Urbanismo: irracionalidades e inxustizas

Urbanismo: irracionalidades e inxustizas

A prensa acaba de facer pública unha sentenza, ditada polo Xulgado do penal da Coruña o 16 de xullo de 2012, que condena aos catro membros da Comisión de Goberno do Concello de Pontedeume a inhabilitación para cargo público municipal, multa de 6 € diarios durante 6 meses e á quinta parte do custe do xuízo, por incorreren en prevaricación ao concederen unha licenza para vivenda unifamiliar o 27 de decembro de 2002. Un auto posterior do mesmo xuíz, do 13 de setembro, precisa en 3 anos e 6 meses o tempo de inhabilitación para cargo local, na mesma liña de considerar o tempo transcorrido, case dez anos, atenuante para rebaixar a pena solicitada pola fiscalía. A día de hoxe, esta sentenza está recorrida na Audiencia Provincial.

Tendo en conta a lentitude con que actuou a Xustiza en todo o proceso, chama moito a atención a celeridade con que se procedeu neste xuízo, cunha primeira vista oral o 3 de xullo, outra parcial o 13 de xullo e sentenza o 16 do mesmo mes. Ademais, tampouco pasa inadvertido que a prensa a faga pública na semana anterior ao inicio de campaña das eleccións ao Parlamento galego, coincidindo cun momento de operacións especiais, xuízos a outros cargos ou ex cargos públicos e novas imputacións, como se a Xustiza saíse do marasmo e emprendese unha frenética actividade en período preelectoral. Parece claro que o principal obxectivo das informacións dalgúns medios, igual que noutras ocasións, segue a ser danar a imaxe da organización á que se pertence e se representou, mesmo máis que á propia persoa, proxectando o efecto de que todos son iguais. Fronte a esas informacións aparecidas na prensa sobre este caso, cheas de ocultacións e terxiversacións, semella oportuno ofrecer a versión detallada do sucedido, que contextualice debidamente a secuencia dos feitos.

En primeiro lugar, a licenza para a construción da vivenda unifamiliar en cuestión concédea a Comisión de goberno o 27 de decembro de 2002, estando de Alcalde accidental o Portavoz do BNG. Existe un informe favorábel do aparellador municipal do 11 de decembro e o mesmo 27 de decembro a secretaria presenta un informe xurídico desfavorábel, partindo da base de que é un solo rústico de protección costeira e de que a Lei do Solo (1997) prevalece sobre as Normas Subsidiarias vixentes no Concello, que permitirían a construción dentro dunhas limitacións (parcela mínima de 2.500 metros, distancia á estrada, etc.). A Xunta denuncia simultaneamente en varios Xulgados os feitos (as licenzas outorgadas antes de 2002 para 7 casas e unha ampliación de tellado nesa mesma zona) en 2004; houbo xuízos anteriores e sentenzas con sobresemento até a presente.

,A simple vista, a actuación dos membros da Comisión de Goberno semella imprudente e mesmo temeraria por tomaren unha decisión contraria ao informe da Secretaria. Este é o principal argumento do xuíz na sentenza para aporlles actuación de mala fe e a sabendas da ilegalidade da decisión que se ía tomar. Porén, cómpre aclararmos que, en 1999, cando o BNG e quen subscribe este artigo entran no goberno municipal, o secretario (un señor a punto de xubilarse) non emitía informes xurídicos; limitábase a traer os proxectos á Comisión de goberno e, simplemente co informe favorábel do aparellador, estas licenzas víñanse concedendo sen ningún tipo de problema. Calquera pode supor que os cargos públicos non son especialistas en materia urbanística e menos aínda nunha lexislación chea de lagoas e contradicións como a daquel entón. No momento en que se xubila o secretario e toma posesión unha nova secretaria, hai persoas que teñen feito un desembolso de diñeiro importante na adquisición de terreos, contratado e presentado proxectos para a construción da vivenda, previamente informadas polo propio aparellador municipal de que na zona poden construír. A concesión destas licenzas antes de entrar en vigor a nova Lei do Solo (xaneiro de 2003), máis restritiva que a anterior, o único que pretendía era non causar prexuízo aos particulares e non incorrer en agravio comparativo en relación ás licenzas outorgadas até o momento co anterior secretario. Desde logo, había que estar moi imbuído de materia urbanística e ter o sangue moi frío para actuar de xeito neutro ou, se quixermos, “politicamente correcto” sen entrar a considerar o lado humano da cuestión e os posíbeis danos a persoas. Pode ser inxenuidade e inexperiencia no cargo a desempeñar, mais tamén falta de ferramentas axeitadas como un PXOM, falta de técnicos competentes como un Arquitecto municipal, deixación do Secretario anterior, que si tiña obriga de coñecer a lei e emitir informes e do aparellador que tiña que estar ao día na materia de que se supoñía competente. En fin, as limitacións e penurias que se padecen nas pequenas administracións locais.

