Vaiase a merda coa súa austeridade

Fártase un tódolos días de que se insulte e se trate aos cidadáns como atrasados mentais e submisos monos amestrados polo circo mediático. A vida, a intelixencia e a dignidade humana segue existindo a pesares do aparvamento de tanto fachendoso e prepotente, e do dominio de avarentos mal nacidos que queren escravizarnos. O Presidente Feijoo crese que os votos lle dan patente de invasor español no Perú para recriminarnos a que traballemos, ou suframos sen traballo, e non protestemos, como fixeron nosos pais e avós.
1º- Nin nosos pais nin nosos avós foron resignadas bestas de carga, nin a maioría dos fillos e netos imos a selo por moito que vostede o desexe. Tocoulles sufrir a tiranía e o despotismo no seu momento como a maioría dos galegos e galegas nos toca sufrilo a vostede a Rajoy e aos seus amigos ladróns, chourizos, banqueiros e demais morralla. O apelido Rajoy inda soaba fai poucos anos no Parlamento Galego debido a indignación dunha parroquia preto de Fisterra que tiña as súas terras baixo forma de propiedade feudal. Sr. Presidente, inda existen crases sociais, países e dominadores deses países. Non debo anoxarme nin mandalo a ningunha parte porque vostede se poña no seu lugar, cos da súa crase e coa súa dominación. Agora ben, as relacións amorosas entre os do seu rango e os que os sofren déixelle interpretalas aos sufridores/as. Si me están amolando (por non utilizar outro termo mais primario) non é o mesmo que si están partillando cama con migo.
2º- Acudir aos nosos antepasados para poñelos como modelo de resignación e laboriosidade en comparación cos galegos e galegas de hoxe, que ao parecer, protestamos e non queremos traballar, representa con toda claridade a nostalxia dun franquista fracasado e dun galego renegado. Agora enténdese porque vostede non ve nos antepasados de Galiza a capacidade de ter sido portadores dunha cultura e dunha Historia. Para vostede, os seus grandes valores son; que son traballadores, calados e sufridos. Ser intelixentes, críticos ou rebeldes significa ter grandes eivas. ¿Porque será que nos costa tanto aos nacionalistas explicarlle a xente que Rajoy ou Feijoo non teñen nada que ver coa xente traballadora normal e menos con Galiza? Co doado que debería ser explicarlle que eles teñen que ver coa xente non traballadora, e anormalmente vista por aquí, porque moran, non onde se traballa, si non onde se come o que nos rouban a todos. Iso non quere dicir que as veces non coincidamos. Por exemplo dentro de pouco nos estaremos plantando de eucaliptos as nosas veigas e eles estarán rañando o carballo en “Las Vegas del Manzanares”. E todos teremos a nosa esperanza de que dea froito.
Seguimos cos atentados a intelixencia humana: Cando os propios promotores dos recortes e da austeridade din que empobrecer aos consumidores (que é como nos chaman para non chamarnos xente) acaba empobrecendo as industrias e o comercio, e que nos leva a unha espiral de “a cada paso todos mais pobres”, ven a súa Maxestade no fin de ano e dispáranos a todos a sabia idea de que hai que seguir coa austeridade, pero unha austeridade que non free o crecemento.... Isto recórdame o que me contaba meu pai das pragas que lle botaba o Vicente do Rozó a dous machos que lle escapaban do monte e ían a pacer a un lameiro que estaba ao pe do monte e que el tiña en moita procura para gardar a herba para seco, dicíndolle: “¡ Se vos caeran tantas chispas nos ollos como herbas hai no lameiro do Arroxo; e que non bos cegaran!....
E como cada can ten que dar o seu ouveo, e a xente do PP ten gañas de lucirse, vai tamén o Sr. Barreiro e felicítanos o ano novo dicindo que os datos do paro do mes de decembro do ano 2012 amosan que as medidas tomadas para facer fronte a crise están dando resultados. Precisamente en Lugo que están pechando afeito as poucas industrias que quedan (Tablicie, Cementos Oural, Alimentos Lácteos, mobles, comercio, hostalería, agro, pesca....) e onde os alcaldes do PP xa non acoden a bautizos pero si a varios enterros diarios. Desafío ao Sr. Barreiro a que me xunte aos fillos de xente do PP menores de 30 anos na Provincia de Lugo e me diga cantos están traballando nun traballo que lle permita vivir independentes, dentro ou fora do Estado. Ben, imos descontar aos colocados por Baltar ou Cacharro por si logo nos chama alguén a declarar como testemuñas.
E imos aló con outra reflexión. Si é certa a tese de que estabamos en crise porque estabamos vivindo por enriba das nosas posibilidades, agora que xa estamos vivindo por debaixo delas estará a cousa amañada, digo eu? Ou será que inda quedan outros que viven por enriba das nosas, das deles e das dun feixe deles?
