Usurpación aniquiladora


O día 11 de outubro, sábado, acompañadas por un día risoño, lene, luminoso, máis de dúas ducias de persoas participamos nunha excursión a Lourenzá, Mondoñedo e San Martiño (Foz), organizada pola Sociedade Cultural Medulio (Ferrol). O obxectivo era coñecer sobre o terreo o patrimonio da Galiza mindoniense, a britona, esa que, segundo os tópicos da historia da España oficial, debería ter sido a orixe do reino cristián inicial, por ficar á marxe do dominio musulmán. Esa historia, nembargantes, optou naturalmente por inventar un reino de Asturias, unha monarquía astur e unha batalla mítica, Covadonga, que significase o inicio da resistencia contra o invasor, como forma de anular a incuestionábel continuidade histórica, coas mudanzas que se queiran, da Galaecia. A partir de aí o cúmulo de usurpacións, mentiras, apropiacións indebidas, ocultacións e manipulacións son tan descomunais que só se poden entender desde a perspectiva de negar, contra todas as evidencias, a existencia, a importancia e a influencia do reino de Galiza entre os séculos IX e XIII, en toda a parte noroccidental da Península, como factor determinante do desenvolvemento histórico.

É por iso que a nosa visita a Lourenzá estaba cargada de interrogantes sobre o que alí dentro había, pois nunca o puideramos contemplar, e sobre como no lo ían explicar. Afortunadamente agora o mosteiro ten horarios de visita e conta cunha guía, Delfina, unha señora duns sesenta anos, que en galego informa sobre a súa historia e o seu patrimonio. Ficamos abraiados perante o seu relicario barroco, o maior e mellor conservado de toda a Península, de rechamante policromía – de estar en Toledo, por exemplo, tería a fama garantida. Admirounos o sartego do conde Osorio Guterres, segundo parece arte paleocristiá do século V, fundador do mosteiro no século IX. Constatamos a existencia dunha nobreza de ámbito galego-portugués que se movía e controlaba de norte ao sur, entre Ortegal e o Miño, o Lima e o Douro, sucesivamente. Un dos seus máximos expoñentes foi a figura de Rosendo, o fundador do mosteiro de Celanova, tamén bispo mindoniense e mesmo de Santiago, emparentado co Osorio Guterres devandito. Ambos os dous dentro do santoral católico conformado na idade moderna, coas connotacións conseguintes.

Porén, o substantivo é que representaban unha clase dirixente na que convivían, e se mesturaban e xustificaban mesmo, funcións e poderes derivados do eclesiástico e do civil. Pertencían a unha realidade económica que tiña os mosteiros e as igrexas como estruturantes da produción, da distribución, do comercio e das relacións vasalático-feudais. Lembrei toda a documentación medieval espoliada a este mosteiro, como a tantos outros da Galiza, a partir da desamortización, destinada a encher a Biblioteca Nacional de España, o Arquivo Histórico Nacional, onde pousa, até agora, ad maiorem gloriam do reino astur-leonés (sic) grazas ao labor sistemático de apropiación indebida,ocultación e manipulación, levada a cabo pola historiografía española oficial, para a súa idea de España casar cuns antecedentes históricos apropiados. Por iso, cando escoitamos en boca da guía a referencia de todo aquilo que explicaba ao contexto do reino de Galiza e León, respiramos cun certo alivio. Polo menos, estabamos, existiamos, o que é moi de agradecer, porque o normal é vernos aniquilados, sumido todo o noso, política, arte, sociedade, cultura, da alta idade media e mesmo da baixa, nos topónimos Asturias e León e nos xentilicios astur, asturiano, leonés…Galiza é historicamente unha palabra nefanda, da que non pode pronunciarse o seu nome…..Nunca existimos por nós mesmos….Sempre fomos apéndice de outros, sempre fomos España, e aínda enriba sucedáneos…

A verdade é que resulta monstruoso, racionalmente disparatado, moralmente indignante, este baleirado do noso en proveito de outros, para nos desvalorizar, minorar e anular como pobo. Faise cunha ousadía que vai da ignorancia e da terxiversación inducidas até a plena consciencia da manipulación e apropiación indebida en nome de máis altos valores que a xustifican. E sempre para casar a idea da España reinante cuns antecedentes que non resulten contraditorios, problemáticos ou críticos para unha visión mitolóxica, castellanista, españolista, da historia, aquela que se ensina en universidades, institutos e escolas, a que se espallou e espalla por todo tipo de medios. A grande prexudicada desta visión é Galiza ,desaparecida e anulada a mantenta, usurpada a súa realidade e contundencia histórica, patrimonial e documental, porque, de respectar a verdade, sería inviábel a invención histórica da España oficial.

