Uso social do monte veciñal: si, pero sen prexudicar a ninguén

Logo de un lamentábel accidente padecido por un ciclista no monte veciñal da parroquia de Valadares, no concello de Vigo desatouse a furia contra as comunidades de montes veciñais en man común. Os máis por descoñecemento, mais outros, incluíndo a administradores de xustiza, coa intención de darlle o golpe de graza. E dicir, tentando pór un chanzo mais, no camiño de privatizar os montes veciñais en man común; en consonancia coas directrices aprobadas polo sector forestalista do Consello Forestal de Galiza, para a revisión do plano forestal de Galiza.
A colocación de trampas e outros aparellos nos montes coa intención de facer dano, e un acto criminal. Polo tanto, debe ser perseguido pola xustiza. Mais os responsábeis de colocar esas trampas e eses aparellos, son a persoa ou as persoas que as colocan. Non as comunidades de montes polo mero feito de que aparezan esas trampas nos seus montes veciñais. Salvo excepcións, que se cadra hainas, as comunidades de montes veciñais en man común non colocan trampas nos seus montes veciñais.
O que non é de recibo e que as forzas de seguridade do Estado e os representantes da xustiza, disparen por elevación e tomen o camiño mais doado. En lugar de descubrir e colocar a persoa ou persoas responsábeis de colocar as trampas diante da xustiza, culpan das mesmas, sen probas fehacientes, as comunidades de montes. Esta acción, cando menos, non é xusta. E ademais, trae consecuencias negativas para as comunidades de montes e para os membros das xuntas reitoras. De feito, a comunidade de montes de Valadares ten embargadas as súas contas e a algúns membros da súa xunta rectora solicítanlle penas de cadea.
Os montes veciñais en man común nin son propiedades públicas, nin propiedades privadas. Son titularidades veciñais, comunitarias. Pertencen única e exclusivamente a veciñanza comuneira. Polo tanto, e a veciñanza comuneira a única con potestade para planificar, xestionar e administrar os seus montes veciñais. Os que defendemos esta outra forma de posuír, tamén defendemos que os montes veciñais son (e deben de ser) espazos abertos. Porque entendemos que os beneficiarios da función medioambiental e social que cumpren os montes, debe ser a sociedade no seu conxunto. Mais, para que isto sexa así, e para que ninguén sexa prexudicado, este uso social ten que ser autorizado, planificado e ordenado. Neste marco e onde hai que buscar o equilibrio para que se respecte a titularidade veciñal e para que se cumpra a función social.
Os enfrontamentos, por esta cuestión, entre a veciñanza comuneira e os usuarios da función social dos montes veciñais que non ostentan a condición de veciño/a comuneiro/a, e ademais de innecesario, contraproducente. E mais, os segundos, deberían ser aliados dos primeiros na defensa da existencia dos montes veciñais en man común. O único que fai este enfrontamento (sen base real ), e cargar de argumentos os intereses capitalistas, especulativos e urbanísticos que, dende fai tempo, tentan proceder a privatización dos montes veciñais. Se se privatizan os montes veciñais, estes deixaran de ser espazos abertos, e xa que logo, seríalle prohibido a entrada nos mesmos aqueles que non tiveran a autorización dos novos propietarios individuais.
Diante de esta cuestión que non ten que ser tan problemática como a queren pintar algúns medios de comunicación social, a asemblea xeral da Orgaccmm, celebrada o pasado 12 de Marzo, na Pobra do Caramiñal, acordou exixir da Administración Galega a elaboración de unha normativa para regular o uso social nos montes veciñais en man común. E que non nos veña a Administración co conto de que non quere ser intervencionista. No que fai referencia aos montes veciñais, estamos diante da Administración Galega mais intervencionista de historia. Lease senón o último decreto polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polos montes veciñais en man común en actuacións de mellora e protección forestal. Non soamente indica o porcentaxe de reinvestimento (o 40%), senón onde hai que reinvestilos.
As liñas mestras que deberían definir a regulación do uso social nos montes veciñais en man común, terían que pasar por: respectar a titularidade veciñal, asegurar o uso social do monte veciñal pero que non carrexe consecuencias negativas para as comunidades de montes e un código de boas practica para que de ese uso social non derive danos no arborado, na capa vexetal, nos restos etnográficos e patrimoniais.
Na defensa do monte veciñal como titularidade comunitaria, os primeiros ten que ser a veciñanza comuneira. Mais a sociedade galega ten que ser aliada xa que cando falamos de monte veciñal, estamos a falar de unha sexa de identidade da nosa nación.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.