiles ou radicalismos verbais, hai moito País e xentes polas que loitar e as que amar. Agora é a hora da verdade. Rematouse o programa do odio e de mirarse ao espello. Sobran os mais guapos e as mais guapas. É hora de armarse de amor e compañeirismo. Quenes só saiban vivir contra algo e contra alguén pasarán pronto do candelabro, e ademais Roma non paga... En canto rematan as guerras civís chega o Imperio, e aos primeiros que liquida, entre outras cousas por confiado, é aos que lle seguiron o xogo.

Non só con odio, tamén con valor, amor e compañeirismo se pode construír Galiza. E de feito o que hai construído e reconstruído foi con estes materiais.

Deixemos de ler a frustrados en páxinas nocturnas! E moito máis sabio e edificante ler Alba de Gloria ou os poemas de Manuel. E estes grandes apaixonados de Galiza escribiron para o amor e non para u odio...