Señores predicadores de tanto medio ilustrado, a ver se me explican unha pequena dúbida para amañar a miña ignorancia, (ou a miña falla de ignorancia, como di un veciño meu): Por tódolos medios orais, escritos, visuais e canto haxa de propaganda, estou a notar que soamente hai ansia e paixón por quitar da crise a 37 doentes: O Ibex-35 (que son trinta e cinco, disque), ao Mercado e a curmán de risco. E si non son capaces de amañarlle a crise a estes poucos (e por enriba, dos que mellor están) Como raio nos van amañar a papeleta ao resto? E digo eu –e vou ser un pouco mal pensado, como bo galego– non sexa o demo que os 37 eses sexan os da culpa da crise, porque ao mellor a eles lles beneficia? Porque sempre se dixo que non había feira mala nin boa, e que o que un perde outro gaña?
E agora vanme a contestar os doutores de prensa e axencia, sabedores e intérpretes do pasado, presente e futuro, que levan cinco anos sen predicir nin a situación económica a un mes vista. Predí con mais anticipación (que xa é dicir) Meteo-Galicia que os economistas. Diranme pois vostedes, cantas son as perdas que se están producindo en Galiza por folgas patronais, “EREs” e peche de empresas. Teñen que ser astronómicas, si contamos as graves perdas que se publican en tódolos xornais e medios cando hai unha folga. Tendo en conta que neses propios medios se di sempre que a folga “tivo unha escasa incidencia”…. Se un día de traballo produce tanto para as empresas como se valora un día de folga habería que levar aos empresarios todos presos por fraude fiscal e os traballadores deberían pedir todos revisións a alza dos convenios. (DESCULPEN QUE NON ME DABA CONTA DE QUE O FRAUDE FISCAL FOI SUPRIMIDO POLO PP PARA AS GRANDES EMPRESAS).
Se é verdade que se quere xuntar diñeiro para que o Estado sexa solvente, porqué se busca o diñeiro nos petos que xa están saqueados? Como é que unha familia cun bar na Fonsagrada pague mais impostos que un especulador que gasta 600.000 (seis centos mil euros) tódolos meses alá por Marbella en actividades relaxantes? E ao da Fonsagrada inspecciónaselle e póñenselle milleiros de esixencias. Ou onde veñen tantos cartos para que sexa tan difícil fundir un club de fútbol? Menos mal que na Coruña inda os hai con pelotas....! Pensamos que a xente popular collerá conciencia da súa situación si nos somos capaces de poñerlle diante dos fociños reflexións como estas. Non chega con mandar a merda aos ladróns, compre aclararlle aos roubados quen os rouba, como, cando e onde.
Quen é o atrasado mental que segue pensando que a crise se resolve subindo os impostos e entregándolle diñeiro aos bancos? Porque non nos explican que si lle repartiran as familias o que lle entregaron aos bancos dende que tiraron as torres xemelgas tiñamos recibido mais de 15.000 € por habitante?
A ver cando lle dan liberade de expresión a algún/a economista decente para que aclare que a crise se resolve distribuíndo a riqueza e non concentrándoa, producindo e non recortando as rendas, o aforro e o investimento público e privado. Que a riqueza a produce o traballo e non o diñeiro. O diñeiro é un título que pode servir e serve para que uns poucos se apropien de todo e nos poñan a todos e a todas ao seu servizo como facían os señores feudais. Antes chamábanse condes e hoxe banqueiros. Que futuro nos espera si a xente na idade de traballar está parada, a riqueza do país o mesmo, e os títulos dos feudais nos paraísos fiscais? Como que non saben o que vai pasar, si está pasando o mesmo que pasou na Arxentina e en moitos países de Asia fai anos? ¿E para mandalos a merda ou non?
Ninguén se decatou de que Feijoo e o PP levan dous anos facendo na media e montando espectáculos como os trileiros, coa inestimábel axuda do gancho de Vigo, para que os atracadores do aforro galego tiveran vagar nas súas operacións? Non quedou ben claro co caso das preferentes e subordinadas o gran que tódalas formigas galegas tiñamos metido nesa arca que furaron os ratos? E cando veñen as eleccións, un feixe de galegos e galegas en vez de mandar a merda aos ratos mandáronnos aos gatos que estabamos avisando do saqueo? ¡Se queremos que paren de roubar e preciso distinguir os amigos dos ladróns!
Se é tan boa a austeridade pasen os do PP todos para o paro e cando vexamos que o país vai para diante xa nos apuntaremos voluntarios os demais a confradía da Santa Austeridade. E métanse na “austeridade” sin “quejarse como lo hacían nuestros padres y madres y tambien sus procreadores”.