A consideración dos feitos no seu contexto e a confusión que se puido xerar non foron estimadas polo xuíz. Chama a atención nesta sentenza a saña con que se despacha aos políticos, sobre todo se a compararmos coa lixeireza e benevolencia que se dispensa ao aparellador “que se limitó a cubrir una plantilla hecha por el secretario”, que tivo unha actuación “cuando menos torpe”, “que debería haberse puesto al día y conocido la legislación posterior que derogaba aquellas normas”, que actuou no límite “entre la culpa consciente y el dolo eventual”, que non realizou “informe injusto a sabiendas de su injusticia”… Todo o contrario do que se di dos cargos públicos, aos que se acusa de atentar, case con premeditación e aleivosía, contra a ordenación do territorio e de “cometer acto inxusto a sabendas da súa inxustiza”. É dicir, os cargos públicos só deberían ser meras comparsas daquel baile de contradicións, desatendendo os posíbeis prexuízos que se lle ocasionarían a veciños ou auténticos expertos na materia. Cabe preguntarse tamén –algo que non fai o maxistrado- quen tiña a obriga e a responsabilidade de actualizarlle, desde o punto de vista técnico, a famosa “plantilla” ao aparellador municipal, caso de non ser obriga súa. Non ten ningunha responsabilidade a secretaria que toma posesión no que se refire á coordinación e posta ao día deste técnico de rango inferior? Vai ser responsabilidade de calquera concelleiro, como quen di incompetente ou “analfabeto” nestes asuntos? Entre tanta incomprensión e xordeira, chama a atención que o noso único atenuante á hora de punir o “delito” sexa a cantidade de anos transcorridos, por culpa da lentitude da maquinaria xudicial. Na balanza supoñemos que se ponderará o sufrimento que pode ocasionárselle a persoas durante tanto tempo. Cando hai interese en “restablecer” a imaxe dun político, dos considerados de “rango superior”, actúase cunha dilixencia sorprendente.

Desde logo, os feitos ocorridos nos últimos tempos e concretamente nas últimas semanas, poñen de manifesto tratamentos dispares. Entre a xente existe a convicción moi estendida de que a acción da xustiza é exemplarizante e fai caer todo o peso da lei sobre os máis febles e, non obstante, é máis medida e clemente cos poderosos. Seguramente non pasou pola cabeza de ningún maxistrado ordenar que esposasen a un Dívar ou a un Urdangarín, tal e como se fixo recentemente con cargos públicos locais por susposto risco de fuga. Múltase e condénase a moz@s desempregad@s da CIG por retiraren bolsas con produtos de supermercados como forma de protesta simbólica ante a súa situación laboral. Ninguén emprende accións xudiciais contra ex directivos das Caixas que levaron ás súas casas, seguro que “amparados legalmente” indemnizacións millonarias nin contra os banqueiros que enganaron e estafaron coas preferentes.

Volvendo ao caso: é evidente que custa traballo conciliar as ideas de lei e xustiza, de dereito e razón. Desde que a Xunta de Galiza, gobernando o PP de Fraga, denunciou en 2004 o Concello de Pontedeume, sufrimos unha auténtica e prolongada instrumentalización con fins políticos deste affaire urbanístico. A Lei de 1997, a partir da que se denuncia e se xulga este suposto delito contra a ordenación do territorio, serviu ao mesmo tempo para permitir e amparar as maiores especulacións e barbaridades no país. A actuación da Xunta do PP foi claramente arbitraria, denunciando a uns, facendo a vista gorda con outros e promovendo aberracións polas mesmas datas, aberracións que podemos ollar mesmo aquí ao lado. Non fai falta pór como exemplo as urbanizacións de Barreiros, legalizadas a golpe de diñeiro público polos grandes intereses que había detrás. A urbanización de FADESA en Miño, de millón e medio de metros cadrados, arramplou toda clase de solos rústicos, de protección forestal (fragas), zonas de regatos, agropecuarios, Camiño de Santiago, etc. Poden compararse os case 20 quilómetros do litoral de Pontedeume cos deste outro Concello, gobernado desde sempre polo PP, onde se practicou un urbanismo “a toda costa”. Desde logo os valores paisaxísticos a protexer son semellantes; porén, a realidade é que a franxa costeira de Miño, desde o límite con Pontedeume en Perbes, está completamente urbanizada. Como se pode entender que se permita construír a 20 metros do mar desde Perbes até a praia grande de Miño (máis de dous quilómetros)? Fundamentalmente para favorecer determinados intereses e legalizar situacións como a do chalé de Fraga, instalado enriba do areal de Perbes e outros casos semellantes. Ironías da vida, un Concello concibido con esta filosofía urbanística pode mesmo ganar premios á “sostenibilidade ambiental”.