Vacinación con mando a distancia ou unha historia dos medios de comunicación
"Non podemos botarlle as culpas aos medios de comunicación porque nos deron unha cancha superior incluso ao que representabamos". Isto dicía o senador Pérez Bouza nunha entrevista ao xornal amigo La Voz de Galicia, falando, como é de rigor na crítica construtiva, dese longo serial de telenovela sobre os resultados das últimas eleccións. E a min sorprendéronme estas palabras dun home que ao longo da entrevista solta todo o que se lle ocorre sen unha base argumental minimamente seria. Porque afirmar tal cousa indica, como mínimo, que o compañeiro ou anda nas nubes afastadas da estepa, ou confunde o trato que lle poden dar a el medios como o que aludimos, co que brindan á organización como tal, raquítico sempre, mínimo e presentado, para máis burla, de forma medida e interesada.
Digo isto porque estou atento cada día, por interese, fudamentalmente histórico, ao que din os medios en Galiza sobre o movemento nacionalista. Desde que o goberno da Xunta caeu nas mans do PP, o cambio na radio e televisión galegas foi brutal, tanto que podemos dicir hoxe con firmeza que a TVG sobre todo, converteuse nunha especie de revista dedicada aos ecos de sociedade do propio PP. O BNG aparece só de cando en vez, uns segundos e criticando, normalmente, ao PSOE. As frases dos nosos representantes partidarios, ás veces, dan riso (decontextualizadas e cortadas). Xa non quero falar do portavoz nacional, Guillerme Vázquez, ao que invariabelmente lle seleccionan do discurso curtas proclamas abstractas.
E non só isto. A manipulación dos medios, e inclúo a Radio Galega e a ese xornal amigo ao que antes me refería, é tan basta que, por poñer un exemplo, durante este últimos anos aquela, (a TVG), chegou a darlle a volta ás intervencións dos parlamentarios das Cortes madrileñas nas sesións de control, poñendo sempre a Zapatero como introdutor da pregunta e a Rajoi como contestador final, mudando así os papeis de oposición e goberno para vacinar ao espectador coa idea dun Rajoi como presidente real do goberno do Estado. Curiosamente iso non o fai agora cando se fala do Parlamento de Galiza, onde a TVG si respecta a introdución da pregunta na boca de quen a fai e, por suposto, a contestación final do señor Freijó, como lle chama sempre un meu cuñado que non ten nada de intelectual e que axiña lle viu o plumeiro ao poder ilimitado e sectario deste goberno nos medios de comunicación que todos sostemos.
,E tamén lle dedicou o seu espazo raquítico, algunha vez, ao senador do BNG arriba mencionado, sobre todo cando se metía co PSOE, non co PP. Pódeo comprobar se pide os segundos que tivo na xa pasada lexislatura aos facedores, como diría Novoneira, desta etapa mediática perigosamente ditatorial e refinada para levar a xente polo camiño xa tan sobado do bipartidismo. Non ser consciente de como se xogou esta campaña nos medios de comunicación é como perder a visión do que representa e representou cada partido dentro da cota legal e antidemocrática que lle correspondeu segundo a lei electoral. A xente só viu dous partidos, PP e PSOE, e os demais foron anécdota. Os partidos seguen saíndo en proporción aos cartos que teñen para meter na propaganda, e non en función das ideas que cada un, sen excepción, defende. Pode aceptar tal aberración unha mente realmente democrática e libre? Ou terá que insistir arreo en que as regras de xogo son falsas e rompen os principios democráticos que din defender? Non haberá que batallar para mudalas?
Un aspecto máis. Sería bo que o BNG como tal, a través dos distintos e distintas portavoces que ten nos diversos campos de representación (e non só nos institucionais, queridos amigos e amigas, pois esta institucionalite vigorizada polos medios e partidos consagrados ao sistema, está a illar a esa outra parte organizativa e loitadora sen a cal non existiría aquela e a que urxentemente habería que festexar e homenaxear) saíse ou fose protagonista nesta perspectiva tanto como o está sendo nestes días na outra. Ou simplemente que se lle recoñecesen os acertos que ten e a batalla que fai cada día, ás veces mesmo heroicamente, para sacar esta nación da miseria en que este sistema fondamente antidemocrático e de rapina a meteu. E sería bo tamén poñer por diante dun ou dunha, sexa quen sexa, a dignidade dunha organización que ten moita historia e moita xente que lle dedicou a vida e que agora ve como uns cantos si utilizan os medios para saír eles despregando toda a artillaría que eticamente resulta vergoñenta, porque tamén leva odio detrás e isto en política nunca se pode xustificar (os nosos máximos representantes elixidos na Asemblea Nacional son parásitos? Unhas persoas que poñen cada día o traballo, o tempo, os cartos seus en beneficio do colectivo. Pero son estes os teus inimigos, tío?). Aquí, si, aquí si que nos dan espazo e cancha, verdade?
Vivimos a nivel global, un momento histórico en que a masa, o pobo (que fermosa palabra esquecida e mudada con tan pouca fortuna), sofre desta droga perigosa en que se converteron os medios de comunicación, sempre dispostos a sacar sangue da auga, e a multiplicar as ganancias ao prezo que sexa; e a defender, claro está, este sistema de rapina. Os medios poderosos son hoxe a vacina utilizada para inxectar enganos no pobo, para adormecelo, para educalo na fatídica ignorancia... Nen universidades, nen escola nen familia; quen educan son eles. E só así entendemos que a desfeita do sistema capitalista caduco e vello estea resistindo sen alternativa real por esta insistencia xa dolorosa que inxectan coa cantilena de que esta é unha crise debida aos vicios e abusos dese pobo afeito a ter comodidades non merecidas. Vacina vitoriosa por agora, axudada tamén por xente que non parece ser consciente do dano que produce cos seus interesados aproveitamentos mediáticos, persoais ou de grupo: egocéntricos, nuns casos; claramente dereitistas nos máis. O momento histórico pide forza e unión agora. E escribirá dun ou doutro xeito o que cada quen practique. O mando a distancia do control mediático ten que ser destruído... polos bos e xenerosos, eses que canta o noso himno (ao mellor, este tamén está demodé nesta sociedade desorientada do XXI (moderna?), e hai que mudarlle o sentido). Non?