V Festival Internacional de Xardíns de Allariz “Xardíns da abundancia”
Paso a paso, o Festival Internacional de Xardíns de Allariz vaise consolidando como un grande atractivo turístico, incentivando a economía local e congregando a múltiples profesionais da arquitectura, do paisaxismo e a xardinería.
O vindeiro 24 de maio ábrese ao público a V edición coas propostas seleccionadas en torno aos “ Xardíns da abundancia”. Foron 47 as propostas recibidas este ano de diferentes países marcando un novo record de participación. Nestas cinco edicións son xa 148 as propostas recibidas de 15 países. Son mais de 117.000 € ingresados por entradas e mais de 125.000 os visitantes que teñen disfrutado do FIXA. Xornais, revistas especializadas, emisoras de radio e televisión teñen contribuído a unha ampla divulgación desta iniciativa.
A presente edición constitúe un espazo singular para o goce da imaxinación e os sentidos. As propostas seleccionadas polo xurado, presidido por Francisco Caldeira Cabral, propician a relaxación do corpo e a alma, a contemplación e mesmo a reflexión sobre a crise socioeconómica que padecemos e que queremos combater cunha crítica á austeridade que ataca ao estado de benestar.
Felicitacións e recoñecemento aos traballadores municipais pola súa ilusión e profesionalidade. Sen eles o FIXA non sería posíbel.
Nun momento no que tan interesadamente se cuestiona o papel da iniciativa pública e da xestión directa dos servizos a profesionalidade demostrada polos traballadores do Concello de Allariz desminte todos os tópicos e evidencia o saber facer nunha iniciativa tan complexa como esta.
Asimesmo o FIXA está servindo de escenario, de escaparate, para destacar o importante sector económico existente na Galiza en torno do mundo da xardinería. A produción de planta existente por exemplo no Baixo Miño agrupada na Asociación de Cultivos de Baixo Miño, con mais de 500 Ha cultivadas no sector de plantas e a flor ornamental, ou Vivergal en San Sadurniño, pioneiros no Estado na produción de planta xoven.
Quero agradecer aos profesores e alumnos do colexio público de Allariz a súa participación nesta edición facendo posíble que o FIXA sexa, tamén, un instrumento educativo na sensibilización dos valores ambientais.
O concurso para a edición 2015 terá como lema “A música no xardín”. Ata o 15 de novembro os autores enfróntanse ao desafío de plasmar a concepción do xardín e a música, dúas vertentes artísticas da cultura antiga onde a palabra “composición” é idéntica, e onde a harmonía, o ritmo e os sons constitúen factores de unión entre a música e os xardíns.
Quero convidarvos a gozar do noso Festival Internacional de Xardíns e da beleza de Allariz que esperta a imaxinación e os sentidos, recordando a Rosalía de Castro, grande poetisa nacional, na súa obra “Cantares Gallegos”:
Galicia florida, cal ela
ningunha, de flores cuberta,
cuberta de espumas,
de espumas que o mare con
perlas gomita, de flores que
nacen ao pé das fontiñas…