Recentemente, publicouse un A Fondo no semanario Sermos Galiza sobre o noso patrimonio material e inmaterial, en relación co turismo e como fonte de riqueza. Sendo todas as colaboracións de interese, chamoume a atención que ninguén abordase o grave problema da descontextualización histórica que padece, da súa falta de referencia a unha realidade política, económica, social e cultural que existiu, e que o xustifica e explica. Deste xeito, hai moitas pedras, sen esforzo, definición e valor galegos detrás, moita arte sen sociedade que a sustente en nome dela, por ela e para ela. Non imos falar de todo o agachado, pouco prezado ou desconsiderado. Así estamos no paradoxo de a arte románica galega se catalogar de astur. Non hai que ser moi erudito nin esperto para nos decatar de que non cabe comparar en cantidade, extensión xeográfica e entidade o patrimonio prerrománico e románico de Asturias co de Galiza. Deste xeito, temos que padecer exposicións, baixo a dirección de especialistas en historia medieval da Universidade de Santiago, como o Sr. Alsina, sobre a época do denominado Afonso IX de León, na realidade VIII de Galiza, nas que A Coruña, Ribadavia ou Monforte aparecen como vilas leonesas. En fin, non pode estrañar que o sepulcro do Apóstolo se teña convertido nun reclamo turístico xustificado en nome dun camiño ou percorrido da cristiandade europea á marxe das circunstancias históricas e do país concreto, das súas clases dirixentes, que o inventaron, esquecendo mesmo a realidade política, social, cultural e económica que fixo posíbel a construción da maior catedral románica de Occidente. Galiza missing.

Gustaría para rematar, por hoxe, enunciar algunhas evidencias ou certezas históricas sobre nós, o pobo galego, Galiza, que deberíamos asumir sen complexos e con contundencia, por moitas que foren as intimidacións e censuras que debamos soportar, se queremos aproximarnos á verdade e coñecer, posuír, unha explicación do patrimonio que nos rodea. Nunha palabra, non aceptar como normal a anormalidade da nosa anulación, da amnesia ou desfiguración sobre o noso pasado. Velaí van:

A máis importante documentación alto medieval, depositada como espolio, no Arquivo Histórico Nacional de España, provén de Galiza. En concreto, e por citar un caso exemplar, os Tumbos de Celanova son a principal fonte de información sobre os séculos IX e X dos denominados reinos cristiáns occidentais. É sintomático que Sánchez Belda, un dos primeiros catalogadores e estudosos da documentación medieval depositada naquel Arquivo, se estrañase de que a maioría dos documentos proviñese de Galiza e non de Asturias.

Esta documentación alto medieval, e en xeral até o século XIII, ten unha tendencia a falar do de dentro de Galiza como o normal, o que non necesita ser designado moitas veces co topónimo xeral referido ao reino, Galiza, porque é desde a concepción da súa existencia que se fala. Por iso é frecuente que a documentación dos séculos IX , X e XI empregue a referencia “terra de foris” para aludir aos territorios do que ía ser e foi o reino de León, aqueles que son motivo de expansión por oriente.

Todos os denominados reis asturianos e leoneses desde o século IX até mediados do XIII son, na súa maioría, galegos de nación, pertencentes ou emparentados coas clases dirixentes galegas, e teñen Galiza, incluídos o Berzo e a Seabra, e progresivamente o territorio entre Miño e Douro, como o epicentro do poder económico, demográfico, artístico e cultural da monarquía. Podemos aseverar, analizando a documentación existente, que a vinculación familiar e vital destes reis, a súa produción notarial, os seus recursos, incluídos os militares e financeiros, debuxan unha marca galega preponderante, incluída a lingua como unha realidade social progresivamente máis caracterizadora.

A progresiva expansión do reino orixinario, Galiza – unha realidade maior que a actual realidade administrativa-, para o este e o sur, levou a establecer estruturas de poder e administrativas coa configuración do reino de León, denominación coincidente coa dunha vila real (“regnante in Legione”), como antes, a comezos do IX, pode haber documentos coa expresión “regnante in Oveto”, do que non se pode inducir a existencia dun reino de Asturias, sempre considerada un territorio (Asturiis), unha rexión. É incuestionábel que existiron documentalmente, notarialmente, politicamente, os reinos de Galiza, León, Portugal e Castela, aparecendo por esta orde cronolóxica.

Hai moitos indicios, moitas probas de, nos períodos nos que os reis foron comúns a Galiza e León, ou máis tarde a Galiza, León e Castela, dous ou tres reinos e unha monarquía, existiren o costume e a tradición de entregar o goberno de Galiza ao príncipe ou personaxe principal da familia real, como tamén a de educalo nela. Os títulos nobiliarios e as familias condais de máis prestixio e antigüidade eran galegos. A consideración de Asturias como Principado é do século XIV, como moito, xustamente após a entronización dos falsos Trastámara en Castela, León e Galiza, un título condal galego irónica e traxicamente apropiado por unha casa reinante que significou o inicio da subordinación inexorábel de Galiza a Castela.

A imaxe dos reinos occidentais cristiáns no mundo musulmán, no carolinxio e no Vaticano de entón, o contemporáneo circundante, tal e como a transmiten os seus cronistas, a súa diplomacia, a súa información, remiten claramente a unha visión na que Galiza e galego son o topónimo e xentilicio definidor por antonomasia. O reino e os reis, o territorio e os exércitos son desde eles definidos ou caracterizados. Houbo toda unha época no que a palabra España designaba a zona musulmá e Galiza a zona cristiá. Algo ten a ver este fenómeno co feito de non ter habido unha solución de continuidade das clases dirixentes e das estruturas de poder en boa parte de Galiza, malia a denominada invasión árabe da Península. En certa maneira, houbo unha continuidade co reino suevo e visigodo.

Por último, pode resultar unha obviedade, pero cómpre subliñalo, non existía na alta e mesmo na baixa idade media o concepto ou idea de fronteira definida politicamente. Nunha relación vasalático-feudal, existía un concepto xeral do territorio como algo natural e socio-cultural. Diferenciar a nobreza galega da portuguesa claramente até o século XII é imposíbel, toda é galega. Máis tarde, até o XIV é mesmo unha cuestión de matices porque a lingua e a base cultural segue a ser a mesma, varían as fidelidades ou son duplas respecto dos reis, polo que as súas tenencias impiden a definición de fronteiras, en primeira instancia, con marca no territorio, de forma clara. Hai variabilidade, conflito e inestabilidade, como algo consubstancial. Tal aseveración é tamén válida para a parte occidental, a transición a León. A inclusión dun ou doutro territorio fronteirizo nun reino determinado foi, pois, cambiante co tempo e condicionada por factores de correlación de forzas entre as clases dirixentes da monarquía, incluída claro está a xerarquía eclesiástica.

Por agora abonda. Non é igual ver Celanova ou Vilanova dos Infantes, sabendo a historia de verdade que teñen detrás. Non é o mesmo acceder ao interior do mosteiro de Vilanova de Lourenzá, sabendo que o reino de Galiza existiu. Nun e noutro caso, a mesma clase dirixente e o mesmo pobo están presentes. Todo resulta entón máis diáfano, máis claro, máis intelixíbel. E, sobre todo, comezamos a acceder a unha explicación e a unha visión do que realmente fomos, non unha provincia dunha realidade política astur-leonesa. Comprenderemos entón a entidade e valor das pegadas patrimoniais que o pasado histórico nos legou. E nos preguntaremos máis facilmente como chegamos a ocupar este papel tan indigno e suicida dentro do Estado español. Hai que mudalo. Non cabe outra. Desvendar a historia real resulta vital, en todo caso.